O Observatorio de ideas e textos de literatura e astronomía, a cargo de Estíbaliz Espinosa, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
– O Observatorio de ideas e textos de ltieratura e astronomía (no ano da Eclipse total na Galiza) ofrece un espazo para mirar, ler en voz alta, escoitar música, debater, crear, preguntar e entender a mecánica celeste e a literatura.
– O fío condutor é a eclipse, desde os mitos solares, a historia da astronomía e da poesía cósmica, até a relación entre imaxinación científica e literatura.
Hai un intre en que o sol desaparece en pleno día. O ceo escurece, as estrelas case están por saír de súpeto, os paxaros calan. Dura uns brevísimos minutos. E nese silencio absoluto, a linguaxe humana -a ciencia, a poesía, a música- revela a súa orixe máis fonda: o asombro.
E na sombra que nos asombra sempre, non somos neste lugar do mundo, as galegas e galegos, un pouco fillas rosalianas do asombro?
O Observatorio de Ideas e Textos de Literatura e Astronomía nace dese asombro compartido. No ano en que Galiza acolle unha eclipse total de sol -fenómeno que non se repetirá sobre este territorio en xeracións-, propoñemos un ciclo de
encontros que exploren a fronteira entre dúas formas de mirar o universo: a científica e a poética. Dúas formas que, máis que opostas, son complementarias e, con frecuencia, inseparables e nas que levo investigando e creando varios anos.
Desde Safo de Lesbos e Hiparco de Nicea até Antonia Ferrín e Ramón María Aller, e desde o tapiz palindrómico de seda de Su Hui até Wisława Szymborska, desde as táboas babilónicas até os versos de Emily Dickinson, Rosalía ou Luísa Villalta (todo un triángulo de verán) os seres humanos non deixamos de alzar os ollos e de arredondar eses 360º en linguaxe lírica.
A astronomía, a máis antiga das ciencias, e a literatura, non a máis antiga das artes, nacen dun mesmo xesto primitivo: poñer nome ao que nos sobrecolle, ao que reborda de nós.
– Terá 8 sesións de 3 horas.
– Hai un total de 15 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase mediante o envío dun correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro.
– O calendario de días, horas e emprazamentos é o seguinte:
En Zona C. Punto de Información Cultural (Rúa Preguntoiro, nº 1, Praza de Cervantes), en Santiago de Compostela.
– Sábado 13 de xuño, de 11:00 a 14:00
– Sábado 20 de xuño, de 11:00 a 14:00
– Mércores 8 de xullo, de 16:00 a 19:00
– Sábado 11 de xullo, de 11:00 a 14:00
– Mércores 15 de xullo, de 16:00 a 19:00
No Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Avenida das Ciencias. Campus Vida), en Santiago.
– Mércores 22 de xullo de 19:30 a 22:30
Na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55, baixo), en Santiago.
– Sábado 1 de agosto de 11:00 a 14:00
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
