O ISBN rexistra a recuperación na edición de libros en Galicia

Desde Cultura Galega:
“A produción editorial galega recuperouse en 2018, segundo recollen as cifras da rexistro do ISBN para ese ano que acaba de publicar a Federación de Gremios de Editores de España. Esta análise sinala que saíron das editoriais do país un total de 2.161 títulos fronte aos 1.927 do ano anterior. A mellora sitúa a cifra ao nivel de 2016 e permítelle ao noso país subir unha posición na lista de comunidades con maior produción editorial. Galicia fica así no quinto posto, cun 2,8% do total dos libros que saíron no Estado durante ese ano.
Pola contra, a cifra de libros publicados en galego, 1.245 títulos, supón unha mingua a respecto de 2017 se a comparamos coa Panorámica da Edición Española de Libros, informe que recolle tamén datos do ISBN. Este informe cifraba en 1.288 os libros na nosa lingua durante o período, o que supuña unha recuperación a respecto de 2016.”

A Asociación Galega de Editoras alerta da baixísima porcentaxe de lectura en galego

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“Os datos coñecidos esta semana do “Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros 2018” da Federación de Gremios de Editores de España revelan un lixeiro incremento xeral, en todo o Estado, das persoas lectoras, pero poñen de manifesto, a un tempo, a delicadísima situación da lectura en galego no noso país.
Para a AGE, que medre o número de lectores e, sobre todo, lectoras, en todo o Estado é unha boa nova, pero a situación en Galicia segue a ser moi preocupante. Non só por seguirmos na zona baixa da estatística a nivel estatal, senón sobre todo por ese ínfimo 4% de persoas que afirma escoller libremente o galego como lingua de lectura.
Demandamos, unha vez máis, políticas efectivas, reais e transversais de fomento da lectura en galego. A nosa lingua é un patrimonio único que debe ser preservado e potenciado de maneira decidida. Conéctanos co mundo, porque nos fai singulares e vivos, e debe ser prestixiada.”

“Diminúe o número de títulos editados en Galicia, segundo o ISBN”

“Os datos da Federación de Gremios de Editores de España sobre os títulos rexistrados na Axencia Española do ISBN revelan un descenso nas cifras da edición galega. Deste xeito, no noso país editáronse en 2011 un total de 2.996 obras, o que supón o 2,9 % do conxunto do Estado. Fronte a isto, os datos de 2010 cifran en 4.754 os títulos editados en Galicia, o que suporía un descenso de 1.700 títulos que, ademais, crebaría a tendencia crecente dos últimos anos. De xeito paralelo, as 1.855 obras que saíron editadas na nosa lingua supoñen tamén un descenso fronte ás 2.544 do ano anterior, segundo os datos achegados polo Ministerio de Cultura a partir do mesmo rexistro.” Vía Cultura Galega.