Freixanes, ante os datos de competencia lingüística: “Algo está a fallar, non miremos para outro lado”

Desde Nós Diario:
“O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, renovou o seu mandato á fronte da institución cunha chamada á responsabilidade dos poderes públicos e á sociedade ante a situación do idioma entre a mocidade, especialmente polos desequilibrios de competencia e coñecemento detectados nas contornas urbanas: “Algo está a fallar, non miremos para outro lado”, afirmou.
A Academia deu a coñecer o resultado dun rigoroso e profundo estudo sociolingüístico no que analiza o grao de competencia en galego e en castelán co que o alumnado remata os seus estudos no ensino secundario obrigatoria.
O informe reflicte un acusado desequilibrio, especialmente nas contornas urbanas. A pesar de que o alumnado galegofalante mostra un dominio similar en ambos idiomas, máis do 35% do estudantado castelanfalante presenta unha escasa competencia no idioma propio da Galiza.
Do mesmo modo, o documento constata a maioría de uso do castelán entre a mocidade. Así, o 70% das e dos participantes responderon que falan única ou preferentemente en castelán fronte a un 30% que se comunica en galego de forma prioritaria.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, o escritor e docente reivindicou o papel exercido pola Academia para, a través deste tipo de investigacións e estudos, “chamar a atención” sobre “aqueles aspectos que deben ser reforzados”. Pola contra, lembrou que a institución “realiza propostas” na medida das súas posibilidades, mais a execución das medidas “depende da iniciativa civil e da iniciativa política”.
“Hai un universo de persoas e institucións que teñen que comprometerse, a lingua é algo de todos”, advertiu, para matizar que a potestade para regular a política lingüística do territorio está nas mans do Goberno galego. “Creo que hai que facer unha reflexión, que algo non estamos a facer ben”, considerou respecto diso.
O presidente da Academia insiste en que as cifras evidencian unha realidade moi clara: que boa parte dos “futuros cidadáns galegos” sae do sistema educativo sen competencia en ambos os idiomas e “sobre todo nos ámbitos urbanos”.
Neste sentido, instou a non mirar “para outro lado” ante a evidencia de que as formulacións unánimes plasmadas na Lei de Normalización Lingüística “non se cumpren” na actualidade coa normativa e o modelo implantado pola Xunta nos centros de ensino.
Outro dos membros do seu equipo e un dos impulsores do estudo, o académico Henrique Monteagudo, tamén advertiu esta semana de que o cambio na lexislación realizado polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo, coa implantación do sistema plurilingüístico desde 2010 e a supresión da discriminación positiva do galego nos centros, acentuou aínda máis ese desequilibrio a favor do castelán.
Freixanes sinalou que “moitos pais denuncian” en zonas como Ames, Brión ou Bertamiráns que os seus fillos volven da escola “falando en castelán” e que “deixan de falar galego”, a pesar de ser a lingua coa que foron educados na casa e coa que os seus proxenitores se comunican con eles. (…)”