Soledad García Riveiro: “Os premios danme forzas para seguir loitando por un mundo máis xusto e humano”

Entrevista de Jose Antepazo a Soledad García Riveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): O seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción cumpre cinco anos. Que cambiou desde os seus inicios ata hoxe en día?
– Soledad García Riveiro (SGR): Sobre todo, cambiou a ilustración. Agora fago todo eu en solitario: escribo, ilustro, maqueto, difundo, organizo os eventos… É unha loucura de traballo. Facendo balance e mirando para atrás, non sei como fun capaz de chegar a tanto. Aproveito todo o tempo libre que teño, é a miña paixón.
Hai moito dos meus pais en Emocionaria. Eles son os meus grandes referentes e ensináronme o valor da nobreza, do traballo duro, da humildade e de facer as cousas con corazón. Ese legado camiña con cada paso que dou. (…)
– FV: Facendo alusión ao nome, se tivese que describir estes cinco anos de Emocionaria cunha emoción, cal sería?
– SGR: A alegría. Cada vez que a un neno lle gusta un dos meus libros ou está a signar e cantar comigo nas presentacións é incrible. O outro día, ao rematar o contacontos unha nena abrazoume como se non houbese mañá e iso para min foi impresionante. Esa sensación de que uns nenos que non che coñecen de nada veñan a abrazarte é marabilloso, así que quédome coa alegría seguro. (…)”

Soledad García Riveiro: “Cada vez que gaño un premio literario, invisto no seguinte libro”

Entrevista de Jose Antepazo a Soledad García Riveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Vén de publicar Afouteza, a súa última obra.
– Soledad García Riveiro (SGR): Si, quería unha data significativa para facelo e escollín o Día da Amizade. Foi unha presentación diferente na libraría Paraísos de Papel, en Nigrán, na que cada persoa me tiña que facer unha pregunta. Foi moi especial. A miña última obra, Afouteza, recolle todas as obras premiadas nos últimos anos ata maio de 2026 e á xente encantoulle.
– FV: Forma parte do seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción.
– SGR: Si, é un proxecto de prestixio e de difusión do galego a través de libros divulgativos, como Un paseo por Nigrán, Un paseo por Baiona ou Un paseo por Gondomar. No primeiro divulguei a recuperación do mosaico milenario de Panxón, que está en Nova York. No segundo defendín os garranos. Traducímolo ao inglés, A walk in Baiona e levámolo á Feria Internacional de Berlín. No último, defendo as terras raras da Serra do Galiñeiro.
– FV: Como nace esta idea?
– SGR: Creo os contos para a miña nena. A min o que me encanta é o medioambiente e quería facer un proxecto de divulgación da nosa lingua, do galego, a través de libros que contribuísen a protexer a natureza, o patrimonio e os animais. Hoxe en día, os nenos son moito de pantalla e de estar na casa e eu quero que coñezan e non se perdan todas esas tradicións que a min me ensinaron. Por exemplo, quería explicarlles o que é o Samaín, a nosa cultura celta: cando chegaba o outono, acendíanse cabazas para darlle forza ao sol e vencer a escuridade do inverno. Entón, escribín Samagostín, para vencer o medo aos seres escuros porque hai moitos nenos que nesa época teñen moito medo a saír á rúa. Sempre me saen cousas da cabeza e cada vez que gaño un premio literario, invisto no seguinte libro. Este ano, estou a ter bastante sorte porque xa levo varios premios. Agora, como a miña filla está crecendo, xa non quere que faga libros infantís e vou facer novelas, pero tamén de defensa. (…)”