“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:
É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.
Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade.
Mais, por veces, a nosa aprendizaxe devén de acontecementos que, como en perpendicular, semellan de súpeto interromper o traxecto cadencioso da existencia. Deste xeito, Pilar Pallarés verase exiliada para sempre do seu paraíso en dous sentidos: o traslado a unha nova casa que o pai vai obrar coas súas propias mans noutro lugar da comarca, que asemade a ampliación do aeroporto de Alvedro acabará por engulir, e tamén, por outro lado, a residencia obrigada da familia durante uns anos en Vigo por motivos laborais do proxenitor.
Non obstante, á cidade de Vigo dirá Pilar, en entrevista a Manuel Villaverde, deberlle moito: “Alí asistín por vez primeira a concertos de música e representacións teatrais, visitei museus, adquirín conciencia política… Eran os anos das folgas nos estaleiros e logo do golpe de estado chileno e da Revolução dos Cravos. Eu pasaba os días pintando, ao tempo que comezaba a escribir poemas”. Poemas de adolescencia e aínda unha novela de inspiración na obra de Baroja nunca publicada, comezos dunha escrita que irá restándolle terreo á pintura que abandonará por completo e que se dan parellos a unha conciencia social e política na que, entre outras persoas, vai ter unha importancia decisiva Moncho Valcarce, o cura de Sésamo ou tamén coñecido como das Encrobas, verdadeiro activista a prol dos máis febles e defensor dunha nazón galega que faga valer o que é seu, empezando polo idioma, loita que lle valería o cárcere por dúas veces. Pola súa parte, Pilar Pallarés vai vivir este momento histórico como unha experiencia iniciática, transformadora e á vez dolorosa pois revela as gadoupas dun poder asoballante e, en boa medida, o desleixo dun pobo entregado. Unha vivencia que callará na súa militancia no Bloque Nacionalista Galego e, por outra banda, neses poemas de adolescencia e primeira xuventude cos que gañou en 1979 un primeiro premio d´O Facho cando xa está na Coruña a estudar Filoloxía. Poemas que se ve impelida a ler nas xuntanzas ás que na casa de Francisco Pillado adoito asiste da man da súa grande amiga Isabel Balaca. Entre os asiduos desas reunións está Luís Seoane, quen se empeña en reunir aqueles poemas nun libro para ser publicado en Edicións do Castro. Pero Seoane falece e serán Pillado, Díaz Pardo e Marino Dónega os que se encarguen da súa edición, que ve a luz en 1980 baixo o título de Entre Lusco e Fusco. Á vista da súa traxectoria, é para nós este libro como un peirao do que parte a poeta cara a unha longa travesía, malia seren mar e navío a propia terra e o propio sangue. Unha terra –Galiza– coa que se vai identificar –“Que latexen cinxidos o meu corazón e o seu”, dirá– e unha escrita que terá como referentes neste tempo a Rosalía, Castelao, Manuel Antonio, Alberti, Lorca e Neruda, e que nos deixa imaxes tan asombrosas como a que se abre nestes versos: “Unha rosa de xexún é a túa alma / por min devecida”.
Porén, unha poesía que, malia amosar angustia existencial e desacougo, sobre todo pola imposibilidade dunha comunicación total co outro, aposta pola esperanza e polo contacto concreto coa realidade. Unha poesía que ha de “baixar a pé de rúa”, segundo as súas palabras, e que afirma o seu credo na palabra e nunha lingua das que a poeta –oficio de imposibles– se manifestará respectivamente militante e albanel. Premisas ou declaración de intencións que serán o miolo dun riquísimo diálogo xa por sempre presente na súa obra: a relación entre vida e poesía. Ou como ela dirá máis tarde: “son dúas voces que se acompañan e apoian, nun interminável duo de raiba e amor”. Non en balde, o seu segundo libro, Sétima Soidade, gañador do Premio Esquío e publicado pola Sociedad de Cultura Valle-Inclán en 1984, iníciase cunha cita de Virginia Woolf ben significativa neste senso: “[…] unha voz tentando responder a outra voz”.
Unha corrente paradoxal atravesa vibrante este libro en cuxa escrita a ausencia –da terra, da infancia ou do amor– se fai presenza con abraiante intensidade, pois unha vive da/na outra. Así, esa falta, lonxe de significar un retraemento do ser, é a súa oportunidade de transcender a través dunha entrega total que fai posible tanto o amor como o poema. Deste modo constitúese un suxeito que, malia padecer a carencia, gaña a súa liberdade contra o inexorable afirmándose como unha individualidade oferente, doadora, que non escatima nada de seu. Un suxeito poético que baixará entón até as simas do ser e, máis aínda, até o silencio, até o nada ou a desposesión total: alí dende onde será posible renacer, alí a onde acoden as palabras primeiras, as que, en última instancia, fan posible a emerxencia da escrita, unha escrita introspectiva que de aquí en diante seguirá a navegar polo íntimo.
Nesta época da publicación de Sétima Soidade, mediados dos 80, Pilar atópase xa na Coruña como docente e ao tempo desenvolve unha gran actividade literaria que a leva a colaborar con poemas, artigos ou reseñas en diversas publicacións como Nordés, A Nosa Terra, Grial, Luzes de Galiza, Dorna ou Festa da Palabra Silenciada. No eido ensaístico fará estudos sobre autoras e autores galegos, salientamos Rosalía, unha obra non asumida (publicación colectiva da AS-PG –Asociación Socio-Pedagóxica Galega–, 1985) Asemade, a súa figura vai estar xa en practicamente todas as antoloxías que se fagan sobre a poesía galega –só por sinalar dous exemplos, De amor e desamor I e II (Edicións do Castro, 1984 e 1985) ou Desde a palabra, doce voces (Sotelo Blanco, 1986) de Luciano Rodríguez.
En todo caso, e previamente a esta militancia cultural, Pilar pasou uns anos en Santiago de Compostela, primeiro rematando os seus estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa, e despois dando aulas. A universidade compostelá vai ser determinante na súa formación intelectual, sobre todo grazas á figura dun profesor que deixa nela pegada imborrable: Don Ricardo Carvalho Calero. Non en balde, en 1994 e publicada pola Sociedad de Cultura Valle-Inclán de Ferrol, verá a luz unha antoloxía da obra poética de Carvalho a cargo de Pilar Pallarés –quen tamén fai o exhaustivo e rigoroso estudo introdutorio– baixo o título de Fillo de Eva (e, por certo, a piques está de saír unha nova escolma de Carvalho tamén elaborada pola nosa autora para a editorial Chan da Pólvora). E, neste senso, concordamos coa profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián cando hai uns días no acto de entrega do Premio da Crítica Española en Lingua Galega a Pilar Pallarés polo seu último libro, Tempo Fósil, salientaba no seu interesante discurso a relación entre as obras ensaísticas e poéticas de Pallarés. De feito, se a presenza de Carvalho Calero na obra de Pilar é clara, non o é menos a afinidade da nosa poeta con Luís Pimentel, sobre quen realiza o magnífico estudo titulado Rosas na Sombra (Edicións do Cumio, 1991). É un excelente tratado teórico sobre poesía. Unha homenaxe sabia e fermosa a un dos poetas máis persoais e humanos de noso e na que o elemento pedagóxico non é o de menor importancia.
Neste senso da pedagoxía, Pilar elaborará aínda, na compaña doutras e outros autores, formidables unidades didácticas. Así, con Laura Tato realizará unha, para a AS-PG, referida a Rafael Dieste e outra, publicada polo Concello de Ferrol, sobre Carvalho Calero. Xunto aos poetas Paco Salinas e Miguel Mato elabora a Antoloxía da Literatura galega do S. XX (Vía Láctea, 1988). E isto enlaza coa actividade docente de Pallarés, que resultou sempre fulcral na súa vida. Quizais por iso, por calquera centro que pasara, deixou pegada decisiva en alumnos e alumnas que a seguen, non só a lembrar, senón a ter presente, e aínda algúns forman parte do seu círculo de amizades. No entanto, a respecto disto, máis elocuentes que as nosas palabras son as dun seu ex-alumno, Fernando Ontañón, que non hai moito publicaba un fermosísimo e emocionante artigo no xornal La Opinión, no que di: “No sabría decir ahora cómo ella obró el milagro, cómo supo atrapar mi atención y mi interés, qué nuevas lecturas abrió a mis ojos. Era su forma de hablar y de dirigirse a nosotros. Era el amor que transmitía por los libros. Era el punto de vista desde el que acertó a mostrarnos la íntima relación que se da entre la vida y la literatura. Para mí fue una revelación”.
E outra volta aquí esas dúas voces que son tamén dúas experiencias do tempo. “Face a face contemplo as vellas horas”, escribe a poeta que a miúdo se recoñece cun rostro bifronte. E o tempo –a súa vivencia e xeoloxía– é unha teima existencial, reflexiva e poética que, de maneira recorrente e dende diversas perspectivas, atopamos na escrita de Pilar Pallarés, mais moi en especial na súa obra seguramente máis celebrada, Livro das devoracións, publicada en 1996 por esa casa magna da poesía galega que é a editorial Espiral Maior, e que recibirá o Premio da Crítica Española en Lingua Galega dese mesmo ano.
Cada libro de Pilar semella nacer do anterior, malia o longo intervalo que media entre eles. Neste senso, toda a súa poesía aparécesenos, non só en cada poema senón na súa obra completa, como un todo orgánico que se dá a través da experiencia do corpo –o corpo é a gran razón, escribiu Nietzsche–. Escrita do corpo ou corpo da escrita consonte á que se vai constituíndo ese eu que nunca é unha identidade forte senón unha subxectividade a realizarse na acción poiética e asemade dende unha emancipación que é decote loita agónica, pois elixir significa renunciar. Un combate fascinante que trae consigo transformacións e metamorfoses que poñen en xogo todas as dimensións da existencia. Unha dialéctica reveladora presente tanto no Livro das devoracións como no que lle segue, Leopardo son (Espiral Maior, 2011), galardoado co Premio da AELG.
En efecto, escribir é un combate corpo a corpo coa linguaxe e co tempo ao que se busca remontar tanto para apreixar o vivido como o que vén impensado. Neste senso, o profesor Luciano Rodríguez salientou da súa escrita “o frecuente uso do presente de indicativo e o infinitivo, tempo cero e de acción permanentemente actualizándose”. E actualizar é poñer en presente, un presente que non é nin máis nin menos que a plenitude do devir, a conciencia lúcida de que todo está a ser un proceso de cuxa actividade son constitutivos tanto o aparecer como o desaparecer, a vida nacendo da morte. Unha experiencia temporal que parte máis da perda que da acumulación e que, ao noso entender, sitúase moi preto de concepcións orientais –China, Xapón ou India– que sosteñen como necesaria a liberación da mente para coñecer o mundo a través do desprendemento ou vacuidade:
Vaziar-me de ser para ser todo
Ao azar de cada instante
Devastar o pasado
Un liberarse das fixezas do pensamento a través desa contemplación que, atrevémonos a dicir, está no levedar dos seus poemas. Unha contemplación que a poeta ten descrito de modo maxistral a propósito dos gatos, animais tan amados de seu:
Arte do gato:
Ollar pausadamente o mundo dende lonxe
Porque chegaches ao alvo
Atrapaches a súa esencia
E era a desposesión
E dese baleiro é do que xorde o desexo –ou eu–, esa “cruel boca con fame” que a obriga unha e outra vez a perseguir a presa e que, á vez, a adestra en atopar o fío de Ariadna en riquísimo diálogo intertextual con poetas como Clarice Lispector, Sylvia Plath, Alejandra Pizarnik, Irène Némirovski, Marina Tsvetáieva ou Wislawa Szymborska. Esa sede infinita –“alicerces no sal/muros de sede”– que transcende os límites e, malia a dor e o cansazo, aviva a brasa tanto dunha nova lingua como do amor. Lingua e amor en estado de graza, no seu paroxismo, nesa coincidencia do tempo subxectivo e do tempo cósmico. Ese desafío aos deuses que inflixirán ao cabo a derrota, a caída no tempo sucesivo. Ese perigo do que nos advirte Giorgio Agamben no seu libro Final do poema. É dicir, “o risco mortal implícito en todo intento de restaurar o esplendor orixinal da lingua”.
E ese esplendor acádao novamente Pilar Pallarés no seu último libro polo de agora, Tempo Fósil (Chan da pólvora, 2018). Un libro que, se ben se considera un punto de inflexión na súa escrita, ao noso parecer vén pechar un círculo, ou o que é o mesmo, salvar aquel mundo do primeiro libro que agora está realmente desaparecido para sempre polas obras para a ampliación de Alvedro, levando por diante soños, casa e familia. Un drama persoal e comunitario que o gran talento de Pilar Pallarés transforma en universal mediante unha desmontaxe poética que nos presenta ese material biográfico en pluralidade de sentidos, por exemplo como transunto da nosa contemporaneidade que camiña cara a un horizonte embazado mentres desaparece o mundo para nós recoñecible. Tempo produtivo, segmentado, dun capitalismo brutal que arrasa coa propia vida e os seus ciclos naturais. Así pois, necesario se fai comprender alén da razón utilitarista tal e como se nos anuncia dende o primeiro poema:
Da ruína da razón nace a palabra
que busca regresar, romper o cerco
Romper o cerco para erguer outro –de ritmo e de palabras– que abeire a nosa intemperie, que como un templo acolla o que nos era tan amado e xa non está. Deste xeito, a apropiación do desaparecido acada paradoxalmente a máxima presenza. Ou como escribiu Teresa Seara, a fosilización do tempo constrúe a utopía do intacto, do que xa nunca morrerá. E esta é a súa acción subversiva porque é memoria e porque amar é un acto revolucionario. Tamén neste senso, Tempo fósil é unha viaxe pola dor propia e pola dos outros, pois este eu poético perde aquí de certo densidade para facerse rizoma de mans dadas coa dor allea e con toda alteridade. Unha subxectividade que, acollendo a diferenza, se fai “nós” e que, sobre todo, se compromete a dar conta do que pasa. A poesía como rito de resistencia, en palabras de Luísa Villalta.
Non podemos rematar esta viaxe ao longo da súa traxectoria literaria sen aludir ao esixente traballo co que a nosa poeta esculpe a lingua: “Arrancar e polir ata tocar o centro / da dureza, a osamenta esencial”. Deste xeito, Pilar vai obrar coas palabras xustas e precisas, con luído silencio, coa música afinadísima que atinxe en cada libro unha tonalidade emocional; a música de quen escoita co corazón e, malia dar labazadas á razón, reflexiona con demora, pois non en balde a súa poesía está tramada das preocupacións filosóficas e científicas que máis inquietan o ser humano contemporáneo. En definitiva, unha escrita que configura unha estética e unha ética que se despregan, como xa se apuntou, dese sentido relacional de vida e literatura que non só ten expresión nos libros, como ben coñece a veciñanza do seu barrio. Barrio do Peruleiro que sabe do seu compromiso a pé de rúa, ou tería que dicir a pé de camiño, pois aínda sobreviven neste lugar espazos que delatan a orixe rural da Coruña. Barrio desde onde a nosa autora contempla, medita e escribe non só poesía senón tamén excepcionais relatos, aínda inéditos, mais que algunhas persoas temos o privilexio de coñecer.
Como privilexio impagable é gozar da súa amizade que trae, ademais do agasallo dos afectos, a continua aprendizaxe que nos depara a súa profunda coherencia, o seu espírito libertario e aberto a outras culturas –a africana, por exemplo, á que tanto ama e da que está tan ben informada– ou esa orixinalidade do seu pensamento que decote nos abre novas vías na abordaxe da realidade. E privilexio, como non, é mergullarse na súa poesía cuxa lectura non deixa a ninguén incólume porque nos atrapa e transforma; pois como dicía André Malraux, a finalidade da obra de arte non é a inmortalidade senón a metamorfose. E con Pilar Pallarés asistimos, sen dúbida, á poesía como lugar de todas as transformacións. Poesía que nos dá o tempo da súa maduración, que é dicir o tempo da vida, mentres “atrapa a bolboreta que se queima en faíscas de contado”. Escrita como crisol que nos ofrece outra forma de vida, esa que alguén dixo era máis que vida. Porque en versos da propia Pilar, “Foi preciso arder./ Vivir non tanto”. Poesía de quen, como apuntou Miguel Mato, “inscríbese nese grupo de poetas que a posteridade revela de xeito inapelable.” Poesía necesaria da que podemos dicir aquel verso do seu amado Pimentel,
“A poesía é o grande milagre do mundo”.
Eva Veiga
Auditorio do Centro Ágora
A Coruña, 29 de xuño de 2019“
A laudatio pode descargarse aquí.