A poeta Xela Arias será homenaxeada no Día das Letras de 2021 (Nós Diario)

Desde Nós Diario:
“Tal e como anunciara, a Real Academia Galega desbotou prolongar o Ano Carvalho a 2021, como reclamaba o asociacionismo de base e distintas institucións como o Concello de Ferrol, que advertiu hai uns días de que dedicará o próximo exercicio a honrar a traxectoria de Ricardo Carvalho Calero cunha sorte de Letras Galegas 2020 ampliadas. A última hora desta terza feira transcendeu que o Día das Letras do ano que vén estará destinado a lembrar a figura da poeta e tradutora orixinaria de Sarria, Xela Arias Castaño.
Apenas uns días despois de celebrar o acto principal deste ano en Compostela -co conseguinte malestar en Ferrol, cidade de orixe de Carvalho Calero-, sábese que a RAG elixiu a Xela Arias como a homenaxeada de 2021.
Fontes da RAG falan da escritora como unha desas mozas e mozos “que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma”. Consideran que, ademais, ela destacou sobre outras persoas cunha voz “singular e inclasificábel”. Desde o punto de vista da Academia, a poeta “concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar”.
“A elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora”, indican, lembrando que estivo nalgunhas mobilizacións cívicas en asuntos como a marea negra polo Prestige, “e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta”.
A autora, nada en 1962 e falecida en 2003 en Vigo, ten unha longa lista de publicacións orixinais, entre elas algunhas colectivas nas que quixo participar. No entanto, tamén destacou por traducir en varios idiomas.
Ligada durante bastante tempo a Edicións Xerais de Galicia, a nova homenaxeada é coñecida por pezas como Tigres coma cabalos e Darío a Diario. O seu decorrer profesional como tradutora é máis longo aínda, pois trasladou a outras linguas textos de Wenceslao Fernández Flórez, James Joyce, Roald Dahl, Bram Stoker, Angela Carter e Charles Baudelaire, entre outros.
Xa fora proposta para ser a protagonista do Día das Letras en 2014 e 2015, e mesmo en 2019 tivo unha dedicatoria da plataforma de crítica literaria A Sega, pero non é até agora cando as e os académicos repararon especificamente no seu papel dentro da cultura do país.
O feito de que distintos sectores defendesen continuar homenaxeando a Carvalho Calero durante doce meses máis non ten que ver con que se poña en dúbida a valía de Arias Castaño, pois nin tan sequera se sabía da súa elección. O argumento era que o escritor ferrolán tamén tivese a súa oportunidade de ser protagonista nun ano con unha maior normalidade e capacidade para programar actos.
De feito, en paralelo ao recordo á tamén profesora Xela Arias, concellos como Ferrol ou Lugo ofrecerán accións culturais na honra de Carvalho.”