A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). Así o decidiu a institución no pleno ordinario celebrado esta mañá no pazo municipal de María Pita (A Coruña), unha sesión na que tamén se valoraron as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose. A RAG celebrará a narradora, autora serodia de dúas novelas nas que reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, e mais a xornalista, nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego. Coa lembranza de Begoña Caamaño, as Letras 2026 serán unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebrou o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía.
A proposta de Begoña Caamaño foi presentada polas académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei. De acordo cos estatutos da RAG, discutiuse canda as outras tres formalizadas na primeira xuntanza ordinaria do pleno da institución tras a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas do ano en curso, que ten as cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas. A que se homenaxeará no 2026 será de novo unha voz feminina, desta volta a dunha autora en singular pero que escolleu proxectarse no colectivo da palabra literaria e da voz xornalística.
“Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, reza o texto da candidatura aprobada. “A figura de Begoña Caamaño dialoga hoxe cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria, traslada outra experiencia de ambas as dúas. Cómplice dese tecido de voces que é a literatura, coma colchas tecidas con retallos, voz coral na que se recoñece, entrégase á narrativa sen desoír a interrogación da xornalista e a esixencia da lectora”, prosegue.
A de Caamaño é así unha obra para a ética, para o movemento, para o pensamento crítico, para un país e un idioma que cultivou con precisión e esmero, conclúen as propoñentes, que subliñan a imposibilidade de delimitar seccións na súa traxectoria. “A constante implicación con causas sociais, culturais e políticas perfilan unha biografía movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e xenerosa determinación. Atenta lectora da realidade social, audaz nas súas formulacións, vibrante no debate, Begoña Caamaño, viaxeira curiosa á procura do encontro co outro, do recoñecemento da diferenza, implícase na defensa dos dereitos humanos, o pacifismo, a solidariedade, a dignidade, a liberdade, con sólidas conviccións  mobilízase na crítica da inxustiza social, as opresións, o poder o os seus abusos, as desigualdades e os privilexios”, abundan. (…)”