Manifesto O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura

Desde Sermos Galiza:
“As asociacións culturais con máis persoas asociadas e maior actividade do país asinan o manifesto común O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura no que manifestan a vontade de manter o carácter de unión e festivo do Día das Letras, en especial, “nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade”.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Associaçom Galega da Língua, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Comités, Confederación Intersindical Galega- Ensino, Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística, Federación de Asociacións Culturais Galegas-Galiza Cultura e Liga Estudantil Galega son as entidades asinantes do comunicado no que rexeitan a decisión da Academia de dedicarlle o Día das Letras a Filgueira Valverde, unha figura que, segundo din, “non pode unir a ninguén”.
“O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser exemplo á sociedade galega e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG”, explican no comunicado, nacido da xuntanza mantida a pasada quinta feira en Compostela, cinco días despois de que a Academia fixera pública a designación de Filgueira como figura a homenaxear o vindeiro Día das Letras Galegas.
Anuncian tamén que van dedicar o 2015 a homenaxear o “ xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias”, como primeiro paso “dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía” que iniciará a súa andaina a partir de setembro cando se vaia materializando a proposta das asociacións culturais.
Apostan nunha data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece. Son asociacións que tradicionalmente organizan actos e programacións arredor do 17 de maio e que se xuntarán de novo despois de setembro para artellar as súas actuacións cara á un Día das Letras en que, por vez primeira nos cincuenta e un anos de historia, optarán por unha conmemoración diferente, á marxe da figura escollida pola Academia.”

O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura.

“Desde a súa institución o 28 de abril 1963 até o pasado 5 de xuño de 2014, a Real Academia Galega escolleu para ser homenaxeada no Día das letras Galegas unha ”figura autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”, tal e como se recolle na acta da sesión onde se decidiu estabelecer esta data tan relevante para a nosa lingua e cultura e que celebra a saída ao prelo da obra mestra da literatura galega contemporánea, Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Ao longo destes 51 anos as persoas homenaxeadas nesta data caracterizáronse por seren autoras e autores cunha obra de calidade e un compromiso e achegas claros en defensa da nosa lingua e da nosa cultura fóra de toda dúbida, alén das súas posicións máis ou menos progresistas, máis ou menos conservadoras, máis ou menos relixiosas ou ateas.

Estes dous elementos: lingua e compromiso co país, fixeron do Día das Letras Galegas unha data de reinvindicación da nosa lingua e de festa para a nosa ampla literatura, capaz de unir todo o pobo galego nunha soa voz, sendo xunto co Día da Patria Galega o máis sinalado de Galiza.

As entidades asinantes, que traballamos día a día para a defensa, dignificación e normalización plena da nosa lingua e cultura en centros de ensino, vilas, cidades e todos os recunchos do país, queremos que o Día das Letras Galegas siga a ser a data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece.

Queremos que siga a manter o carácter integrador e de unión que sempre tivo, e que debera ser reforzado nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade.

Filgueira Valverde non pode unir ninguén. O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser “exemplo á sociedade galega” e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG.

O xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias, debe ser hoxe e sempre o homenaxeado o Día das Letras Galegas, e a el dedicaremos o 2015 como primeiro paso dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía que pretendemos explorar a partir de setembro.

Galiza, 14 de xullo de 2014.

A Mesa pola Normalización Lingüística

Associaçom Galega da Língua

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Asociación Socio-Pedagóxica Galega

Comités

Confederación Intersindical Galega- Ensino

Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística.

Federación de Asociacións Culturais Galegas- Galiza Cultura

Liga Estudantil Galega.