Compostela: IV Xornadas de Literatura e Ensino: A Xeración Nós-outr@s, o sábado 18 de outubro

O sábado 18 de outubroBannerIVXornadaLiteraturaEnsinoAELG2014, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, terán lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s.

Está aberto xa o prazo de matrícula. Toda a información, aquí.

A expresión literaria galega goza dun longo percorrido histórico ao tempo que amosa unha actualidade creativa que necesariamente ten que achar o seu punto de acollida e intercomunicación no ensino. O pensamento e a creación das mulleres precisa acrecentar o seu espazo de visibilidade nun ámbito de formación de lectorado crítico como é a escola.
A literatura como obxecto de estudo en si propio e/ou como ferramenta para o coñecemento transversal e a formación do individuo debe entrar nas aulas non só como conceptos teóricos, senón como modelo de reprodución para favorecer a procura da propia experiencia creativa persoal.
Vivir a experiencia creadora en primeira persoa. Eis o reto.
Poesía, narrativa e ensaio para sentir, ouvir e ver; para ler, contar e expresar; para fascinar e transformar a realidade.

Entidade convocante: ASOCIACIÓN SOCIO-PEDAGÓXICA GALEGA (en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega).
Denominación da actividade: IV Xornada de Literatura e Ensino: A Xeración Nós-outr@s.
Modalidade formativa: Curso.
Data de realización: sábado, 18 de outubro de 2014.
Horario: de 09:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás).
Valoración en horas de formación: 8 h.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula, se procede: Gratuíta.
Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na web da AS-PG, tendo preferencia os socios/as da AS-PG e da AELG.

Obxectivos previstos:
– Valorar a literatura galega, a través das diferentes voces das mulleres, construtoras de pensamento e expresión literaria, como unha ferramenta clave para a adquisición das competencias básicas.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualización da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio tendo en conta tamén a perspectiva de xénero para o avance da igualdade.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á lectura por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe literaria para a infancia e mocidade xunto con escritoras da literatura galega.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado.

PROGRAMA

9:30-10:15 h. Conferencia: É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?, por María Xesús Nogueira.
Ningunha historia da literatura é neutra, é dicir, inocente; os imaxinarios, os mitos, os tópicos que se perpetúan, foron tecendo unha rede de complicidades en torno á literatura galega como resistencia, antes que como existencia. Un campo de batalla onde os homes, como en todo relato épico (de derrotas ou de utopías), construíron a nación e, case ao mesmo tempo, o relato crítico sobre ese soño da nación. Mesmo Rosalía, ata os anos oitenta do século pasado, foi un asunto masculino, un campo de batalla entre a santiña e a raposa.
A pregunta chave: é posíbel (e desexable) unha revisión da literatura galega desde un nós plural e alternativo? Debemos re­interpretar a historia desde unha Xeración Nós­outr@s? Que ideas-­forza arredor da nosa literatura deben transmitirse no ensino medio e universitario? Desde que posicionamento teórico? Con que metodoloxía? Poden achegar os feminismos unha visión menos unívoca dos nosos clásic@s?

10:15-11:30 h. Mesa I: Imaxinarios narrativos para o século XXI. Rosa Aneiros, Berta Dávila e Inma López Silva.
Que significa ser narradoras contemporáneas no contexto da literatura galega? Como conxugar o particular e o universal? O íntimo e o colectivo?
De que temas interesa escribir? A quen se dirixir ao soñar un relato? Con que fío invisible tecer as historias?
Sentírmonos responsábeis da continuidade dunha tradición cultural que denominamos literatura galega? Ou buscar camiños á marxe dela?
Sentirse parte dunha comunidade literaria que poderíamos definir como a Xeración Nosoutr@s, marcada pola conciencia de xénero? Ou, pola contra, preferir ser escritoras que se definen unicamente pola habelencia no seu oficio? Literatura como compromiso e/ou como entretemento? Literatura a secas ou literatura desde un posicionamento consciente?

12:00-14:00 h. Obradoiros I (simultáneos): María Canosa, Ledicia Costas, Estíbaliz Espinosa.
16:00-18:00 h. Obradoiros II (simultáneos): María Canosa, Ledicia Costas, Estíbaliz Espinosa.
María Canosa.
No obradoiro búscanse estratexias didácticas que leven a:
Activar o potencial lector; mover a vontade propia; non educar para a afección, só descubrir que é unha axuda para a vida, desenvolvendo o espírito crítico a través da visión/revisión dos textos literarios existentes, a evolución, cambios, e faltas que existen.

Ledicia Costas
Isto vai de escribir. De cuspir letras que reboten sobre un paraugas calquera, nun caos de sílabas e corcheas. Isto vai de música, de compoñer ata que Barber senta envexa da nosa partitura. Isto vai de Nós-outras-todas. De referencias próximas e non tanto. De percorrelas a elas e atopar o noso punto de saída. E desde aí disparar ao ceo, e que ardan as nubes de evolución. Coa nosa tinta fabricaremos a chuvia.
Estíbaliz Espinosa
“A radiación XX”: obradoiro que se centrará no río subterráneo das voces literarias femininas, dende as clásicas até as máis recentes -con atención tamén ao ámbito literario-científico ou á literatura dixital- e a súa emerxencia na construción dun discurso feminino nesas coordenadas.
18:00-19:30 h. Mesa II: O pensamento escríbese con –As (o ensaio no século XXI). Rebeca Baceiredo, Montse Dopico e María Reimóndez.
Unha reflexión sobre a necesidade do ensaio como xénero literario que propicie o debate e o pensamento crítico no sistema de ensino; unha reflexión compartida sobre os campos de batalla (políticos, económicos, lingüísticos, institucionais…) onde se decide como pensar a nosa literatura contemporánea; un debate desde os feminismos, desde a conciencia do Outra (das Outr@s), para preguntarnos que literatura queremos construír entre tod@s e que valores poñemos en xogo cando interpretamos un texto literario que compartimos co alumnado. Porque nunca será o mesmo Filgueira Valverde que Xela Arias, aínda que ambos os dous se definan como literatura galega.
19:30-20:30 h. Lectura de conclusións e acto de clausura por aldaolado (Lucía Aldao e María Lado) [música/poesía/humor].

IVXornadaLiteraturaEnsino2014_revisado