A Coruña: Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, o domingo 28 de setembro

O Luísa Villaltadomingo 28 de setembro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración do Concello da Coruña e o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, organiza a homenaxe Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, co seguinte programa:

11:00 h. DESCUBRIMENTO DUNHA PLACA NA CASA ONDE VIVIU LUÍSA VILLALTA. Rúa Vila de Laxe, 6 – A Coruña.

12:15 h. RECITAL POÉTICO-MUSICAL. Teatro Rosalía de Castro.
• Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG.
• Interpretación musical:
Dúo Paganini de guitarra e violino.
Solo de guitarra de Juan S. Bach.
• Lectura de textos de Luísa Villalta: Lino Braxe, Marica Campo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlota Fiaño Salinas, Francisco Xosé Fernández Naval.
• Interpretación musical:
Fragmento de cuarteto de corda con mezzosoprano de Paulino Pereiro e texto de Cesáreo Sánchez Iglesias.
Trío de frauta e corda de W. A. Mozart.
• Lectura de textos de Luísa Villalta: Luz Pozo, Xavier Seoane, Mercedes Queixas, Xulio López Valcárcel, Dores Tembrás, Eva Veiga.

Mantedora do acto: Antía Otero.

Entrada libre até completar aforo.

Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Así, foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua.
Formouse na Universidade de Santiago onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.
A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.
Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.

CartazVILLALTA