A AELG, como membro do Consello Europeo de Escritoras e Escritores (EWC), adhire á defensa da escritora Svetlana Aleixievich

A AELG divulga a información relativa ás escritoras/es en Bielorrusia, que nos é enviada polo EWC, a partir da información achegada polo Sindicato Bielorruso de escritoras/es.

Desde principios do mes de agosto o Consello Europeo de Escritoras e Escritores (EWC) vén divulgando, a petición do Sindicato de escritoras/es bielorruso, a situación de censura de liberdade de expresión no seu país e de manipulación por parte das noticias dos medios co gallo das eleccións levadas a cabo, demandando o dereito en Bielorrusia a unhas eleccións xustas e ao respecto de cara á liberdade de expresión e o coidado da cidadanía.
Entre os documentos achegados para a súa difusión encóntranse testemuños das atrocidades levadas a cabo nos cárceres e tamén a denuncia do caso aberto por Alexander Lukashenko contra a premio Nóbel Svetlana Alexievich e o Consello directivo do Sindicato de escritoras/es de Bielorrusia.
Desde a AELG manifestamos o noso apoio á loita pola liberdade de expresión e polo diálogo e condenamos calquera acto de violencia referido á situación en Bielorrusia.
Para coñecer máis información de primeira man sobre esta situación recomendamos visitar: http://europeanwriterscouncil.eu/union-of-belarusian-writers-statement25082020/.
O sindicato de escritoras/es bielorruso é unha comunidade creativa de autoras e autores de Bielorrusia. O sindicato aséntase nos principios da liberdade de expresión e de palabra. Loitan para protexer os dereitos das autoras e autores e para desenvolver, promover e popularizar a literatura bielorrusa como un valor integral para a sociedade, esencial de cara á existencia da nación bielorrusa. Fundado en 1933-34, o Sindicato de autoras/es bielorrusas/os é a organización de creativas/os máis veterana de Bielorrusia. Entre os seus membros atópanse a gañadora do Nobel Svletana Alexievich e autores recoñecidos como Uladzimir Niakliaeu, Raisa Baravikova, Ulaidzimir Arlou, Anataol Viarcinski ou Ales Razanaou.
Páxina web: https://lit-bel.org/.
Seguindo a información obtida a través do Consello de Escritoras e Escritores Europeos (EWC), na tarde o 26 de agosto recíbese a nova de que Svetlana Aleixievich (que fora recluída para un interrogatorio acusada de usurpación de poder) foi liberada. A escritora negouse a testificar en contra propia. Velaquí as súas declaracións antes do interrogatorio:
“Estou agradecida polo voso apoio, é moi importante, temos que apoiarnos os uns aos outros. Vou (ao interrogatorio) totalmente tranquila, non me sinto culpable, síntome leximitimizada en todo o teño feito. É máis, isto é moi preciso hoxe en día, porque se estamos separados e divididos acabaremos indo a unha guerra civil, é moi perigoso. O noso propósito era o de unir á sociedade, non un intento de golpe (non mencionado). É un argumento fútil que todos nós, 600 persoas (os coordinadores do consello), nos teñamos unido para convencer á xente. Foi a xente quen se uniu, sucedeu fronte os nosos propios ollos, a nación Bielorrusa quere un cambio. Coido que todo o mundo está orgulloso hoxe. E, francamente, non adoitamos sentirnos así nos últimos tempos, e hoxe, cando vemos este movemento de miles de persoas… E deberíades ver que lemas tan fermosos teñen aparecido nos medios de comunicación de occidente como símbolo de Bielorrusia. En outras palabras, os bielorrusos de repente son xente da que o resto do mundo está aprendendo (…) Ofrecemos un novo modo (de reivindicación), non temos que ocupar a oficina de correos e telégrafos, estamos ofrecendo un xeito pacífico de loitar. Un tempo no que a vida humana sexa digna e no que as persoas a valoren”.
Fonte: https://www.facebook.com/litbel/posts/1621796531315372 vía newsletter da ECW.
Asemade, desde a EWC estanse a organizar diferentes actos de apoio á causa bielorrusa a través de comunicados a prensa, a diversos políticos e á difusión das novas e situación actual da realidade bielorrusa a través do consello de escritoras e escritores do país.

O EWC leva a cabo unha enquisa sobre o impacto da Covid-19 na cultura

O Consello Europeo de Escritoras e Escritores (EWC) está a levar a cabo unha enquisa sobre o impacto da COVID-19 na cultura, nomeadamente en autoras/es e tradutoras/es, a través das achegas das súas asociadas (incluída a AELG). Nesta ligazón poden consultarse as propostas realizadas ata o momento desde Alemaña, Francia, Noruega ou as realizadas pola ACE. Pola nosa banda, lembramos a achega da AELG para o mantemento dos proxectos literarios e culturais, tan necesarios neste momento, para a sociedade, as súas creadores e creadores e a nosa lingua. A escolma, aínda vixente, dos documentos creados en relación a esta situación que afecta gravemente á creación cultural e aos nosos mercados pode consultarse aquí.

Anúncianse as/os gañadoras/es do Premio literario da Unión Europea

O European Writer´s Council (EWC), no que participa a AELG desde 2009, vén de anunciar as/os gañadoras/es ao Premio literario da Unión Europea na súa edición do 2020.
Nesta edición, marcada tamén pola forte impronta do COVID-19, as/os gañadoras/es déronse a coñecer a través dunha emisión en directo vía a páxina web oficial do evento e as súas redes sociais.
En palabras da Comisaria de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Xuventude, Dona Mariya Gabriel: “Na crise actual confiamos máis que nunca na axuda das autoras e autores, creadoras e creadores, para poder soportar o aillamento de estarmos confinados. Ler é un xeito poderoso para sentir emocións fortes, para nos transportar a distintos universos no tempo e no espazo, e para coñecer novos personaxes, todo desde a casa. Parabéns a todas as gañadoras e gañadores deste ano do Premio Europeo de Literatura”.
O Premio está organizado polo agrupamento de tres institucións: o EWC, a Federación Europea de Editoras (FEP) e a Federación Europea e Internacional de libreiros (EIBF), co soporte económico de Creative Europe, facendo posíbel que todos os países da Unión Europea poidan participar coas súas creacións.
Entre as/os trece gañadoras/es destacan obras de Bélxica, Bosnia, Croacia ou Cataluña (por primeira vez, por parte do Estado Español hai unha gañadora que non escribe en castelán, neste caso, Irene Solà, por “Canto jo i la muntanya balla”). A lista completa de obras premiadas está dispoñíbel na web da EWC.

A AELG, novo membro da EWC-FAEE A.I.S.B.L.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ven de ser confirmada como membro da EWC-FAEE A.I.S.B.L. (Confederación de Escritores Europeos – Federación de Asociacións Europeas de Escritores), na Asemblea Xeral que tivo lugar o pasado 21 de xuño de 2009 en Marsella. EWC-FAEE A.I.S.B.L. son proxectos financiados con apoio da Comisión Europea.

Xunto coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, ingresaron na EWC-FAEE A.I.S.B.L. a Asociación Europea de Escritores “Die KOGGE e. V. de Alemaña; a Asociación de Escritores Daneses, de Dinamarca; a Unión de Escritores Bielorrusos, de Bielorrusia; a Asociación de Escritores Eslovenos, de Eslovenia, e a Academia da Lingua Maltesa, de Malta.