Entrevista de Antón Escuredo a Xusto Beramendi en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que elementos salienta desa primeira etapa do provincialismo?
– Xusto Beramendi (XB): É o nacemento do galeguismo político con datas moi concretas, entre 1840 e 1846. Rematou abruptamente co esmagamento do levantamento de Miguel Solís. O contexto político en que nace ese provincialismo situámolo ao remate da guerra carlista e o triunfo dos liberais, coas pugnas no conxunto do Estado español para ver que modelo de estado se vai construír.
Nesa loita, sobre todo entre moderados e progresistas, na Galiza comeza a aflorar una corrente de pensamento diferenciada que xa non ten como referente político principal España senón Galiza.
Outro factor importante son as influencias intelectuais que proceden de Europa. Por exemplo, o historicismo alemán que dá moito valor ás características culturais dos diferentes pobos. Tamén o celtismo, que nace en Francia no século XVIII e que introduce na Galiza Verea e Aguiar.
Foi importante un grupo de estudantes universitarios liberais en Compostela, fundamentalmente, que se xuntan na Academia Literaria e reciben esas influencias europeas.
Politicamente son progresistas e empezan a pensar Galiza doutra maneira a través dunha prensa propia e participando tamén en política dentro da Xunta revolucionaria do Partido Progresista e no levantamento de Solís de 1846. Crean un novo sistema no que ten moito valor a obra de Antolín Faraldo. Todo isto desemboca no levantamento de 1846.
– ND: Como configura o provincialismo o concepto da Galiza?
– XB: Vai mudando na evolución ao longo do galeguismo histórico. Nesta primeira etapa do provincialismo, a Galiza é unha nación no pasado, mais no seu presente é unha parte do Estado español que ten unhas características propias, facendo máis fincapé na cuestión histórica que na cultural. En función desa personalidade que ten reivindican que teña dereito a un maior peso na política do Estado, mais non pasan de aí.
No segundo provincialismo, na xeración de Rosalía e Murguía, isto cambia e xa a Galiza comeza a ter conceptualmente unhas características propias dunha nación de seu, aínda que este concepto non se traduza, de momento, ao plano político que chegará despois co rexionalismo a finais do século XIX e, posteriormente, serán as Irmandades da Fala as que cheguen a un concepto pleno da Galiza nación con todas as súas consecuencias.
– ND: Anunciou que deixaba as súas responsabilidades no Museo do Pobo Galego. Que representou para vostede formar parte da institución?
– XB: Seguirei no Padroado mais xa ía sendo hora de renovar agora que se pode facer esa transición dunha maneira ordenada.
Para min o Museo representou unha das partes máis importantes da miña vida profesional e pública. Como o foi para García Martínez [cofundador e anterior director do Museo do Pobo Galego]. Os dous temos dous fillos e sempre dicíamos que o Museo era como o noso terceiro fillo. Partiu dunha idea que tivemos en 1976 e que, por fortuna se puido materializar, creo que conseguimos que tivese continuidade.
– ND: Como lle gustaría que evolucionase agora o Museo?
– XB: En primeiro lugar que se completase o programa museístico, que semella que está en vías de concretarse. Tamén que mantivese e aumentase esa influencia e respecto que ten a maior parte da xente polo Museo. Por último, que se garanta o relevo xeracional dos que xa estamos “medio desaparecidos” e que siga adiante.”