Nuria Vil: “Segue a existir a narrativa de que as persoas queer somos perigosas”

Entrevista de Tamara Novoa a Nuria Vil na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Defíneste como recitadore. Que ten a oralidade que non ten a escrita?
– Nuria Vil (NV): Eu podo recitar un día unha cousa e ao seguinte outra. Entón, hai un certo grao de espontaneidade que a escrita, inevitablemente, non pode ter, porque hai que escoller unha opción, deixala escrita e que quede aí. Tamén necesitas unha persoa que escoite, ten que haber alguén do outro lado que reciba o que eu digo.
– AM: Como nace ou de onde vén esa vocación de contar historias?
– NV: É unha pregunta que me fixen moito e non teño nin idea. As miñas avoas, a miña nai, as miñas tías…, en definitiva, as mulleres que tiven ao redor son mulleres que falan moito entre elas, que son moi espontáneas, que sempre teñen historias. Hai unha riqueza en contar as historias que creo que reside na oralidade, e moita xente pode recoñecela porque a temos ao noso redor. Logo, eu vivín moitas cousas na miña adolescencia e despois tiven unha necesidade de contalo ou de buscar un tipo de voz, miña, propia, coa que saír dalgún sitio.
– AM: Decátaste na adolescencia de que o que che gusta é contar historias?
– NV: Non, moito máis tarde. Son unhe recitadore, poeta, creadore que moita xente consideraría tardía. Con 23 anos ou así comecei a facer recitais, a interesarme un pouco máis e a escribir algunhas cousas, pero na adolescencia non estaba escribindo. Estudando a carreira tiven a oportunidade de empezar a ler autoras, de coñecer movementos literarios máis performáticos, con moita cor, moito flúor e moita xente subida nos escenarios cagándose en todo. Aí atopei algo no que me recoñecía e que me parecía divertido, e dixen: pois eu quero facer esta cousa, eu tamén quero divertirme así.
– AM: E quen eran esas autoras?
– NV: No inicio non tiña referentes de mulleres escritoras; naquel intre foran Rompente, Ronseltz ou o Batallón da Costa da Morte. Ao seren todo homes, iso facía que tampouco me acabase de recoñecer de todo. Estando xa na Universidade de Vigo, descubrín A Sega, a plataforma de crítica literaria feminista, e empecei a facerme preguntas. Decateime de que non tiña referentes, primeiro autoras e despois persoas non binarias que escribisen, ou persoas do colectivo LGBT nas que recoñecer a miña vida. Sempre digo que me marcou moitísimo escoitar a Silvia Penas na Colexiata, aínda que ela fai unha cousa diferente ao que eu fago. Pero ao vela si que puiden ver un espello e dicir: eu fago iso na miña casa. (…)”