Artigo de Manuel Xestoso desde Nós Diario:
“(…) Quizais a principal é que se estabelezan axudas diferentes para a tradución e para a tradución inversa, é dicir, para a tradución doutras linguas ao galego e do galego a outras linguas, dúas realidades con condicionantes moi diferentes e unha das reivindicacións históricas do sector do libro.
O Diario Oficial da Galiza recollía o 16 de xaneiro a convocatoria das axudas deste ano, e tampouco en 2024 a Consellaría de Cultura aceptou as suxestións dos profesionais da edición, volvendo a mesturar ambos campos.
Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (Agpti), cre que “son realidades moi diferentes que non deberían competir entre elas. Os obxectivos culturais de que Follas Novas se traduza a unha lingua estranxeira ou de que se traduza ao galego a obra de Dickens son diferentes. Separar ambos campos sería moi importante para o noso sistema”.
A liña de subvencións, por outro lado, mantén uns fondos de 200.000 euros que se distribuirán entre as editoras beneficiarias da convocatoria, o mesmo que se vén outorgando desde o ano 2012 (o último ano do bipartito foron 268.000 euros).
“As axudas son claramente insuficientes desde o punto de vista económico”, opina Henrique Alvarellos, da Asociación Galega de Editoras (AGE). “Non tiran da tradución, que é para o que naceron, para posibilitar que as editoriais poidamos enfrontar a publicación dunha tradución, que ten os custos normais de calquera outro libro máis o pagamento da tradución. O prazo de execución destas axudas é de dous anos, e os prazos nos que paga a Administración non permite embarcarse nesa aventura, e menos co diñeiro que se dedica a estas axudas”.
“Unha Administración que presume de non decatarse do incremento do custo da vida nos últimos dez anos, que credibilidade pode ter?”, pregunta Taibo. “E non se trata só do aumento que os tradutores teñen dereito a ver reflectido nas súas nóminas, é que os custos editoriais, especialmente o prezo do papel, disparáronse nos últimos anos dunha maneira vertixinosa. Dá a sensación de que a Xunta descoñece por completo a realidade do sector”.
Moitos dos axentes implicados na tradución avogan, ademais, pola creación dun comité de avaliación independente que poida descartar o que non sexa susceptíbel de axuda e para conceder as axudas, con obxectividade e transparencia, a aquilo que si ten sentido traducir.
“É unha práctica que existe en todos os países da nosa contorna”, explica Alejandro Tobar, da editorial Hugin e Munin, especializada en traducións. “Estabelecer e definir os obxectivos que perseguen estas axudas é fundamental: Queremos que se traduzan clásicos? Contribuír ao financiamento das editoras? Que autores contemporáneos con pegada noutras linguas estean traducidos ao galego? Se cadra, habería que empezar polo principio, por determinar que é o que necesita da tradución a cultura galega”.
“Que os autores contemporáneos estean traducidos ao galego sería moi importante mesmo para a normalización da lingua”, engade Taibo. “E para iso debería estar a Administración, estabelecendo resortes que permitan que eses autores cheguen ao galego ao mesmo tempo que ao castelán”. E segue: “Estamos de acordo en que teñen que existir algunhas exixencias técnicas obxectivabeis, pero na cultura non todo é baremábel. Non é igual traducir a Shakespeare que a un autor de novelas policiais mediocres e non é igual traer ao galego autores que hai anos que están dispoñíbeis en castelán que autores que suporían unha novidade para o público lector da Galiza”. (…)”