AveLina Pérez e Paula Carballeira gañan os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María da Agadic

Desde o Agadic:
Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, é a obra gañadora do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da escrita dramática en galego. Así o decidiu o xurado dos galardóns literarios que convoca a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e que tamén recoñeceu Somos os monstros, de Paula Carballeira, co X Manuel María de literatura dramática infantil. Canto ao XIII Barriga Verde de textos para monicreques, foi declarado deserto tanto na modalidade de público adulto como na de infantil.
Estes recoñecementos da Xunta, que serán entregados o domingo 2 de decembro en Pontevedra no marco da feira Culturgal, comparten o obxectivo de estimular a creación literaria para teatro en Galicia, ao tempo que impulsan a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación de 6.000 euros para cada premio e categoría, as bases contemplan a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións literarias que a Agadic mantén xunto  con varias editoriais galegas.
Nesta ocasión, o xurado estivo presidido por Laura Tato e del tamén formaron parte, como vogais, Ana Carreira, Cristina Domínguez, Laura Míguez, Cándido Pazó e Roi Vidal Ponte. O seu ditame foi emitido tras valorar os 75 textos presentados á convocatoria de 2018, dos que 39 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 13 ao Manuel María e 23 ao Barriga Verde (14 na modalidade infantil e 9 na de adultos).
Obra lúdica e crítica
A súa decisión de lle conceder o Cunqueiro a AveLina Pérez foi adoptada por maioría, salientando na acta o carácter lúdico e crítico de Ás oito da tarde, cando morren as nais, que “explota as posibilidades do xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e cunha mirada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción”. Segundo a propia autora, o texto “achega un canto coral sustentado no absoluto baleiro”, de xeito que o teatro cede o seu escenario ao “espectáculo da estupidez”.
Este funcionamento coral e musical dos personaxes foi destacado igualmente polo xurado, que subliña tamén a soltura rítmica, a fluidez dos diálogos e a coherencia dramatúrxica do texto, “que consegue trasladar o foco da escena cara ás butacas cunha temática autocrítica e metateatral, e un estilo de gran forza expresiva cheo de humor e de crítica sociolóxica”.
Con Ás oito da tarde, cando morren as nais, AveLina Pérez súmase á destacada listaxe de autores galardoados desde 1988 co Álvaro Cunqueiro, ao tempo que incorpora este á súa listaxe de recoñecementos como autora teatral. Entre eles, por exemplo, o Abrente de textos teatrais 2018 por O día no que bicar a terra e varios premios de dramaturxia breve e radio teatro. (…)
Terceiro Manuel María para Paula Carballeira
Pola súa banda, a obra Somos os monstros válelle a Paula Carballeira o seu terceiro Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivera na súa primeira convocatoria en 2006 con Boas noites e en 2011 con O refugallo.
Nesta décima edición, o xurado foi unánime na decisión de elixir o seu texto como gañador, incidindo na súa “boa carpintaría dramática, que posibilita un xogo escénico moi dinámico no que se pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral, moi na liña dos xogos infantís”. Así, os seus personaxes, situacións e diálogos semellan de debuxo sinxelo, mais logran transmitir un trasfondo potente e un universo simbólico suxestivo e interesante para o espectador infantil e adolescente. A autora aborda aquí o mundo dos monstros que, na súas palabras, “ás veces, moitas veces, non son moi diferentes de nós cando nos miramos no espello”. (…)”

O xornalista Miguel Sande gaña o I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual coa obra A enterradora (blogue)

Desde Nova Dramaturxia:
“O I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e xornalista galego Miguel Sande coa obra A enterradora (blogue). O xurado, conformado pola directora teatral Cristina Domínguez, a actriz Areta Bolado e o dramaturgo Ernesto Is, destacan como “moi actual e orixinal o tratamento do tema da morte, moi presente na idiosincrasia galega”. Así como a “honestidade que presenta ao fuxir da linguaxe contemporánea pretensiosa e afondar nunha estrutura dramática que foxe dos canons”.
A obra de Sande destacou sobre as 14 obras presentadas nesta primeira edición do certame “polas atmosferas sonoras e audiovisuais que consegue” e que, “permite a adaptación da peza a outros formatos como o radioteatro”, sinala a acta do xurado.
A compañía teatral Feira do Leste organiza este primeiro certame que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas. “O certame nace da necesidade de loitar contra as principais dificultades ás que se enfrontan os autores teatrais das novas xeracións do teatro galego, que non só pasan pola falta de representación escénica das súas obras, senón que viven unha eiva no eido da publicación e difusión da súas creacións”, sinala Javier Lojo, coordinador do certame.
Aquí pode consultarse a acta.”

“Para ser libre tes que ter ferramentas para conseguilo”

Entrevista de Montse Dopico en Praza:
Nacidas libres, a montaxe da Contraproducións que explora unha fórmula semellante á que tan ben funcionou con As do peixe, non é a súa predecesora. Non o tería doado ao ser, de xeito quizais inevitable, comparada coa auténtica marca de acertos -no texto, nas interpretacións, na posta en escena…- que alicerzou o éxito da primeira.
Mais está claro que segue un mesmo camiño, e non só porque as dúas compartan dramaturgo -Cándido Pazó- directora -Cristina Domínguez- e intérpretes -Mónica Camaño, Susana Dans, Casilda Alfaro e Rocío González-. Ambas conflúen nun mesmo vieiro de ollar, de fronte e desde a perspectiva das mulleres, a verdade do mundo do traballo. Do máis invisible. Coas súas feridas: a desigualdade, os abusos. Malia as preguntas sen resposta. Poñendo o foco, tamén, nos xeitos de resistencia. Nas distintas maneiras, máis e menos recoñecibles socialmente, de loitar pola liberdade e pola xustiza. Sen obviar as contradicións. Coma mulleres normais. Reais. Falamos coas actrices.
– Praza: Como foi o proceso de investigación?
– Mónica: Pois a verdade é que chegaba un punto no que xa non podías ir máis alá. Preguntas que é o que as fai acocharse do mundo e optar por vivir nunha sorte de prisión, e sempre acabas dando co punto da fe. Elas din que son felices e libres. Mais á pregunta de como é esa chamada, responden coa fe, e aí quedas. É algo moi difícil de entender para nós, claro.
– Praza: Con que monxas puidestes falar? Eran de clausura?
– Mónica: Falamos coas monxas de Armenteira, que teñen unha hospedería. En Santiago, coas Oblatas. En Armenteira estabamos alí co resto de persoas aloxadas na hospedaría. Podiamos acompañalas nos rezos, por exemplo. E fomos, menos ao de primeira hora da mañá…
– Rocío: A verdade é que foi unha experiencia. Foi interesante estar alí con elas, ver como se relacionan, tentar achegarnos ao seu modo de vida sen entender a súa escolla, e sen prexuizar. As de Santiago, as Oblatas, traballan ademáis con Vagalume, unha asociación que con mulleres prostituidas. Para min foi moi interesante porque eu, ademais, non tiña nin idea de como era ese mundo: nunca fun a un colexio de monxas…
– Casilda: E estando alí observabas. Por exemplo, mentres o Capelán esperaba, sentado, elas preparaban todo para a Eucaristía. Unha estampa moi familiar: mentres el espera lendo a prensa, ela afánase en preparar a cea.
– Mónica: Si, o Capelán vivía moi ben na hospedería.
– Susana: É o que se ve na función. Elas lavan e pranchan a roupa para eles. Mais, á marxe da cuestión de xénero, que tamén o é, hai que ter en conta que a Igrexa é unha institución moi xerarquizada. Se es Capelán, estás situado nun estrato superior á monxa e tamén ao monxe. Se fose un mosteiro de homes os monxes tamén servirían aos superiores. (…)”

Compostela: Xornadas sobre Dramaturxia Galega Dramaturxente

dramaturxente-2016-1dramaturxente-2016-2

Fernando Epelde gaña o Premio Abrente de Textos Teatrais

DesdeMIT Ribadavia Sermos Galiza:
“Con Street Art Symphony, Fernando Epelde converteuse en gañador da nova edición do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Non é a primeira vez que o nome do ourensán aparece no programa da MIT xa que como actor formou parte do elenco de A Tempestade, a coprodución coa compañía Voadora baseada na obra de Shakespeare no 450 aniversario do seu nacemento.
Un xurado composto pola directora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Cristina Domínguez, o actor ourensán Toni Salgado, o escritor e crítico Camilo Franco e o director da MIT, Roberto Pascual, optaron pola obra de Epelde por unanimidade para concederlle o galardón de Ribadavia por tratar, segundo fixeron constar, dunha historia arredor de situacións conflitivas da nosa contemporaneidade como o illamento ou os desencontros xeracionais. As novas formas de relación entre as persoas e a transformación de personaxes son tamén outros dos valores destacados polo xurado do Abrente. (…)”

Explotados, de César Carracedo, obtén o galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O xurado do oitavo Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu por maioría outorgar o galardón desta edición á obra Explotados, escrita por César Carracedo; mentres que, o premio da Audiencia recaeu en A primeira vez, de Carmen Blanco Sanjurjo.
Da obra premiada, o xurado subliñou “o uso da linguaxe radiofónica, a capacidade para crear imaxes, o ritmo e o tratamento dun tema de actualidade en clave de comedia de compromiso”. Explotados recrea as negociacións entre un detective da policía e un secuestrador pechado nunha oficina do Inem. A precariedade laboral e o paro son os asuntos centrais desta comedia social que, na adaptación radiofónica realizada por Cristina Domínguez, interpretaron César Goldi, Machi Salgado, Mónica García, María Llanderas e Aaron Gómez Gallego, coa realización técnica de Chus Silva. (…)
O xurado desta edición do Premio de Teatro Radiofónico estivo formado pola directora e docente na ESAD Cristina Domínguez; o crítico de teatro, Camilo Franco; a docente na ESAD e crítica de teatro, Inma López Silva; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do espazo radiofónico Diario Cultural.
En total, 48 obras se presentaron a esta oitava edición, organizada pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, que patrocina o certame. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.”