Discurso de entrega e recepción da navalla de Manuel María, por Xosé Estévez

Desde Sermos Galiza:
“Cando oín por teléfono a voz clara e diáfana do “pregoeiro da luz”, Alfonso Blanco, co fin de comunicarme que fora elixido para entregarme a navalla do Manuel María e ingresar nesta enxebre confraría da Navalla, Santa Compaña e Alba de Gloria dos bos e xenerosos, sentinme moi honrado e orgulloso de pertencer á tribo chairega dos pacíficos navalleiros/as e a formar parte da nación dos galaicos. Pero, sobre todo, pois “de ben nacidos é ser agradecidos”, o meu corazón vibrou de inmensa gratitude. Gratitude, pois, para Alfonso, para a Irmandade Manuel María e para a Asociación Xermolos.
Quixera agradecer a presencia de bos amigos e amigas da Terra Cha, da Coruña, de Monforte, de Lugo, da Fonsagrada, de Quiroga, onde os viños son sedentarios e os bebedores nómades. Tamén os vidos doutros recantos deste noso País, que tanto precisa de verdadeiros patriotas, un sentimento de identidade, que vai con nós alí onde nos encontremos, pois “Galiza somos nós: a xente e máis a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala”. Os que fomos obrigados a sachar o barbeito da emigración fachendeamos sen complexos de ser galegos de nación, o que non nos impide abrirnos a solidariedade coa patria que nos doou pan, traballo, agarimo e familia.
Recordo tamén a todos e a todas as que gozaron deste santo grial navalleiro, as últimas, Moncho Valcarce, in memoriam, e a amiga Branca Rodríguez Pazos. Hoxe dela recibo esta credencial con lámina de Eneko, enfeitizada coa ferroviaria e  irónica presentación do bo amigo Paco Martín, a quen debo dicirlle que o profesor Lamote imparte tamén clases en Oiartzun nunha variante chairega do éuscaro. Afágame recibila na compaña de Xabier DoCampo. A Xabier dabondo cedo “lle petaron na porta pola noite”, pero coido que xa resolveu “o misterio das badaladas” e goza da casa da luz”, onde nos veremos na celestial memoria da chaira enteira. Todas/os participaron dalgún xeito desta liturxia de comuñón, rito irmanador de xantar en común unión con queixo, pan e viño. Prisciliano prefería leite e, aínda que son priscilianista confeso e malia que un galeno insensible prohibiume as bebidas inebriantes, non acredito nesta faciana, si noutras, do gran disidente do século IV, que procuraba a volta a un cristianismo evanxélico auténtico e afirmaba no crismón da Ermida: ”Aurum tibi vile est, argenti pondera caedant; melior est quod propia felicitate nites” (o ouro é vil para ti, abátase a prata. Mellor é o que brillas pola túa propia felicidade). E non serán resaibos priscilianistas o sol e a lúa, inseridos no mango da navalla de Consuelo Casanova, a quiroguesa, que deixou en herdanza ao seu neto, Manuel María? (A luz ressuscitada, 1984):
“Miña pequena, querida, preciosa navalliña
de marfil, prata, corno de cervo
e moi excelente aceiro cortador,
no lombo levas estas letras.C C.,
iniciais daquela miña avoa, chamada
Consuelo Casanova Neira, A Quiroguesa,
sombra esvaída na lembranza miña.
Tes gravada, no mango ben luído,
o sol e máis a lúa, símbolos
do mundo astral e da vida xenerosa,
que en nós latexa, corre, brinca e canta…”.
A navalla, que hoxe me entregades, pode servir para unha prosaica tarefa “in extrema necesitate”, a de calibrar a fondura do unto de algún desalmado, pero sobre todo ten unha función simbólica, transmitir os valores que Manuel María representaba: respecto, humor san e amable, trato cordial, coherencia, integridade, honestidade, xenerosidade, sobriedade franciscana, humanismo liberador, vitalismo contaxioso, acolledora hospitalidade, compromiso social e patriótico, comportamento ético, actitude de servizo, procura da unión e da concordia, nobreza de espírito, comprensión integradora, aprecio polo propio sen desprezo do alleo, aposta pola variedade, que é a riqueza do mundo, e coñecemento e amor inmenso polo País. Na casa da Saleta e do Manuel cumpríase o que di o frontispicio do pazo Arizmendi Enea de Oiartzun: “Hemen sartzen dana, bere etxean dago” (Todo o que entra eiquí, está na súa casa).
A navalla reparte anacos de emoción fraternal para compartir os alimentos naturais e espirituais, necesarios para a vida, unha vida compartida cos demais, que articule células de convivencia nos distintos chanzos da sociedade, coa finalidade de facer país, un país cada vez máis solidario, libre, xusto, soberano e orgulloso da súa identidade nacional. Hai que desterrar dunha vez por todas o complexo do colonizado e suprimir do noso vocabulario e das nosas actitudes dous refráns que circulan acotío e súan resignación e egoísmo por todos os poros da sociedade, sometida a un capitalismo consumista e individualista : “Éche o que hai” e “Cada un vai ó seu, menos eu que vou ao meu”. Non acreditemos no determinismo histórico. Temos azos para a revolta e para cambiar o sistema co noso libre albedrío. A única loita que se perde é a que se abandona.
Antes de nós houbo persoeiros que foron mestres e guieiros. Temos moitos espellos en que mirarnos, devanceiros que sementaron ideas e levaron unhas vidas exemplares. Uns ben próximos a este ritual e a estas terras, Avelino Pousa ou Díaz Castro, outros clásicos, fachos acesos sempre aos hai que volver, seguir, ler e reler: Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Plácido Castro, os irmaos Villar Ponte, López Cuevillas, Paz Andrade, Vicente Risco, tamén Risco. E por suposto, Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao e Manuel María. Os catro últimos son os meus constantes referentes e Manuel María é a empática simbiose de todos eles.
Que máis vou dicir de Manuel María, neste décimo quinto aniversario do seu pasamento!! Foi o meirande amigo que tiven nesta vida, un verdadeiro irmao. Cantas veces lembro as viaxes por Galiza e por Euskal Herria, as estadías e conversas en Hernani, en Monforte, na casa familiar de Outeiro, en Quiroga, na Coruña. Sempre volvía ao torrón natal co cobizoso desexo dunha vizosa lectura, co corazón latexando de emoción patriótica, co espírito gozoso de amizade, co ánimo fornecido coa miña escolla vital e cos anaqueis da cabeciña debida e competentemente asentados no seu auténtico lugar. Na miña xa provecta existencia houbo tres fendas vitais, que deixaron maltreito o meu corazón: a morte do meu pai en 1987, a de Manuel María no 2004 e a da miña filla Alda no 2006.
Manuel María prologou un libro meu e dedicoulle á miña familia un libro enteiro, Sonetos ó Val de Quiroga, e varios poemas.  Son moi parcial deste.
SONETIÑO ó carballo que o noso amigo PEPE ESTEVEZ, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Cha a Oiartzun de Guipuzkoa, pra trasplantalo nun eido da súa pertenencia e da súa dona MARIBEL GOÑI”.
“Carballo de Carballido:
na Terra Cha tes nación
e levas no corazón
un puro amor trascendido!
Non deas nunca ó olvido
idioma, patria e canción
que o teu nativo torrón
queda, sen ti, dolorido!
Asume un novo destiño
plenamente. E sen espera:
faite luz, símbolo e siño!
Ti non eres un calquera:
dille en galego ó Pepiño
que che adeprenda o euskera!”
Manuel María. Abril do 1997. Ano de Anxel Fole”.
Hoxe o carballo é un rebolo mozo e bilingüe. Cando foxen os ventos do Xistral, nas ponlas e follas o cuco e o melriño cantan a dúo o carro e máis o txoria de Mikel Laboa.
Manuel María, como o malvís dunha canción vasca, perdeu a vida terreal, pero segue a cantar nas súas obras, co seu exemplo, co seu compromiso ético e estético e na memoria total dos amigos e amigas do País enteiro. Dende o alén remítenos unha lumiera de esperanza e unha nidia mensaxe: acadar en harmónica e fraternal xeira a emancipación nacional e social desta nosa Patria, que espero percorrer algún día liberada do Courel a Compostela, dende Quiroga á Guarda e dende Fisterra deica Outeiro de Rei para depositar na súa campa unha rosa e un caravel.
Moitas, moitísimas grazas por concederme iste enorme galano e por aturar con paciencia o sermón deste Frei Xerundio de Campazas, empoleirado no púlpito como predicador da novena a Santa Isabel, composta por Manuel María. Recomendaba o autor, o “devoto”, rezala con “unción e recollemento”. O propósito final do primeiro día sentencia:  “Seremos sempre fieles á nosa Terra e procuraremos coñecela e comprendela mellor para amala máis fondamente”. Que así sexa. Per saecula saeculorum. Amén.
Consello final a xeito de Manuel María: Portádevos mal que sodes novos e estades a tempo, pois o meu xa prescribiu. Ben sei que a xente, se se lle dá tempo, morre. Pero non teñades présa en realizar a viaxe final, pois non se vai no taxi do Coles, senón en coche fúnebre. E se a Parca teima coa gadaña, repoñédevos coma o vello agonizante do conto. Cando o crego lle recitou a oración final da extremaunción:”Sal alma cristiana de este cuerpo pecador para gozar en el cielo de las delicias del Creador...”, o vello espertou e dixo:”Alma, non lle fagas caso ao cura; quédate onde estás, que estás moi ben”.

Campa da Santa Isabel, Outeiro de Rei. Setembro de 2019″

“Amores literarios”, por Armando Requeixo

Artigo de Armando Requeixo desde o seu blogue, Criticalia:
“(…) As relacións amorosas entre escritores teñen sido, dende sempre, abondo frecuentes. Talvez a explicación a este feito haxa que procurala na especial complicidade artística que entre estes creadores se produce, pois, á fin, viven un mesmo mundo, compartindo angueiras e ilusións literarias. (…)
Tamén na historia da literatura galega hai casos de famosas unións entre escritores. Paradigmática sería a de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, que compartiron vida e escrita fundando a nosa literatura moderna. E, mais contra os nosos días, aí o está o amor entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, quen coasinaron diversos textos e viviron por xunto iniciativas literarias de todo xorne. Igual de memorable é a romántica paixón que alentou entre Luz Pozo Garza e Eduardo Moreiras, que mesmo foi novelada nalgunha ocasión, e, felizmente contempladas, tamén as unións actuais dos poetas e narradores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes ou Xoán Babarro e Ana María Fernández, por amentar só algúns exemplos.”

Marina Mayoral: “Toda Rosalía está nos seus versos publicados. Nese sentido, a destrución das súas cartas por Murguía foi inútil”

Desde a Real Academia Galega (foto de Xosé Castro, RAG):
“Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) ingresou hoxe na Real Academia Galega como académica de honra cun discurso no que ofreceu unha nova visión sobre os motivos que levaron a Manuel Murguía a destruír as cartas de Rosalía de Castro. Se hai 48 anos escribira “dun modo contundente e pouco matizado” que o fixera para protexer a súa propia imaxe, a escritora e investigadora considera agora que “a intención fundamental non foi protexerse a si mesmo senón protexer ante a posteridade a imaxe da súa muller”, procurando unha mellor acollida da súa obra. E o xesto foi só “un máis dunha longa cadea de actuacións no mesmo sentido”, entre elas, animala a escribir e combater o “desánimo ante a súa propia obra” e a tendencia a rachar os seus textos.
“Murguía construíra a imaxe dunha Rosalía mártir, que se compadecía da dor allea e que mantivo sempre unha actitude digna e nobre ante a propia dor. Para completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe”, explica Marina Mayoral, que profunda en distintas accións do autor no “proceso de mitificación de Rosalía”. (…)
Xosé Luís Franco Grande foi o encargado de darlle resposta en nome da Academia a quen é “unha personalidade literaria xa de proxección internacional”, creadora dunha obra narrativa “moi rica, por veces de moita ousadía expositiva, moi madurecida nas técnicas expresivas e sempre suxestiva, suxerente e ben construída”. O académico, amigo de Marina Mayoral desde que ambos se coñeceron estudando na Compostela de finais dos anos 50, recordou tamén a traxectoria investigadora da catedrática da Universidade Complutense de Madrid, na que destacan, entre outros, os traballos rosalianos e sobre Emilia Pardo Bazán. De feito, salientou, Marina Mayoral “levou o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia polo tanto”, a unha morea de tribunas académicas internacionais onde exerceu como conferenciante ou profesora convidada, como as universidades de Harvard, Berkeley ou La Sapienza de Roma. (…)”

Quiosco: Follas Novas, número 1

Desde Cultura Galega:
Xosé Luís Axeitos é o director de Follas novas, a nova revista de estudos da Fundación Rosalía de Castro. O novo número achega unha visión crítica da obra en prosa de Rosalía a cargo de especialistas como Carmen Fernández-Pérez Sanjulián, Kathleen N. March, María López Sández, Francisco Rodríguez Sánchez e María Pilar García Negro. Na sección «Documentos» María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda exhuma unha carta de Alfredo Vicenti a Manuel Murguía e outra deste último á propia Rosalía é analizada por Diego Rodríguez González. Outras seccións como «Recensións», «Bibliografía», «Varia» e «Casa de Rosalía» completan os seus contidos.”

Homenaxe a Concha Murguía en Oiartzun

ArtigoXosé Estévez de Xosé Estévez en Sermos Galiza:
“O balbordo inmediato de novas políticas, económicas, electorais, bélicas etc., sexan internacionais, estatais, nacionais ou locais, agacha baixo o mesto veo da marxinación outras coma os actos celebrados polo Fato Cultural Daniel Castelao de Pasaia e o Concello de Oiartzun sobre a personalidade de Concha Murguía Egaña, nai de Manuel M. Murguía, os días 18, 19 e 20 de febreiro deste ano 2016.
Concha Murguía Egaña, era filla do organista da Igrexa de San Estevo de Oiartzun, Domingo Murguía, de vella estirpe fidalga orixinaria de Astigarraga, lugar de sona polas sidrerías. Concha naceu o 29 de Xaneiro de 1806 no antigo hospital, onde moraban seus pais nunhas dependencias anexas. Hoxe o edificio é Biblioteca e Casa de Cultura de Oiartzun. Con nove anos trasladouse a vivir a Tolosa, pois o pai conseguira a praza de organista da Igrexa de Santa María na antiga capital foral de Guipúscoa. Por iso, algúns historiadores como Vicente Risco sitúan con erro evidente o seu nacemento na vila tolosarra. Nela militará o pai no partido liberal-fuerista abandeirado polo Conde de Villafuertes, D. Ladislao Zabala. A invasión dos “Cen Mil Fillos de San Luis” en 1823, a pedido do incompetente e voluble rei Fernando VII, remata co Trienio Liberal e impón de novo o Absolutismo. Domingo Murguía e a súa filla Concha fuxen cara Galiza. A filla ficaría e o pai volvería a Tolosa onde morreu pobre e doente, acollido na casa do Conde de Villafuertes. Concha casou co boticario Xosé Martínez e finou dun ataque ao corazón en Santiago en 1854, onde foi soterrada. (…)
O 11 de novembro do 2000, día de San Martiño, a Irmandade de Centros Galegos de Euskadi e as Asociacións Culturais “Daniel Castelao”, de Pasaia, e a “Rosalía de Castro”, de Baracaldo, solicitamos da Deputación Foral de Guipúscoa e do Concello de Oiartzun a celebración dunha homenaxe a Concha Murguía. Ambas Institucións responderon afirmativa e xenerosamente da man de Luis María Bandrés, deputado de Cultura, e Xavier Iragorri, alcalde de Oiartzun. Colocouse na Casa de Cultura unha fermosa placa, conforme ca monumentalidade do lugar, en galego e éuscaro cas seguintes verbas: ”Nesta casa naceu Concha Murguía Egala (1806-1854), nai de Manuel M. Murguía, berce do nacionalismo galego”. As dúas institucións sufragaron tódolos actos e a edición dun libro da miña autoría sobre a estirpe vasca de Manuel Murguía.
Dende aquela efémeride celebramos tódolos anos por estas datas unha homenaxe a Concha Murguía. Este ano, os días 18, 19 e 20 de febreiro, celebramos os seguintes actos os día 18 e 19: Unha conferencia deste servidor encol de Manuel María e Euskal Herria e un recital poético musicado, vasco-galego, con poemas de Manuel María e Joseba Sarrionaindia. O día 20 será a grande homnenaxe con ofrenda floral e intervencións orais da concelleira de Oiartzun, Iosune Cousillas, de ascendencia cormeá, e de Xosé Estévez. (…)”

Alfredo Ferreiro: “Admitir varias normativas do galego no certame garante a liberdade creativa”

EntrevistaAlfredo Ferreiro a Alfredo Ferreiro en La Opinión:
“O certame Manuel Murguía xa ten novo coordinador no seu 25 aniversario. Trátase de Alfredo Ferreiro, un escritor nado en A Coruña, que viviu en Carral e que agora está en Arteixo. Ferreiro explica que o certame manterá a súa “tolerancia” coas diferentes normativas do galego. (…)
– La Opinión (LO): Pensa que o certame Manuel Murguía xa alcanzou un alto grao de recoñecemento?
– Alfredo Ferreiro (AF): Hai unha gran cantidade de xente de certo prestixio entre os gañadores. Joel Gômez, Xavier Alcalá, Isidro Novo, Rosa Aneiros, etc. Hai un montón de xente coñecida.
– LO: Que destacaría sobre o certame?
– AF: Quero explicar que o certame ten tolerancia coas diferentes normativas [do galego]. Non ten obxectivos gráficos, senón literarios. Admitir varias normativas garante a liberdade creativa.”

Presentado o Epistolario dixital de Rosalía de Castro do Consello da Cultura Galega

Desde Cultura Galega:
“O Consello da Cultura galega presentou o luns 24 de febreiro en rolda de prensa o Epistolario dixital de Rosalía de Castro, unha colección de dezaseis cartas enviadas pola poeta e que suponen a primeira edición conxunta destes textos. A nova lectura das cartas profunda na imaxe da Rosalía moi consciente de ser escritora. (…)
O Epistolario dixital de Rosalía de Castro supón a segunda incorporación dunha colección de correspondencia ao Proxecto Epístolas do Consello da Cultura Galega. Son 18 cartas que Rosalía remite a Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou a Ángel Baltar, e que foron editadas polo Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona, baixo a dirección de Helena González, María Xesús Lama e María do Cebreiro Rábade.
Precisamente esta editora suliñou que estas cartas supoñen unha revalorización da investigación biográfica ao redor de Rosalía de Castro, xa que na nova transcrición realizada para a súa publicación, aparecen importantes matices que realzan o papel de Rosalía como escritora consciente de selo e cunha marcada “ironía, talento e vontade de estilo”, segundo María do Cebreiro Rábade.”

A descoñecida Murguía que homenaxean en Oiartzun

Desde Sermos Galiza:
“Desde o ano 2000, arredor do 29 de xaneiro que é a súa data de nacemento, en Oiartzun, en Euskadi, homenaxean a Concha Murguía na casa na que naceu, un edificio señorial hoxe convertido en casa da cultura, con biblioteca e salón de actos. Desta volta, o acto, organizado polo Fato Cultural Daniel Castelao máis o concello de Oiartzum, tivo lugar o día 1 de febreiro cun programa no que se deron a man os gaiteiros Trisquela e o grupo Lartaun Txitulari Taldea, houbo ofrenda floral e tamén as intervencións do Concelleiro de Cultura, Asier Legorburo e o historiador Xosé Estévez, verdadeiro promotor da conmemoración.
Foi precisamente Xosé Estévez, natural de Quiroga e afincado no País Vasco, quen lle seguiu a pista á nai de Manuel Murguía desde que reparara no dato aportado por Vicente Risco na biografía do historiador que a facía natural de Tolosa. Desde entón, visitou arquivos e buscou documentos mais nada lembraba en Tolosa á muller da que o fillo tomaría o seu apelido para se identificar na historia. (…)”

Aparece unha primeira edición de Cantares Gallegos cun autógrafo, unha foto inédita de Rosalía e a resposta de Fernán Caballero

Desde Sermos Galiza:
“O libro sae ao público desde un domicilio do seu propietario precisamente grazas á mostra aberta en Vigo. O propietario do exemplar visitou a exposición e decatouse da importancia do documento que tiña na casa, polo que se dirixiu ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, para estimar o seu valor. En poucas semanas, a Fundación Rosalía adquiriu o volume que está xa á vista pública na mostra de Vigo.
O volume descobre un texto descoñecido no que Fernán Caballero responde en carta datada o 25 de xaneiro de 1864 á dedicatoria de Rosalía de Castro. Anxo Angueira, no seu estudo dos distintos materiais, sinala como propietario orixinal do volume o escritor e amigo da infancia de Murguía, Ramón Segade, quen probablemente tería copiado a man o texto desde o seu orixinal, legando para a posteridade desta maneira un documento do que até o momento se descoñecía o seu contido.
A Fernán Caballero, pseudónimo da escritora Cecilia Böhl de Faber, Rosalía dedícalle os Cantares Gallegos e é agora, cando se cumpren 150 anos da súa publicación, cando se coñece a súa resposta. Segundo o texto manuscrito, con moita posibilidade polo escritor español Ramón Segade, Fernán Caballero chámalle á poeta “ruiseñor de Galicia” e, ao tempo que gaba a súa obra, chámalle a atención pola súa queixa polo trato que os españois dan aos galegos. Malia non se coñecer até agora esta “reprimenda” de Fernán Caballero, si se sabía da reacción de Rosalía, quen, en carta a Murguía sinala: “Fernán Caballero pórtase efectivamente como unha plebea, pero perdónollo”.
O exemplar inclúe unha imaxe descoñecida de Rosalía, da autoría de María Cardarelly, de quen xa se coñecía unha fotografía da autora. Este novo retrato tirado de perfil dunha Rosalía nova, con toda certeza na mesma sesión que o xa coñecido, incorpora unha nova imaxe ao pequeno álbum de fotos da autora máis relevante das nosas letras, o que fai aínda máis extraordinario o seu achado. A fotografía está datada arredor do ano 1863, no tempo da publicación do libro.
O extraordinario volume recolle aínda unha sorpresa máis, os únicos versos manuscritos pola propia Rosalía que se conservan de Cantares Gallegos, estampados no libro para agasallo do seu autor e asinados pola propia poeta. Pasa a facer parte o documento do tamén pequeno conxunto de autógrafos da poeta.
O exemplar cos distintos materiais que traía no seu interior incorporouse á mostra No principio foi o verso. Rosalía de Castro, aberta ao público na sede de Vigo da Fundación Barrié. Na páxina web da Fundación, alén de reproducións dos achados, pódese ler o estudo de Anxo Angueira sobre os materiais descubertos.”