Soledad García Riveiro: “Os premios danme forzas para seguir loitando por un mundo máis xusto e humano”

Entrevista de Jose Antepazo a Soledad García Riveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): O seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción cumpre cinco anos. Que cambiou desde os seus inicios ata hoxe en día?
– Soledad García Riveiro (SGR): Sobre todo, cambiou a ilustración. Agora fago todo eu en solitario: escribo, ilustro, maqueto, difundo, organizo os eventos… É unha loucura de traballo. Facendo balance e mirando para atrás, non sei como fun capaz de chegar a tanto. Aproveito todo o tempo libre que teño, é a miña paixón.
Hai moito dos meus pais en Emocionaria. Eles son os meus grandes referentes e ensináronme o valor da nobreza, do traballo duro, da humildade e de facer as cousas con corazón. Ese legado camiña con cada paso que dou. (…)
– FV: Facendo alusión ao nome, se tivese que describir estes cinco anos de Emocionaria cunha emoción, cal sería?
– SGR: A alegría. Cada vez que a un neno lle gusta un dos meus libros ou está a signar e cantar comigo nas presentacións é incrible. O outro día, ao rematar o contacontos unha nena abrazoume como se non houbese mañá e iso para min foi impresionante. Esa sensación de que uns nenos que non che coñecen de nada veñan a abrazarte é marabilloso, así que quédome coa alegría seguro. (…)”

Soledad García Riveiro: “O galego necesita seguir presente nos espazos onde se crean os afectos”

Entrevista a Soledad García Riveiro en Ourense Xa:
“(…) – Ourense Xa (OX): Como comezou a túa faceta como escritora?
– Soledad García Riveiro (SGR): Pois dunha forma moi natural. A min sempre me encantou escribir e pintar. Xa no instituto escribía na revista escolar, pero a miña verdadeira forza creativa xurdiu coa maternidade.
Houbo un momento moi significativo na nosa familia, no que atravesamos unha situación de ruído moi tensa que me obrigou a aprender a perder. Nesa etapa decateime de que escribir era unha maneira de que a miña cabeza deixase de darlle voltas ás cousas. A escritura converteuse nun refuxio, ao mesmo tempo que os libros nacían xunto á miña filla e ás súas preguntas. Por exemplo, en DEDAS dei vida a Sorpresa, unha nena que consegue cumprir o seu soño de converterse en serea. ZOO Libre xurdiu porque non quería que visitase o zoolóxico e vise os animais engaiolados. E, en SAMAGOSTÍN, quería recuperar unha tradición tan nosa como o Samaín, o final do verán, e axudar a vencer o medo aos seres escuros que rondan a noite do 31 de outubro.
– OX: Ao longo da túa traxectoria publicaches máis dunha vintena de obras e recibiches numerosos recoñecementos. Como afectou isto á túa carreira?
– SGR: Con cada libro abro unha nova porta que me permite tratar un tema que me preocupa. Os premios e os recoñecementos son unha alegría porque dan visibilidade ao traballo, pero o máis importante segue a ser o encontro coas lectoras e cos lectores.
O que máis me emociona é ver como un libro provoca unha conversa, anima unha familia a facer unha ruta ou fai que unha nena ou un neno mire unha árbore, unha praia ou un animal con outros ollos, mesmo ata o punto de adoptalo. En realidade, é unha paixón. Por desgraza, é moi difícil vivir da literatura. O que quero é seguir construíndo un proxecto no que o álbum ilustrado, a poesía, a divulgación, o cómic e os libros con rutas sexan ferramentas para aprender, emocionar e crear conciencia. (…)”