Vigo: presentación de Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena

O venres 15 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.

Crear en 2012 (I)

Desde Cultura Galega:
“É certo. Esta ano houbo crise por todas partes e, como non, nas industrias culturais. No entanto, non a todo o mundo lle afecta do mesmo xeito, e se no caso das letras estamos a vivir fondas mudanzas como, por exemplo, a práctica desaparición de espazos para a crítica literaria, semella que a música está no seu esplendor creativo, e que a banda deseñada continúa unha marcha firme e continua. Falamos destes ámbitos cos nosos especialistas.
“Penso que unha das cousas máis importantes que pasaron este ano foi a desaparición de plataformas específicas para a crítica literaria, como Luces, explica Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. A desaparición de medios de comunicación de ámbito galego está a deixar este importante elemento do noso sistema literario sen espazos de expresión. “Paréceme unha auténtica traxedia, e que a xente aínda non se parou a pensar o que realmente significa isto. Hai lugares na rede pero non existe un espazo xeralista no que tropezas crítica mentres les o xornal ou escoitas a radio. Son fundamentais e cada vez quedan menos, está o Faro da Cultura, a Radio Galega e pouco máis”. A falar de boas novas, a profesora destaca “O Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial para Kalandraka, que ten un grande mérito aínda que pasou algo desapercibido”. Este ano viuse tamén “o diálogo entre cine e literatura, que é un camiño de futuro. Temos dous exemplos como foi a edición de Pá negre traducido e con CD e mais a versión cinematográfica de Todo é silencio, de Manuel Rivas”.
A creación literaria
A nivel de creación apunta “un síntoma para min preocupante no que supón de involución no percorrido histórico da literatura galega que é o retorno da novela de tese, con obras como Atl, En vías de extinción e Como en Alxeria. Semella que en tempos de crise hai unha tentación de ofrecer respostas sólidas e compactas, e iso no terreo ideolóxico pode levar ao populismo e a nivel literario leva á tentación de mandar mensaxes claras e contundentes a tentar salvar o mundo desde a literatura”. En relación con isto, aínda que separado, Vilavedra sinala “a novela feminista de Begoña Caamaño, que se presenta nitidamente como unha escritora feminista. Podería ser novela de tese pero ten unha calidade literaria e unha frescura que marca unha distancia, afástase da ortodoxia e acada uns produtos para todos os públicos”. Canda a isto “biografías como a de Celso Emilio e de Murguía amosan a boa saúde deste xénero, que ten un longo camiño por percorrer. Está a medrar xa nos últimos anos e ten receptividade no público”. E despois “resulta paradoxal a aparición dunha nova colección de poesía, nun panorama de afundimento deste xénero”, como é o caso da recuperación por parte de Faktoría K da colección Tambo. (…)”.

Xosé Ramón Pena: “Cando fago ficción, o que máis me interesa son as emocións”

Entrevista a Xosé Ramón Pena en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Sorprende, de primeiras, que, para argallar unha ficción, parta Vde. dun debate político-ideolóxico real tan concreto como foi o do que facer que se plantexou no galeguismo nos anos 60. ¿Por qué esta elección?
– Xosé Ramón Pena (XRP): A idea inicial da novela [Como en Alxeria] naceu dunha serie de reportaxes que o Faro de Vigo me encargou sobre a figura do histórico galeguista Ramón Piñeiro. Daquela, a base de consultar todo tipo de documentación, batín no só coa “historia obxectiva” dos feitos, senón tamén con cartas, documentos e testemuñas persoais que, máis aló desa “historia oficial”, interesáronme moitísimo porque reflectían a parte humana e afectiva de todo o que se estaba a vivir naqueles anos. A partires da confluencia deses dous aspectos comecei a confeccionar o meu relato, un relato que, sen faltar á realidade e poñendo por diante todo o que atingue as emocións humanas, puidese ao mesmo tempo permitirme a licencia de inventar feitos e personaxes que só existen na miña imaxinación. (…)
– FdV: Queda claro que, agás o que atingue ao debate político, Como en Alxeria é unha ficción, pero como Vde. acaba de confesar que no seu traballo de documentación atopou moitas historias persoais ¿Esta novela tamén conta esas historias reais ou, cando menos, perfís persoais auténticos aínda que anónimos?
– XRP: Os personaxes de Como en Alxeria non son trasuntos de persoas reais, porque iso sería contar unha farsa. Agora ben, o que si é certo que tanto a ficción dos acontecementos como a ficción dos personaxes están construídas partindo de referentes reais porque ésta é unha novela realista e polo tanto precisa ter verosimilitude interna. De maneira que, xuntando o que lin co que me contaron, a documentación publicada coa inédita e as testemuñas privadas coas públicas, creei un feixe de personaxes que, si, teñen que ver con xente real, pero que están construídos con trazos da procedencia máis diversa. E o que pasa cos personaxes acontece do mesmo xeito coas cousas que conto na novela. (…)”.

Xosé Ramón Pena: “Como en Alxeria parte dun feito real do que tiven noticia e que pertence á historia do galeguismo”

O Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevistaXosé Ramón Pena polo seu libro Como en Alxeria. Crónica dun tempo, o seu autor asegura que o que conta na súa nova novela forma parte da historia de Galicia e da historia do galeguismo. Trátase da crónica da mocidade dun tempo no que tamén están presentes o amor, a traizón e as dificultades da vida, situadas nun momento histórico moi concreto: a loita contra a ditadura franquista, a ascensión de Fidel Castrol en Cuba, a revolución en Alxeria, etc. A novela «parte dun feito real do que eu tiven noticia nun momento determinado e que pertence á historia do galeguismo», asegura Xosé Ramón Pena. Aquí pode escoitarse ou descargarse a entrevista completa. Desde Xerais.