A AELG súmase á Homenaxe A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo

A AELG súmase á Homenaxe A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura.

MANUEL LOURENZO é o dramaturgo máis prolífico da historia do teatro galego, con máis de trescentas pezas de diferentes formatos, xéneros e estilos. Todas as súas pezas poñen en valor, a partes iguais, o literario e o teatral. A dramaturxia de Lourenzo asenta na palabra, explorando todas as súas capacidades performativas (na súa capacidade para facer e actuar, para mover), plásticas (na súa rendibilidade para xerar imaxes), sonoras (na exploración da musicalidade e de todos os seus reflexos) e ideolóxicas (porque nos seus textos o pensamento e as ideas ferven).
A obra de Lourenzo é, en si mesma, unha institución teatral de grande robustez e flexibilidade para atravesar os tempos e as modas. Nela conviven os mitos coas pequenas grandes historias do presente. Nelas entra o máis terrible e o máis marabilloso da condición humana.
Grazas a Lourenzo, desde mediados dos anos 60 até a actualidade, a praza pública do teatro, esa asemblea que se pensa xogando nos escenarios, nunca estivo baleira nin ficou pobre ou encollida.
Por iso Manuel Lourenzo soborda a Letra E de escritor, que lle concedeu a AELG, como máxima homenaxe, coa letra D de dramaturgo, porque a súa escrita salta dos libros á praza pública, a través dos corpos, as voces e o xogo teatral. Galiza é máis Galiza e nós somos máis nós na dramaturxia de Lourenzo.

(Texto elaborado por Afonso Becerra de Becerreá, coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG)

***

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura quere convidarvos á festa-agasallo para Manuel Lourenzo o día 19 de decembro de 2021, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía da Coruña, do mesmo xeito que vos anima a que estendades e acheguedes o convite a todas as persoas coas que vos relacionades, as que son as vosas amigas e, en definitiva, a espallar esta homenaxe por toda Galiza. Queremos un Rosalía cheo para Manuel.