A Xunta da Galiza volve ignorar o sector editorial nas axudas á tradución

Artigo de Manuel Xestoso desde Nós Diario:
“(…) Quizais a principal é que se estabelezan axudas diferentes para a tradución e para a tradución inversa, é dicir, para a tradución doutras linguas ao galego e do galego a outras linguas, dúas realidades con condicionantes moi diferentes e unha das reivindicacións históricas do sector do libro.
O Diario Oficial da Galiza recollía o 16 de xaneiro a convocatoria das axudas deste ano, e tampouco en 2024 a Consellaría de Cultura aceptou as suxestións dos profesionais da edición, volvendo a mesturar ambos campos.
Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (Agpti), cre que “son realidades moi diferentes que non deberían competir entre elas. Os obxectivos culturais de que Follas Novas se traduza a unha lingua estranxeira ou de que se traduza ao galego a obra de Dickens son diferentes. Separar ambos campos sería moi importante para o noso sistema”.
A liña de subvencións, por outro lado, mantén uns fondos de 200.000 euros que se distribuirán entre as editoras beneficiarias da convocatoria, o mesmo que se vén outorgando desde o ano 2012 (o último ano do bipartito foron 268.000 euros).
“As axudas son claramente insuficientes desde o punto de vista económico”, opina Henrique Alvarellos, da Asociación Galega de Editoras (AGE). “Non tiran da tradución, que é para o que naceron, para posibilitar que as editoriais poidamos enfrontar a publicación dunha tradución, que ten os custos normais de calquera outro libro máis o pagamento da tradución. O prazo de execución destas axudas é de dous anos, e os prazos nos que paga a Administración non permite embarcarse nesa aventura, e menos co diñeiro que se dedica a estas axudas”.
“Unha Administración que presume de non decatarse do incremento do custo da vida nos últimos dez anos, que credibilidade pode ter?”, pregunta Taibo. “E non se trata só do aumento que os tradutores teñen dereito a ver reflectido nas súas nóminas, é que os custos editoriais, especialmente o prezo do papel, disparáronse nos últimos anos dunha maneira vertixinosa. Dá a sensación de que a Xunta descoñece por completo a realidade do sector”.
Moitos dos axentes implicados na tradución avogan, ademais, pola creación dun comité de avaliación independente que poida descartar o que non sexa susceptíbel de axuda e para conceder as axudas, con obxectividade e transparencia, a aquilo que si ten sentido traducir.
“É unha práctica que existe en todos os países da nosa contorna”, explica Alejandro Tobar, da editorial Hugin e Munin, especializada en traducións. “Estabelecer e definir os obxectivos que perseguen estas axudas é fundamental: Queremos que se traduzan clásicos? Contribuír ao financiamento das editoras? Que autores contemporáneos con pegada noutras linguas estean traducidos ao galego? Se cadra, habería que empezar polo principio, por determinar que é o que necesita da tradución a cultura galega”.
“Que os autores contemporáneos estean traducidos ao galego sería moi importante mesmo para a normalización da lingua”, engade Taibo. “E para iso debería estar a Administración, estabelecendo resortes que permitan que eses autores cheguen ao galego ao mesmo tempo que ao castelán”. E segue: “Estamos de acordo en que teñen que existir algunhas exixencias técnicas obxectivabeis, pero na cultura non todo é baremábel. Non é igual traducir a Shakespeare que a un autor de novelas policiais mediocres e non é igual traer ao galego autores que hai anos que están dispoñíbeis en castelán que autores que suporían unha novidade para o público lector da Galiza”. (…)”

A Asociación Galega de Editoras mostra o seu rexeitamento ás axudas á tradución

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“A recente resolución da convocatoria de Axudas á Tradución da Xunta de Galiza espertou o rexeitamento das editoriais que, como publicaba Nós Diario na pasada terza feira, indignábanse ante o feito de que o groso das axudas se dirixan a traducir obras do castelán ao galego, a financiar até tres traducións diferentes da mesma obra ou a primar o volume dos libros sobre a súa calidade literaria.
Tampouco se lles esixía ás empresas postulantes que demostrasen profesionalidade ou, polo menos, unha mínima traxectoria no mundo da edición. E iso pode dar lugar a sorpresas desagradábeis.
Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), sinala que “en varias ocasións de palabra e desde febreiro por escrito, pedímoslle á Xunta que as empresas que resulten beneficiadas das axudas deben ser profesionais da edición debidamente acreditadas, mais na convocatoria quedou claro que ignoraron as nosas peticións e suxestións”.
Alvarellos cre que “o intrusismo está dándose tamén noutro tipo de axudas á edición nas que tamén aparecen como beneficiarias asociacións que teñen outras canles para recibir financiamento. Esta situación está provocando que entren na repartición de fondos públicos este perfil de empresas que fan edicións de baixa calidade, ou mesmo que lles piden aos autores que paguen a publicación do seu peto e que logo acceden a axudas públicas. Eses mecanismos non son de recibo e isto xa llo advertimos á Xunta en moitas ocasións”.
Algún dos libros publicados por Tegra foi, efectivamente, financiado por campañas de micromecenado, e agora a empresa reclama unha axuda para a tradución dunhas obras cuxa edición non financiou.
“O 24 de febreiro remitímoslle á Xunta unha proposta de mellora para estas axudas con doce puntos”, continúa Alvarellos, “nos que instabamos a vixiar a profesionalidade das empresas que concorren ás axudas públicas, ademais doutras peticións, como que se valore o currículo dos tradutores nas puntuacións, que tamén foron ignorados”.
O traballo das editoras non se limita a edición: é precisa unha distribución por puntos de venda e un plan para que cada libro chegue aos lectores. A convocatoria deste ano tampouco tiña en conta este punto.
“É un dos puntos máis delicados do labor das editoras”, explica Alvarellos. “Se editas un libro e logo non tes como vendelo é como se non fixeses nada, o traballo non ten proxección social. Nós pedímoslle á Xunta que se exixise un plan de comercialización e distribución para conceder as axudas, xa que este é unha garantía de profesionalidade, pero esa petición tampouco foi escoitada”.
A respecto dalgúns puntos, a Xunta si escoitou as suxestións da AGE, mais sen matizar. “É o caso da extensión das obras”, prosegue Alvarellos. “Resulta evidente que precisa de máis axudas unha obra de catrocentas páxinas que unha de cen. Pero hai que facer un balance que teña en conta o valor cultural da obra: non son o mesmo catrocentas páxinas de James Joyce que de Ken Follett. A sutileza no uso do idioma non é a mesma e, daquela, o traballo de tradución tampouco é o mesmo”.
Do mesmo xeito, hai que valorar a lingua da que se parte. “Obviamente, é moito máis sinxelo traducir do castelán ou do portugués que de idiomas máis distantes culturalmente. Por razóns que calquera pode entender, unha editora vai ter máis dificultades para atopar un tradutor profesional que poida verter ao galego un texto orixinal en islándés ou en coreano coreano que un que o faga desde o castelán ou o portugués. E ese esforzo tamén debería valorarseá hora de conceder unha axuda”, razoa Alvarellos.
A aparición espontánea dun actor novo no mundo da edición debería levantar, cando menos, algunha prevención nas institucións das que depende o destino dos cartos públicos.
Mais a falta de filtros que propicia estes episodios de picaresca non son novos nin descoñecidos para os editores, aínda que cren que a solución está nas mans da Xunta. “A Consellaría coñece perfectamente cales son as empresas que traballan con seriedade”, declara Alvarellos. “Na AGE estamos asociadas 42 editoras, algunhas con moitos anos de traballo detrás, todas elas cun perfil ben claro e transparente. Se algunha empresa que non forma parte deste núcleo recibe subvencións é porque a Xunta non quixo ver o que sucedía: xa sexa por desleixo ou por calquera outra razón, deberían detectar que algo estaba pasando. Que sucedan este tipo de cousas é lamentábel”.”

Publicada a Orde de axudas á Creación Literaria 2021, do Ministerio de Cultura e Deporte

Foi publicada a Orde de axudas á Creación Literaria 2021, do Ministerio de Cultura e Deporte.
As axudas teñen como obxectivo fomentar a creación literaria nas modalidades de poesía, narrativa, ensaio, literatura infantil e xuvenil, teatro, cómic e novela gráfica de obras orixinais e de ilustración de obras clásicas ou contemporáneas e tradución de obras de dominio público nas linguas oficiais do Estado.
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 14 de xuño, ás 14:00 horas.
Pode descargarse a orde de axudas aquí, e obter máis información nesta ligazón.

Webinario profesional: “Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021”

Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura e Turismo organiza este encontro dixital para presentarlle a:
– Profesionais autónomos
– Empresas e cooperativas
– Entidades privadas sen ánimo de lucro con persoal empregado
dos sectores cultural e/ou turístico de Galicia o novo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 incluído no “Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19” promovido pola Xunta de Galicia.
No encontro adiantaranse as principais liñas previstas nas bases para adquisición de produtos culturais, bens ou servizos, que configurarán un fondo de contidos creativos de interese lingüístico, cultural, artístico e turístico, así como os prazos de presentación de iniciativas por parte de autónomos e empresas pertencentes aos sectores cultural e turístico.
Participarán nel o conselleiro de Cultura e Turismo e os membros do Equipo Directivo da Consellería de Cultura e Turismo.
O webinario terá lugar o sábado 23 de maio, ás 11:30 h., a través da plataforma institucional para videoconferencias da Xunta, Cisco Webex.
Se vostede desexa participar deberá inscribirse facendo clic no seguinte botón.”

Méndez Ferrín advirte que a supervivencia da RAG “está en perigo”

“”Está en perigo a Academia, toda ela”. O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, advertiu este luns que a rebaixa nos orzamentos da institución pon incluso en dúbida a súa continuidade. A rebaixa na achega económica do Estado, nun 70% en dous anos, e as últimas negativas da Xunta para compensar esta caída de ingresos poñen en serias dificultades a centenaria entidade. “Esperemos que a RAG poida continuar funcionando; logo de que os Presupostos Xerais do Estado nos fosen desfavorábeis, agardamos que a Xunta enxoite esa diferenza e que poidamos seguir adiante”, asegurou Ferrín logo de manter unha xuntanza con varios representantes do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). “Pedimos a todos os grupos da Cámara que nos apoien”, insistiu o presidente da Academia, que fai un chamamento ao Executivo galego para que nos vindeiros Orzamentos compense coa súa achega económica á entidade o duro recorte sufrido por parte do Estado. Esta petición urxente da RAG chega tras unha rebaixa moi considerable nas asignacións do Executivo galego á RAG, ao pasarse de convenios por 450.000 euros en 2011 a 280.688 euros en 2012, unido aos duros recortes na asignación do Estado, que finalmente quedou en 700.000 euros tras o trámite parlamentario dos Presupostos, o que aínda así supón unha rebaixa duns 300.000 euros con respecto ao exercicio anterior. (…)”. Desde Praza.

As axudas á tradución chegan a 74 proxectos

“O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.” Desde Cultura Galega.

‘Cultura convocará en novembro as axudas para asociacións’

“A Consellería de Cultura volverá convocar en novembro as axudas para asociacións e fundacións desconvocadas esta mesma semana. A nova convocatoria terá a mesma contía, 300.000 euros, e as mesmas características, aínda que con cargo ao exercicio 2012. Segundo Cultura, as asociacións poderán presentar as súas peticións neste mesmo ano, en canto apareza publicada a convocatoria. Segundo o titular do departamento, Roberto Varela Fariña, “a suspensión da convocatoria debeuse máis a problemas técnicos polo fin do exercicio contable que a un recorte económico”. O conselleiro admitiu un retraso na resolución das axudas entre maio e outubro que impediu a execución da convocatoria no prazo, polo que “era máis sinxelo desconvocalas e convocalas de novo”. Asegura Varela Fariña que non houbo intención de “deixar desprotexidas as asociacións” e descartou que esta decisión favorecese outro tipo de actividades programas pola consellería. “Hai que manter un equilibrio entre a cultura que chamamos de base e a outra, pero quero lembrar que o 80 % da programación cultural da Cidade da Cultura faise con fondos privados e con artistas galegos”.” Vía La Voz de Galicia.

Cultura anula a convocatoria das axudas ao funcionamento de asociacións e fundacións

‘O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe, martes 18 de outubro, a anulación da orde pola cal se convocaban axudas ao funcionamento de asociacións e fundacións. A Consellería de Cultura “deixa sen efecto” a convocatoria publicada no DOG do 13 de xuño, que contemplaba axudas por valor de 50.000 euros para 2011 e de 250.000 euros para 2012. Segundo a Xunta de Galicia, “con motivo da política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, resulta necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados”. O departamento de Roberto Varela sinala que esta decisión tómase “co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público”.’ Vía Cultura Galega.

Programa “Poetas em Residência 2010” da Universidade de Coimbra

Encontra-se aberto, até dia 30 de Julho de 2009 (prazo alargado), o Concurso relativo ao ano de 2010. Os/as 2 poetas seleccionados/as para uma estadia de 1 a 3 meses (Janeiro a Março de 2010) na aldeia histórica de Monsanto (com o apoio da Câmara Municipal de Idanha-a-Nova), usufruem, além da estadia, de uma bolsa de viagem, devendo apresentar, além de uma carta de apresentação e CV, um projecto de trabalho a desenvolver com alunos/as e docentes da Universidade de Coimbra (conferências, worshops, seminários, etc.). [Ler noticia completa]