O sábado 4 e domingo 5 de maio serán os últimos días da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:
Sábado 4:
– 13:00 h. Actividade infantil: Touporroutou. Contacontos baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño, realizado por Ana Carreira.
– 19:00 h. Barriga Verde. Acto de presentación dos libros Biografía de José Silvent e do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
– 19:00 h. Suso de Toro asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
– 20:00 h. Presentación do libro + cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Editorial Galaxia. Participarán no acto, xunto cos autores, Luís Prego e Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
– 21:00 h. A Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol presenta o espectáculo O mundo segundo Rosalía, representación de poemas e textos da autora galega.
Domingo 5:
– 18:30 h. Urdime Teatro presenta Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, coa actuación de Laura Ponte e e Roi Vidal Ponte.
– 19:00 h. Encontro literario sobre Rosalía de Castro, realizado pola Asociación Cultural O Galo, coa celebración do coloquio Rosalía de Castro: nos 150 anos de Cantares Gallegos, coa participación de Kathleen March, Helena Villar Janeiro e Pilar García Negro, que presentará neste acto o libro Cantares gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, publicado por Alvarellos Editora.
– 19:00 h. Carlos Callón asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.