Desde Nós Diario:
“O escritor e tradutor Sebastià Portell, presidente do European Writers’ Council (EWC) e da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), defendeu na Facultade de Filosofía da USC unha regulación que obrigue as empresas tecnolóxicas a pediren autorización aos autores para adestrar a intelixencia artificial (IA) coas súas obras e a remuneraren calquera uso autorizado. Fíxoo na “ARTe en tempos de Intelixencia Artificial Xenerativa”, organizada pola AELG e a facultade coa colaboración de CEDRO, na que estivo acompañado polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e o profesor Xavier de Donato.
Portell expuxo o traballo do EWC nos últimos catro anos en defensa do principio ART: autorización, remuneración e transparencia fronte á implantación da IA.
“Desgrazadamente, a principal arma que nos queda agora mesmo como autores literarios é ir contrato por contrato e protexernos a través de cláusulas”, explicou. Son as chamadas “cláusulas de humanidade”, polas que autores e editores se corresponsabilizan de non usar IA “para protexer o traballo de toda a cadea de valor do libro”.
O escritor aspira a unha norma que protexa “de facto” o dereito de autor, como xa ocorre “cando se fan copias dun libro, cando un libro se traduce, cando se edita nunha nova editorial”. “É algo tan sinxelo, pero aparentemente complicado para as institucións europeas, como aplicar no ámbito da IA o que xa se fai en absolutamente todos os ámbitos”, criticou.”
Arquivos da etiqueta: Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela
Charla-coloquio sobre Autorización, Remuneración e Transparencia. ARTe en tempos de Intelixencia Artificial Xenerativa, con Sebastià Portell, o 25 de novembro
A charla-coloquio sobre Autorización, Remuneración e Transparencia. ARTe en tempos de Intelixencia Artificial Xenerativa, con Sebastià Portell, é unha actividade organizada pola AELG xunto á Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración de CEDRO. Terá lugar o 25 de novembro de 2026, ás 18:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (Praza de Mazarelos), con entrada libre até completar capacidade do espazo, impartida polo escritor e tradutor Sebastià Portell (presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC) e do European Writers’ Council (EWC), e membro da Xunta Directiva de CEDRO), acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Xavier de Donato, profesor da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago.
Sebastià Portell publicou as novelas Les altures (2022), Ariel i els cossos (2019) e O día que morreu David Bowie (2016, traducida ao galego por María Alonso Seisdedos), coa que gañou o Premio Time Out ao Creador do Ano. Tamén é autor de varios títulos de teatro e de non-ficción, e editou Amors sense casa (2018), a primeira antoloxía de poesía LGBTQ catalá. A súa obra foi traducida ao galego, ao italiano e ao castelán. Desde 2022 é o presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), e desde marzo de 2026, tamén preside o European Writers’ Council (EWC).
A fotografía de Sebastià Portell é obra de Laura Rosselló.













