Autorización, remuneración e transparencia: Sebastià Portell analiza a implantación da IA na literatura

Desde Nós Diario:
“O escritor e tradutor Sebastià Portell, presidente do European Writers’ Council (EWC) e da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), defendeu na Facultade de Filosofía da USC unha regulación que obrigue as empresas tecnolóxicas a pediren autorización aos autores para adestrar a intelixencia artificial (IA) coas súas obras e a remuneraren calquera uso autorizado. Fíxoo na “ARTe en tempos de Intelixencia Artificial Xenerativa”, organizada pola AELG e a facultade coa colaboración de CEDRO, na que estivo acompañado polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e o profesor Xavier de Donato.
Portell expuxo o traballo do EWC nos últimos catro anos en defensa do principio ART: autorización, remuneración e transparencia fronte á implantación da IA.
“Desgrazadamente, a principal arma que nos queda agora mesmo como autores literarios é ir contrato por contrato e protexernos a través de cláusulas”, explicou. Son as chamadas “cláusulas de humanidade”, polas que autores e editores se corresponsabilizan de non usar IA “para protexer o traballo de toda a cadea de valor do libro”.
O escritor aspira a unha norma que protexa “de facto” o dereito de autor, como xa ocorre “cando se fan copias dun libro, cando un libro se traduce, cando se edita nunha nova editorial”. “É algo tan sinxelo, pero aparentemente complicado para as institucións europeas, como aplicar no ámbito da IA o que xa se fai en absolutamente todos os ámbitos”, criticou.”