Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“O debate sobre o financiamento público e as prioridades da política cultural e lingüística en Galiza volve ao centro da opinión pública. A faísca que acendeu os ánimos foi a denuncia pública da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en relación a un curso anual de escritura creativa acollido na Cidade da Cultura, xestionada pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galiza. Organizado pola ‘Escuela de Escritores, S. L.’, entidade privada con sede en Madrid e baixo a dirección de Javier Segarra, o curso conta coa colaboración desta Fundación. Esta alianza suscita preguntas incómodas: é lícito que a Xunta financie e dea soporte loxístico a unha actividade privada de alto custo e con fins lucrativos de fóra do país? Debe o diñeiro público servir para apoiar proxectos privados que non redundan no tecido produtivo, cultural e asociativo galego?
Un dos aspectos máis rechamantes do curso que acolle o complexo do Gaiás é o seu prohibitivo custo económico: cada persoa matriculada debe desembolsar a cantidade de 2.350 euros por curso. Esta cifra sitúa a actividade fóra do alcance da maioría da poboación, converténdoa nun servizo de elite nun espazo público que se supón de todas e para todos. Resulta paradoxal que unha fundación pública instrumental como a Cidade da Cultura dedique as súas instalacións e prestixio a un curso cuxo prezo representa unha barreira insalvábel para a cidadanía media.
Desde a AELG, por outra parte. sinálase que a estrutura deste curso é exactamente idéntica á que esta mesma empresa privada imparte noutras capitais españolas como Burgos, Zaragoza, Xetafe, Málaga ou Bilbao, limitándose simplemente a variar os docentes contratados en cada unha das localizacións. O curso expórtase en cadea, sen adaptación nin arraigo no sistema de Galiza, agás por incorporar escritores galegos na nómina.
A inclusión de firmas locais na publicidade serve, segundo Beatriz Maceda, vicepresidenta da AELG, como un elemento de lexitimación que no oculta a realidade de fondo: o negocio e a estrutura proveñen de fóra do país. Maceda, en conversa con Nós Diario, aclara que o posicionamento “non se dirixe ás persoas que imparten o curso”, cuxo traballo respectan, senón á “irregularidade” de empregar fondos públicos “para unha actividade que non redunda no fomento do galego nin na actividade literaria na nosa lingua”.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, insiste neste punto en declaracións a este xornal: “Nós non entramos a cuestionar o profesorado. Nós guiámonos polos pronunciamentos públicos das administracións e empresas. Non dubidamos da boa vontade de quen quere impartir este curso, pero o feito de que estas cousas se fagan con docentes que habitualmente escriben galego non nos pode levar a deixar de contestar unha conduta que consideramos irregular da Administración”.
No deseño orixinal da actividade constaba que o idioma do curso sería o español. Esta elección choca frontalmente cos deberes legais de promoción e normalización do idioma propio da Galiza. Para a AELG, é inxustificábel que o máis grande complexo cultural do país destine recursos a acoller unha actividade formativa na que o galego é excluído como lingua vehicular, nun país cuxo idioma de seu atravesa unha delicada situación de perda de falantes.
A denuncia pública da AELG non tardou en provocar unha reacción, aínda que de carácter estritamente cosmético. Tras a difusión do comunicado da asociación de escritores, a páxina web de “Escuela de Escritores” modificou o apartado relativo á lingua do curso. Onde antes figuraba de forma exclusiva a palabra “Español”, pasou a lerse “Castellano – Gallego”. Con todo, para a dirección da AELG este cambio sobre a marcha non resolve o problema de fondo. Desde a asociación pregúntanse se esta emenda é un xesto real ou simplemente un intento de diluír as críticas sen alterar a natureza dunha actividade concibida orixinalmente en castelán e para un mercado de fóra..
Esta colaboración pon en dúbida o cumprimento dos plans programáticos da administración galega. O presidente da AELG sinala que esta actividade vai en contra do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, 2021-2027, nado para dar resposta “as necesidades e expectativas do sistema cultural galego”. Sánchez pregunta como un curso privado de elite de fóra, organizado en español, pode axudar a este obxectivo.
Ademais, a proposta incumpre o artigo 7, apartado d) dos estatutos da Fundación, que recolle o deber de desenvolver actividades que “dinamicen o sistema cultural galego, promovendo a nosa cultura e a formación dunha comunidade artística vibrante… atendendo tanto a novos talentos coma á cultura de base”. Como sinala Beatriz Maceda, se a Xunta tivese interese real, “podería contar con entidades e escritoras do país sen necesidade de recorrer a un actor que claramente está situado fóra do sistema literario galego”.
Este episodio pon de manifesto unha fenda profunda sobre o modelo de xestión cultural da Xunta da Galiza. Por unha parte, unha visión que concibe a cultura como un contedor de eventos onde calquera empresa privada de fóra pode facer negocio baixo o amparo e patrocinio público. Pola outra, as voces creadoras do país esixen que as políticas públicas e o diñeiro de todos estean ao servizo da soberanía lingüística, da profesionalización dos axentes locais e da dinamización real da lingua e da literatura galegas.
A AELG maniféstase de maneira contundente: esta actividade privada non debe colaborar co Gaiás nin coa Xunta. O goberno debe reverter acordos con entidades que non fomenten a normalización nin contribúan ao sector do libro galego. Mentres as institucións calan, a pregunta segue na rúa: é esta a política cultural que precisa a Galiza, ou estamos a financiar co noso propio diñeiro a nosa desvalorización cultural?
O conselleiro de Cultura, José López Campos, declarou esta cuarta feira, a preguntas dos xornalistas, que se trata de “unha cesión de espazo” e lembrou que se poden usar as dúas linguas cooficiais da Galiza. A Escola de Escritores engadiu que tanto o profesorado coma o alumnado teñen liberdade para elixir calquera das dúas. Porén, as cuestións que atinxen ás orientacións que debe seguir a política cultural e o uso das infraestruturas públicas seguen sen ser respondidas.”