Antonio Reigosa, 20 anos de Galicia Encantada: “A Costa da Morte é porto de partida para viaxar ao Paraíso”

Entrevista de Ubaldo Cerqueiro a Antonio Reigosa en Que pasa na Costa:
“(…) – Que pasa na Costa (QPC): Cales son as lendas vinculadas á nosa comarca que máis che prestan?
– Antonio Reigosa (AR): A Costa da Morte é moi rica en lendas de todos os tipos e temas que poidamos imaxinar. Hai ducias de santuarios e fontes milagreiras, pozos, castros, mámoas, pedras e montes, e todos estes lugares están habitados por mouras e mouros, tesouros, trasnos, bruxas e ánimas.. e toda a nómina de seres do noso imaxinario popular.
Na web Galicia Encantada temos varias desas lendas. Cóntase da Sala do Perello (demo), en Pel, próxima ao santuario da Barca (Muxía). A dos bois de Gures, illotes que están a carón da desaparecida Duio (Fisterra), e a da meiga dos dentes verdes, que anda por Carballo, as lendas do castro de Oca (Coristanc), ou a do crego de Limiñoa (Ponteceso) que era quen de colgar a sotana dun raio de sol, os benéficos efectos curativos do carballo de San Fins, en Cambeda (Vimianzo) e as historias da Orcavella, do Vákner e de Pepa, a Loba, a ladroa que andou esas terras, roubando e metendo medo como en tantos outros lugares de Galicia. Coas lendas do monte Pindo abondaría para encher unha enciclopedia fabulosa.
– QPC: Cóntame que cres que define a maxia da nosa comarca.
– AR: Xa o nome, Costa da Morte, evoca a maxia. Que poder haber máis máxico que poder contemplar como se deita o sol cada solpor!
As historias que sucederon e que se contan sobre naufraxios ou sobre as viaxes ao Paraíso só se poden escoitar na Costa da Morte. Ademais, eu creo, que dentro de cada un de nós hai algo, un sentimento, unha crenza, un saber que nos dí des que nacemos que, sexamos de onde sexamos, non nos queda outra que visitar, sequera na hora final das nosas vidas, a Costa da Morte. (…)”