Desde Caderno da crítica, blogue de Ramón Nicolás:
“Distribúese, desde hai escasos días, unha antoloxía poética publicada polo selo inglés Shearsman Books baixo a responsabilidade da profesora Manuela Palacios; unha empresa editora, por certo, aberta e receptiva á literatura contemporánea galega pois xa acolle no seu catálogo poemarios de Chus Pato, María do Cebreiro e, hai pouco, de Manuel Rivas, en tradución da irlandesa Lorna Shaughnessy. (…) Nesta ocasión, incorpóranse versións bilingües en galego e inglés de poemas de Chus Pato e María do Cebreiro, que constituían parte do catálogo de Shearsman, xunto con outras voces que non formaran parte da antoloxía anterior -a devandita To the Winds…- e que son Pilar Pallarés, Yolanda Castaño e mais Lupe Gómez Arto; de todas elas poden lerse composicións, nalgúns casos inéditas, traducidas ao inglés por poetas irlandesas que, segundo a editora do volume, gozasen dalgunha afinidade, de carácter estilístico e temático, coa obra das poetas que traducen. A carón delas, súmanse catro poetas vascas –Itxaro Borda, Miren Agur Meabe, Castillo Suárez e Leire Bilbao- e catro catalás –Vinyet Panyella, Susanna Rafart, Gemma Gorga e Mirei Calafell-, con textos en inglés e nas súas respectivas linguas, para poñer o ramo a un excelente volume, coidadosamente anotado e que só cómpre saudar con satisfacción.”