Entrevista de Xermán Hermida a Iria-Friné Rivera Vázquez en Cultura Galega:
“(…) A Deputación da Coruña publicaba este mes de setembro Quen conduce o Estado: Arte, ideas, artistas e movementos que deron forma á vitoria do Estatuto de Galicia de 1936. O volume, escrito pola historiadora da arte Iria-Friné Rivera Vázquez, analiza a campaña de comunicación a prol da aprobación deste texto durante a Segunda República española. Desde os antecedentes políticos ata os movementos artísticos internacionais, toda unha conxunción de factores confluíu nun traballo coordinado por un equipo moi reducido de persoas e cun tempo limitado de preparación.
Cando, en 1936, a II República convocou o plebiscito para que a poboación galega votase se aceptaba o proxecto de Estatuto de Autonomía que se presentara ante as Cortes, en apenas tres meses, xestouse unha colección de accións e de traballos gráficos que conseguiron difundir a importancia dunha victoria nas urnas para este texto. “A organización en si foi rápida e masiva, pero as persoas responsables xa estaban afeitas a traballar en campañas publicitarias”, explica a investigadora. “Camilo Díaz Baliño, que foi a cabeza do proceso a nivel estético, sabía ben como se tiñan que preparar as cousas, contaba con moita experiencia”. Para alén das cuestións máis técnicas, “tamén a nivel artístico, cultural e simbólico, o equipo estaba nun contexto con moito movemento e eran persoas moi atentas a todo o que estaba a xurdir. Era xente que viaxaba, lía moito, escoitaba a radio”, que desde 1933 tivera un grande impulso no país. Este equipo de creativos estaba composto ademais por Castelao, Díaz Pardo, Luís Seoane, Bernardino Vidarte, Maside e López Bouza, que asinaron canda ao propio Díaz Baliño os carteis da campaña. “Cada un na súa liña, compuxeron unha diversidade de ideas e sensibilidades que facilitaron a victoria do Estatuto”, sinala a historiadora da arte. “Compre pensar que, antes desta campaña, houbera outra sobre o mesmo en 1933 que non funcionara ben. Déranse moitos desacordos, non había unha dirección clara e ninguén se sentira incluído. No 36 déuselle a dirección ao Partido Galeguista, xa que se consideraba que contaba con persoas de prestixio que sabían manexarse moi ben en institucións, escolas, esfera pública e todo tipo de campos”, explica a investigadora. Deste xeito, nesta campaña “o que se fai é precisamente un exercicio de total inclusión da sociedade galega, que era moito mais complexa do que pode semellar a primeira vista”.
Entre os antecedentes desta fazaña de propaganda, “Castelao ou Díaz Baliño estaban no Seminario de Estudos Galegos, que xa falaba do Estatuto desde 1923, e contaban con precedentes sociais, políticos e económicos desde o século XIX. Estas persoas ademais sabían de ilustración, deseño gráfico e cartelismo, e eran moi conscientes do contexto da década dos 30”, asegura. “Coa grande depresión, os medios de comunicación estaban a crear a cultura de masas e eles abordaron un proceso de enxeñaría social” a aproveitar todos os medios ao seu alcance. “Empregaron programas radiofónicos, prensa, entrevistas ou mitins”, cunha planificación moi coidada, para promover a votación a prol do Estatuto. Canda a isto, non faltaron medios motorizados para a distribución de materiais e mesmo o reparto de folletos desde avionetas, cuestións que a autora do estudo analiza polo miúdo. (…)”