Letras Galegas 2025 na Coruña, o 18 de maio


O domingo 18 de maio ás 12h00 terá lugar un acto polo Día das Letras Galegas diante do Teatro Rosalía de Castro, na Coruña. Esta actividade, organizada cada ano en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, chama a ler a obra das persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas, dedicada neste 2025 á poesía popular oral, personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro últimas das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Este é un ano especial porque homenaxea tamén a moitas mulleres, a meirande parte delas anónimas, que foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da lingua e da cultura galega.

Se ben a música foi da man da poesía sempre, no Día das Letras Galegas 2025 é mais claro que nunca. Por iso animamos a ler, ou cantar, un texto de poesía popular ou calquera texto sobre a lingua galega. Realizarase alí mesmo, dirixido por Marta Pumares, pandeireteira e grande coñecedora da música tradicional, un obradoiro no que se aprenderán tres pezas do repertorio das homenaxeadas este ano. O público que se anime a ler/cantar pola súa conta pode enviar previamente aquí o texto escollido.

Para o obradoiro e para asistir a toda a actividade non é necesario inscribirse.