A Coruña: Obradoiro a cargo de Xurxo Souto. Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, acto da Escola de Escritoraes da AELG

CartelObradoiro-ACorunhaEOMar2015A Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza o obradoiro, a cargo de Xurxo Souto, do Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, do 19 de outubro ao 29 de outubro de 2015. A actividade conta coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o patrocinio da Consellaría de Cultura e a Deputación Provincial da Coruña.

Inscrición: até o día 18 de outubro a través dos seguintes medios:
– Teléfono: 981 133 233 (agás festivos, de luns a venres, de 9:00 a 14:30).
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Whatsapp: 696 581 971

20 prazas, gratuítas e para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude.

Calendario
Sete sesións, de 19:00 a 21:00, os días 19, 21, 22, 26, 27, 28 e 29 de outubro.

O obradoiro inclúe tamén:
– Proxección de Dos Gaiteiros do Mar, documental de Martín Rodas e Daniel Lavesedo.
– Dous roteiros:
Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes.
Ou como a Cidade Vella e a Pescaría están inzadas de referencias náuticas que hoxe xa non sabemos ver. Sábado 24, ás 11:00, diante da Igrexa de Santo André (na rúa do mesmo nome).
A toponimia das pedras percebeiras da península da Torre.
Ou o encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade. Sábado 31, ás 11:00, na praia de Santo Amaro, diante do antigo cargadoiro de pedra (a carón da farmacia do polígono de Durmideiras).
– Sesión musical: Bohemia coruñenta.
– Autor convidado: Xavier Seoane.

Lugar: Local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na Rúa Olmos, 16 da Coruña (no centro mesmo do barrio da Pescaría).

Contidos
1. Todos os grandes ciclos míticos do mar recalan na Coruña.
2. Don Emilio González López e a ruta do “curricán”. A historia da cidade contada polos camiños do Atlántico
3. María Antonia, unha muller de Santa Lucía que lle deu nome a todo un mar.
4. Do Cantón da Sardiña e o Antigo Gremio de Mareantes
5. Os homes mariños do Orzán e o Tritón de Lisboa.
6. A outra banda do Muro: Terranova e Gran Sol.
7. A Coruña-La Habana: A cultura galega renace alén do Atlántico.
8. Os mortos do Portiño e outras fugas por mar.
9. Urbano Lugrís, e a ruta de Ulises Fingal.

Non coñece A Coruña quen só coñece A Coruña.
Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é!

Cando lle preguntaron a Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo:

Un momentiño. Galiza non é un fin da Terra: é un centro do mar.

Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico afirma o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron nesta ribeira. A fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición grecolatina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera Xogadoiro, Grelle, Ameneadoira, Zambela os nomes das pedras da ribeira.
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. Monterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En Concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e construírmos xuntos o canto da tripulación. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso destas novas singraduras da Cidade-Barco.

Porque o mar non é de todos, non é de todas. Porque todos somos do mar, E así nolo recorda a noite, cando só soa a súa voz a repetir constante a palabra máxica: Orzán, Orzán, Orzán…
Medre o mar!