Anxo Angueira: “A literatura galega contemporánea nace con Sarmiento”

Entrevista de Montse Dopico a Anxo Angueira en Magazine Cultural Galego:
“A literatura galega contemporánea comezou con Sarmiento. O Rexurdimento arrancou, desta maneira, no século XVIII, co que foi o primeiro galeguista. Esta é a tese que o profesor Anxo Angueira defende no seu ensaio Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento, publicado na colección iBroLiT do grupo de investigación GAELT da Universidade de Vigo.
. Montse Dopico (MD): A túa proposta apóiase en textos de Méndez Ferrín, Antolín López Peláez ou Ángel Salcedo. Como xurdiu?
– Anxo Angueira (AA): Pois a partir do estudo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Notei que o primeiro poema, o da nena gaiteira, tiña claras conexións co Coloquio de Sarmiento. Despois investiguei nos artigos de Murguía sobre os precursores e confirmei isto mismo. Así, comecei a ler o Coloquio con outra perspectiva. Tamén estaba o que dixo Ferrín, Monteagudo, Antolín Peláez… Observei, así, que o Coloquio fora lido con moitos prezuízos. O propo Sarmiento dixo que o seu Coloquio era só un libro para ensaiar a lingua, mais non é verdade. Eso mesmo dicíao Rosalía, ademais. O Coloquio é un artefacto estético moi potente e moi sólido, moi avanzado para o seu tempo. Entón, eu creo que cómpre revisar a historia da literatura galega. Os Cantares Gallegos de Rosalía marcan un inicio, e tamén un final de algo que viña de antes. Porque a literatura galega contemporánea nace con Sarmiento.
– MD: A tese é atrevida. Cuestiona a historiografía.
– AA: Pero non o digo eu só. Mariño Paz, Armando Requeixo, Henrique Monteagudo e Méndez Ferrín pensan tamén que o Coloquio non foi só un divertimento filolóxico. Sarmiento era consciente de non estar só facendo un instrumento, un pretexto para o estudo da lingua. Estaba a facer literatura popular. Estaba a verificar orixe e esplendor da lingua galega. Entendo que para defender o que digo non só teño que cuestionar a historiografía da literatura, senón tamén a da historia política. Para min, Sarmiento é o primeiro escritor contemporáneo e o seu Coloquio é a primeira obra contemporánea galega. Mais tamén é o primeiro galeguista. Para Xusto Beramendi a historia do galeguismo comeza co provincialismo, no XIX. Mais outro historiador, Barreiro Fernández, englobou na etapa do pre-galeguismo a actividade de varios intelectuais da Ilustración e, entre eles, Sarmiento, coa súa defensa do galego. Para min está claro que hai un fío literario e político que vai desde Sarmiento ata Rosalía de Castro. (…)”