Coñécense as persoas e entidades gañadoras dos Premios da Crítica Galicia 2014

“NoPremios da Crítica Galicia Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso do xantar do sábado 11 de outubro o ditame da trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
Baixo o lema A beleza feriume para sempre, recollido dun verso de Xosé María Díaz Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséxima sétima edición na que por vez primeira se convocaba a modalidade de Cultura Gastronómica.

Costa do Solpor, de Xosé María Lema, Premio de Creación Literaria.
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Xabier Cordal Fustes, escritor, gañador da edición anterior; Ramón Nicolás Rodríguez, crítico, membro da sección de crítica literaria da AELG; Mercedes Queixas Zas, escritora, secretaria da AELG; Carme Ferreira Boo, profesora da UDV, membro da Asociación de Investigación ELOS; Rexina Rodríguez Vega, escritora, profesora UDV; Modesto Hermida García, crítico e ex-profesor da USC e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras Costa do Solpor de Xosé María Lema (Xerais), O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila (Galaxia) e Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Costa do Solpor, de Xosé María Lema, editada por Xerais. O xurado salientou que “a obra gañadora asume diversos modelos narrtaivos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar”.
Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Premio de Investigación.
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Barreiro Fernández, catedrático da USC; gañador da edición anterior; Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática de Computación da UDC; Mar Fernández Vázquez, secretaria da Fundación de Investigación ELOS; Luis Espada Recarey, catedrático e ex-reitor da UDV; Lucía Fernández-Novoa Valladares, directora da Unidade de Xenética de EBIOTEC, José Antonio Gómez Segade, catedrático da USC e Charo Portela, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou declarar como finalistas as obras Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos populares, de Antón Cortizas (Xerais), Arte e ciencia en Galicia, de Francisco Díaz-Fierros (Servizo de Publicacións da USC) e Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, editada por Xerais. O xurado salientou “a novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lignua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”. Así mesmo subliñou “o seu potencial na investigación lingüística e a súa apliación en relación ás novas tecnoloxías”.
Ciclo Poetas D(in)versos, Premio de Iniciativas Culturais.
O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Xulio Amigo Estrada, editor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo Costa, presidenta de ELOS, profesora; Carlos Callón Torres, profesor e escritor; Berta Dávila Fernández, mestra e escritora; Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, Celia Torres Bouzas, editora e Blanca Roig, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Ciclo de Poetas D(in)versos, revista Luzes e Viñetas desde o Atlántico. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Ciclo de Poetas D(in)versos. O xurado salientou que o Ciclo de Poetas D(in)versos, que se leva a cabo no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, dende onde se ofrecen recitais da mellor poesía de Galicia e do mundo, “é fonte de alimentación do gusto poético, dignificando e visualizando o xénero, consolidando un público propio para a lírica de hoxe, tanto nacional como internacional”. O xurado subliñou, ademais, “a capacidade do ciclo para implicar ás librarías que sirven poesía á cidade, expandíndao por toda Galicia a través de recitais de poetas convidados ao ciclo, coordinado por Yolanda Castaño”. Por último, o xurado quixo recoñecer, ademais, o Festival Ponte-Poética, dirixido tamén por Yolanda Castaño, co apoio, sobre todo, do concello de Pontevedra e do Ateneo da Cidade, no que participan poetas de todo estado e se realizan actividades para insistir na alimentación do gusto literario”.
Berrogüetto, Premio de Música.
O xurado da modalidade de Música, formado por Luís Soto, membro de TAC, gañador da edición anterior; Joaquín Carvajal, director do Coro Clásico de Vigo; Teresa Cuíñas Lavandeira, xornalista; Óscar Losada Castro, xornalista; Julio Gómez, director de Sin Sal, Lucía Riveiros Vázquez, soprano e Manuel Bragado, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Historia da Música en Galicia, de Lorena López Covas, Berrogüetto e Germán Díaz. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio por maioría a Berrogüetto. O xurado salientou “a excelente traxectoria artística de case vinte anos do grupo vigués, constituíndose nunha referencia imprescindible na música de raíz galega, e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.
Antón Pulido, Premio de Artes Plásticas e Visuais.
O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Xulio Gil Rodríguez, fotógrafo, gañador da edición anterior; Paula Cabaleiro, xestora cultural e comisaria de exposicións; Carlos Núñez “Le Vieux”, deseñador gráfico; Isabel Aguirre de Urcola, arquitecta; Xavier Limia de Gardón, crítico de arte, Annia González Castiñeira, directora de Pletor e Xavier Senín, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berta Cáccamo, Antón Pulido e Francisco Pazos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Antón Pulido.
O xurado salientou que “Antón Pulido Nóvoa é un pintor e un excelente gravador que comenza axiña nos montes de Casaio, desenvolve un trazo profundo e denso que concreta nunha narrativa rexionalista que gabou Otero Pedrayo cando aínda non fixera Belas Artes en Barcelona. Refina o trazo despois da súa etapa de formación até que a mediados dos oitenta fai seu o expresionismo figurativo, en soidades de paseantes, xogadores, mulleres na lúa e todo un mundo simbólico. En 2013 sorprende en Pontevedra coa exposición “Kermesse” que viña esbozándose en mostras fóra de Galicia dende o ano 2007. Kermesse é unha viaxe a unha abstracción lúdica, moi ben organizada, que transforma toda a súa pintura anterior cunha solidez moi difícil de acadar. Pola súa traxectoria, pola exposición que se menciona, pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo, cremos que o artista é merecedor deste premio”.
Costa da morte, de Lois Patiño, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais.
O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Marta Pazos Antas, directora de escena e actriz, gañadora edición anterior; Alfonso Pato, director do festival de Cans; Damián Villalaín, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Paula Carballeira Cabana, escritora e actriz; Roi Vidal Ponte, dramaturgo e director de escena, Roberto Pascual Rodríguez, director da MIT Ribadavia e profesor na ESAD de Galicia e María do Cebreiro Rábade, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Costa da morte de Lois Patiño, As do peixe de Abrapalabra creacións escénicas e Eurozone de Chévere. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio á película Costa da morte de Lois Patiño. O xurado salientou “a capacidade do filme para abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cine galego e na revisión do diálogo entre cine e paisaxe, así como na internacionalización do sector e na renovación dos modelos tradicionais de produción, distribución e exhibición”. O xurado expresou, ademais, que “debido á fecundidade dos ámbitos escénicos e audiovisual e á dificultade para equiparar obras de natureza tan distinta, recomenda a creación de dúas seccións diferenciadas en posteriores edicións destes premios”.
Grupo Cuevas, Premio de Cultura gastronómica.
O xurado da modalidade de Cultura gastronómica, modalidade que se concedía por vez primeira na historia destes premios, formado por Manuel Gago Mariño, escritor, director de Culturagalega.org; Matilde Felpeto Lagoa, escritora de temas gastronómicos; Fina Casalderrey Fraga, escritora, membro RAG; Xavier Castro, profesor da USC, historiador de temas gastronómicos; Guillermo Campos, crítico gastronómico, Jose Maria Fonseca Moretón, presidente Grupo Terras Gauda e por Antón Sobral, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crñitica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Empresa Cuevas S.A., Fundación Dieta Atlántica e Centro Superior de Hostelería de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Grupo Cuevas. O xurado salientou que Grupo Cuevas é “unha empresa familiar de longa e consolidada traxectoria (máis de 100 anos) que ofrece dentro e fóra de Galicia un fito destacado, ser pioneira en converter un produto autóctono, a castaña, nun elemento de calidade con incidencia universal, como é a castaña confitada, sen deixar de mirar cara adiante na procura de seguir a mellorar resultados. En defintiiva, a través da posta en valor dun produto popular desprestixiado, no eido da excelencia”.

Vigo, 11 de outubro de 2014″