Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2026

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan os Premios Follas Novas 2026, co obxectivo de recoñecer a excelencia do traballo editorial realizado en Galicia ao longo do ano 2025.

Os Premios Follas Novas 2026 distinguirán obras publicadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, en papel ou en formato dixital, sempre que estean editadas orixinalmente en lingua galega e integradas na cadea comercial do libro galego. En total, outorgaranse 13 premios sometidos á valoración do xurado, aos que se suman tres galardóns honoríficos que recoñecen a traxectoria dun Escritor ou Escritora Galego/a Universal, o labor dunha libraría e a contribución á edición galega, outorgados directamente polas entidades convocantes.

O proceso destes galardóns comezou coa preselección das obras realizada polos tres colectivos impulsores -AELG, AGE e FLG-, da que saíu a listaxe de 6 candidatas por categoría, a partir da que os xurados escollerán tres finalistas. Na seguinte fase daranse a coñecer as obras finalistas e o proceso rematará coa celebración da entrega de premios, na que se coñecerán as obras gañadoras na tradicional gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago o 9 de maio de 2026.

A organización apostou este ano por unha renovación profunda do sistema de xurados, incorporando novos perfís organizados por ámbitos específicos do libro. Esta renovación responde ao obxectivo de garantir unha ollada plural, actualizada e representativa da diversidade do sistema literario galego.

A estrutura do xurado estabelécese en tres seccións:

– A literaria, que se encargará das categorías de Narrativa, Teatro, Poesía, Infantil e Xuvenil e Promoción da Lectura.

– A de deseño, responsábel polos premios de Libro Ilustrado e Banda Deseñada.

– A de edición, que avaliará as categorías de Mellor Libro Editado, Iniciativa Bibliográfica, Tradución, Ensaio e Investigación e Divulgación.

Cada un destes xurados estará integrado por persoas designadas pola AELG, a AGE e a FLG, xunto con profesionais independentes dos distintos sectores do ecosistema do libro —edición, librarías, escritura, bibliotecas e crítica—, todas elas con voz e voto.

Nesta edición chegan á final arredor de 40 escritoras/es, tradutoras/es e ilustradoras/es xunto con máis de 20 editoriais. As obras finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso de selección de tres fases, que supón unha lectura e valoración da produción editorial galega. O proceso ten unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que selecciona un cento de títulos publicados entre decembro de 2024 e novembro de 2025. Na segunda fase de selección, o xurado, establecido en tres seccións -literaria, deseño e edición-, escolleu as obras finalistas por cada categoría. O proceso terá o seu cumio o sábado 9 de maio de 2026, coa gala na que se darán a coñecer cada unha das obras gañadoras nas trece categorías nas que se organiza este premio.

Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

Para renovar a identidade gráfica nesta edición, a organización quixo contar co traballo de Pepe Barro, un nome ben coñecido no ámbito do deseño en Galicia por creacións como a camiseta da Selección Galega de Fútbol ou a renovación da Casa de Rosalía de Castro.

O deseñador, Pepe Barro, explicou sobre o novo deseño que toda a imaxe dos Premios Follas Novas está pensada desde a forza do lugar, a Casa de Rosalía, coa forza vexetal e coa forza da terra, mesmo coa propia imaxe de Rosalía de Castro. O punto de partida son as follas de loureiro, que na literatura xa teñen relación cos recoñecementos a escritores e artistas. O logotipo parte da folla máis o perfil dun corazón e o sinal de direción cara adiante que representa a motivación da organización por seguir medrando na difusión e visibilidade do mundo literario.

No que respecta á peza que recibirán os premiados, as follas de loureiro incorporadas están tratadas e secadas cun proceso natural e proceden da árbore situada no xardín da casa de Rosalía de Castro en Padrón. Ademais, o estoxo que protexe a folla foi fabricado cunha pedra proveniente da Canteira do Oso.

FINALISTAS DOS PREMIOS FOLLAS NOVAS DO LIBRO GALEGO 2026

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
– As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936. Carmen V. Valiña. Editorial Galaxia.
– Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes. Alba Rodríguez Saavedra. Edicións Laiovento.
– Vidas e historias LGBT da Idade Media. Carlos Callón. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
– Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?. Susana Reboreda Morillo (coord.). Editorial Galaxia.
– Somos Pandeireteiras. VV.AA. Edicións Xerais de Galicia.
– Vigo na liña do tempo. Manuel Bragado. Instituto de Estudos Vigueses.

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
– Punto de araña. Nerea Pallares. Editorial Galaxia.
– Sarela. Marga Tojo. Edicións Positivas.
– Son coma glaciares os barcos de aceiro. Cynthia Menéndez. Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA INFANTIL
– O Peculiar. Érica Esmorís. Cuarto de inverno.
– Pernascochas. Ramón D. Veiga e Blanca Millán. Antela Editorial.
– Queco e Kika. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA XUVENIL
– Bruxas e dragóns. Ledicia Costas e Luismi Pérez. Triqueta Verde.
– O enigma de Sempreviva. Andrea Maceiras. Edicións Xerais de Galicia.
– Unha historia de amor coma outra calquera. Rosa Aneiros. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
– A panadería. Lucía Belarte e David Lorenzo. Kalandraka.
– Alicia e a mestra de Oza. Iván R. e Paula Carballeira. Edicións Xerais de Galicia.
– Filla das ondas. Xosé Cobas e Fina Casalderrey. Kalandraka.

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
– A miña outra vida. Miguel Rojo. Retranca Editora.
– Adelina. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.
– Rosalía Oculta. Paula Mayor. Editorial Galaxia.

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
– Diarios. Syra Alonso. Alvarellos Editora.
– Guía ilustrada do Entroido Galego. Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol. Edicións Xerais de Galicia.
– Premios Compostela de álbum ilustrado (XVIII Edición). VV.AA. Kalandraka.

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
– A máis recóndita memoria dos homes, de Mohamed Mbougar Sarr. María Alonso Seisdedos. Aira Editorial.
– Cos sinais da auga, de Lourdes Álvarez. Xavier Rodríguez Baixeras . Kalandraka.
– O pequeno león, de Jacques Prévert e Ylla. Tamara Andrés. Kalandraka.

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
– arte menor. Susana Sanches Arins. aCentral Folque.
– Insomnia. Luís Valle. Edicións Malafera.
– Mapa da estría. Andrea Nunes Brións. Chan da Pólvora.

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
– As fillas bravas de Momán. Chévere teatro. Kalandraka.
– Manchea. Andrea Freire. Baía Edicións e Xunta de Galicia.
– O proceso. Apaga o candil. Cándido Pazó. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
– A caligrafía das espigas. Carlos Negro. Apiario.
– Autobiografía do vermello. Unha novela en verso. Anne Carson. Chan da Pólvora.
– Drácula. Bram Stoker. Aira Editorial.

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
– Club de lectura feminista A Lila + A Sega.
– Libraría Cartabón.
– SELIC Semana do Libro de Compostela.