Soledad García Riveiro: “Os premios danme forzas para seguir loitando por un mundo máis xusto e humano”

Entrevista de Jose Antepazo a Soledad García Riveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): O seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción cumpre cinco anos. Que cambiou desde os seus inicios ata hoxe en día?
– Soledad García Riveiro (SGR): Sobre todo, cambiou a ilustración. Agora fago todo eu en solitario: escribo, ilustro, maqueto, difundo, organizo os eventos… É unha loucura de traballo. Facendo balance e mirando para atrás, non sei como fun capaz de chegar a tanto. Aproveito todo o tempo libre que teño, é a miña paixón.
Hai moito dos meus pais en Emocionaria. Eles son os meus grandes referentes e ensináronme o valor da nobreza, do traballo duro, da humildade e de facer as cousas con corazón. Ese legado camiña con cada paso que dou. (…)
– FV: Facendo alusión ao nome, se tivese que describir estes cinco anos de Emocionaria cunha emoción, cal sería?
– SGR: A alegría. Cada vez que a un neno lle gusta un dos meus libros ou está a signar e cantar comigo nas presentacións é incrible. O outro día, ao rematar o contacontos unha nena abrazoume como se non houbese mañá e iso para min foi impresionante. Esa sensación de que uns nenos que non che coñecen de nada veñan a abrazarte é marabilloso, así que quédome coa alegría seguro. (…)”