Entrevista de Uxía Miranda a Eva Mejuto e Nee Barros en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): É a primeira vez para ambes traballando nun libro divulgativo. Como xurdiu este proxecto?
– Eva Mejuto (EM): Naceu a raíz dunha conversa coa editorial Xerais, onde teñen unha gran sensibilidade coa diversidade sexo-xenérica. Eu xa escribira varias novelas xuvenís que trataban o tema, pero tiña ganas de meterme en algo pensado para un público máis pequeno, porque parece que sexualidade e a diversidade empeza no instituto, e nada que ver. A idea de que fose un libro divulgativo xa a tiña na cabeza e pareceume importante que, para este libro en concreto, houbese dúas voces que dialogasen, procedentes de dúas xeracións distintas pero que compartisen unha mesma maneira de pensar e de entender o mundo. Aí tiven claro que o meu compañeire tiña que ser Nee, con quen colaboro en moitísimas cousas relacionadas co activismo. E o libro deu moitas voltas, porque todo comezou hai 3 ou 4 anos!
– FV: E como vivistes esa primeira experiencia de escrita a catro mans? Repetiríades?
– Nee Barros (NB): Para min foi un proceso moi enriquecedor e que repetiría. Ademais, hai algo moi bonito na propia concepción do libro: eu coñecín a Eva cando eu aínda era un adolescente que estaba buscando referentes e Eva escribira un libro, 22 segundos, que fala da realidade trans. Nós agora intentamos continuar esa idea de que a xente diversa, de calquera identidade e orientación, teña referencias e poida verse reflictida nun libro. (…)”