Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga

A poesía necesaria

“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:

É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.

Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo