Desde Nós Diario:
“A Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) decidiu que LIBER 2026 homenaxee o galego Xosé Ballesteros Rey, cofundador e director xeral de Kalandraka Editora, polo seu percorrido profesional e pola súa contribución ao sector editorial. A federación salienta especialmente o seu traballo no ámbito da literatura infantil e xuvenil, así como o seu compromiso coa edición de calidade, a creación literaria, a tradución e a promoción da lectura.
A homenaxe terá lugar o 30 de setembro no Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), en Barcelona, durante a Gala LIBER. O acto forma parte da programación da 44ª Feira Internacional do Libro, LIBER 2026, que se desenvolverá do 29 de setembro ao 1 de outubro.
Xosé Ballesteros Rey é editor, escritor, tradutor e especialista en literatura infantil e xuvenil. Cofundador de Kalandraka Editora en 1998, exerce desde entón como director xeral da editorial, que recibiu en 2012 o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu un catálogo centrado na edición de calidade e na difusión da literatura para públicos de todas as idades. Tamén dirixe os selos Cuatro Lunas e Faktoría K de Libros, integrados na estrutura de Kalandraka, cuxo catálogo supera os 800 títulos. Algúns destes libros recibiron recoñecementos tanto no Estado como a nivel internacional.
Como autor, publicou obras como Talego, gañadora do Premio Manuel García Barros de Novela en 1993. Na literatura infantil destacan títulos como O coelliño branco, Tío Lobo e Imaxina Animais, traducidos e publicados en diferentes países. A súa actividade tamén está ligada á tradución. Entre outros traballos, editou numerosos libros para a infancia e, no ámbito da literatura para adultos, unha antoloxía poética de Fernando Pessoa que recibiu en 2015 o terceiro Premio Nacional ao Mellor Libro Editado.
Ballesteros mantivo ademais unha ampla actividade institucional en representación do sector editorial. Foi presidente da Asociación Galega de Editoras entre 2016 e 2020 e vogal da Xunta Directiva da FGEE entre 2018 e 2021. Así mesmo, formou parte do xurado do Premio Princesa de Asturias das Letras en varias edicións. Con esta homenaxe, LIBER 2026 pon en valor unha traxectoria estreitamente vinculada á edición, á creación literaria e á difusión da lectura, especialmente entre o público infantil e xuvenil.”