A Gala dos Premios Follas Novas premiará o mellor da literatura galega de 2021

A Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego recuperará o seu carácter presencial despois de dous anos de pandemia e volverá a reunir no Teatro Principal de Santiago a unha grande parte do sector literario, editorial e libreiro de Galicia. A gala foi presentada no ambigú do teatro polos representantes das entidades patrocinadoras, Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e CEDRO. A gala será emitida por You Tube en directo e comezará as 19:00h do vindeiro sábado, 7 de maio de 2022.
Os premios Follas Novas pecharán o vindeiro sábado unha nova edición recuperando o carácter presencial anterior á pandemia e ampliando por primeira vez o proceso de selección para seren máis representativos da amplitude, variedade e riqueza da literatura e da produción editorial e libreira do país.
Como sinalou o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, “os premios consolídanse cada ano e nesta edición ampliamos o proceso de escolla dos premios engadindo unha fase máis no proceso de debate e selección.” Sánchez Iglesias tamén citou durante a súa intervención os tres premiados honoríficos de cada unha das asociacións organizadoras que serán recoñecidos durante a celebración da gala.
Para o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, “a fortaleza dos premios Follas Novas é ser un proxecto común de todas asociacións vencelladas ao libro de Galicia”, e apunto que máis alá do evento puntual que supón a gala “significa que estamos comprometidos co libro galego, coa súa difusión e coa súa visibilidade”.
Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras “O libro galego é todo un resistente. E estes Premios Celebran esa resistencia. Temos un sistema literario que pode presumir de ter en activo máis de 20 Premios Nacionais, e en todos os xéneros. Esta é a nosa forza.” Para Alvarellos é necesario “darlle visibilidade e promoción a este talento e os premios queren contribuír a demostrar a forza creativa do país”
Anxo Lorenzo, secratario xeral de Cultura, un dos argumentos salientables dos premios é que sexan a suma “de tres premios de cada unha das tres organizacións convocantes”. Lorenzo afondou sinalando que este é “un bo camiño e hai que seguir insistindo nesta idea de sumar e reunir forzas”. Tamén indicou que a gala é unha oportunidade para demostrar “a calidade, a diversidade e o talento da cultura galega”.
A primeira tenente alcalde de Santiago e concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, “Explicou que o proxecto común que supoñen os premios Follas Novas debería repetirse noutros ámbitos culturais”. Sinalou que para o Concello de Santiago acoller aos Follas Novas “é unha aposta por un sector imprescindible para sociedade e tamén un apoio para que supere a crise derivada da pandemia”. Rosón lembrou que esta era a primeira gala postpandemia na que se recupera de maneira completa a presencialidade.
A gala dos premios estará presentada por AldaoLado coa súa mestura de poesía, humor e música. Tamén formarán parte da festa literaria o trío pontevedrés Peña, gañadores da última edición do premio Narf que organiza a Deputación da Coruña.

Premios honoríficos
Cada unha das tres asociacións organizadoras dos premios entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais. Os premios desta edición son para Xesús Alonso Montero, Mercedes Corbillón e Ana Luísa Amaral.
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), é o Premio Honorífico da Edición da Asociación Galega de Editoras como filólogo, crítico literario, escritor, poeta, sociolingüista e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela. A AGE considera que Xesús Alonso Montero é unha figura fundamental na resistencia do libro galego durante a “longa noite de pedra” do franquismo e un incansable impulsor do seu novo rexurdimento trala chegada das liberdades.
Mercedes Corbillón, responsable da Librería Cronopios é a distinguida co premio que anualmente escolle a Federación de Librarías de Galicia. Segundo Ramón Domínguez, a escolla de Mercedes Corbillón como premiada débese a que “representa todo o que debe ser unha librería na actualidade tanto por actividades como pola interrelacións que consegue entre quen escribe e quen le”.
A AELG designa todos os anos un escritor/a galego/a universal. Este ano, a designación correspondeu a Ana Luísa Amaral (Lisboa, 1956), poeta e profesora na Universidade do Porto, con áreas de estudo son as poéticas comparadas, feminismo e estudos queer. Segundo a poeta Marta Dacosta “Amaral é a poeta que contraria a tradición, a que reinterpreta e volve falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contraría e ironiza”.