Crear en 2012 (I)

Desde Cultura Galega:
“É certo. Esta ano houbo crise por todas partes e, como non, nas industrias culturais. No entanto, non a todo o mundo lle afecta do mesmo xeito, e se no caso das letras estamos a vivir fondas mudanzas como, por exemplo, a práctica desaparición de espazos para a crítica literaria, semella que a música está no seu esplendor creativo, e que a banda deseñada continúa unha marcha firme e continua. Falamos destes ámbitos cos nosos especialistas.
“Penso que unha das cousas máis importantes que pasaron este ano foi a desaparición de plataformas específicas para a crítica literaria, como Luces, explica Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. A desaparición de medios de comunicación de ámbito galego está a deixar este importante elemento do noso sistema literario sen espazos de expresión. “Paréceme unha auténtica traxedia, e que a xente aínda non se parou a pensar o que realmente significa isto. Hai lugares na rede pero non existe un espazo xeralista no que tropezas crítica mentres les o xornal ou escoitas a radio. Son fundamentais e cada vez quedan menos, está o Faro da Cultura, a Radio Galega e pouco máis”. A falar de boas novas, a profesora destaca “O Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial para Kalandraka, que ten un grande mérito aínda que pasou algo desapercibido”. Este ano viuse tamén “o diálogo entre cine e literatura, que é un camiño de futuro. Temos dous exemplos como foi a edición de Pá negre traducido e con CD e mais a versión cinematográfica de Todo é silencio, de Manuel Rivas”.
A creación literaria
A nivel de creación apunta “un síntoma para min preocupante no que supón de involución no percorrido histórico da literatura galega que é o retorno da novela de tese, con obras como Atl, En vías de extinción e Como en Alxeria. Semella que en tempos de crise hai unha tentación de ofrecer respostas sólidas e compactas, e iso no terreo ideolóxico pode levar ao populismo e a nivel literario leva á tentación de mandar mensaxes claras e contundentes a tentar salvar o mundo desde a literatura”. En relación con isto, aínda que separado, Vilavedra sinala “a novela feminista de Begoña Caamaño, que se presenta nitidamente como unha escritora feminista. Podería ser novela de tese pero ten unha calidade literaria e unha frescura que marca unha distancia, afástase da ortodoxia e acada uns produtos para todos os públicos”. Canda a isto “biografías como a de Celso Emilio e de Murguía amosan a boa saúde deste xénero, que ten un longo camiño por percorrer. Está a medrar xa nos últimos anos e ten receptividade no público”. E despois “resulta paradoxal a aparición dunha nova colección de poesía, nun panorama de afundimento deste xénero”, como é o caso da recuperación por parte de Faktoría K da colección Tambo. (…)”.