Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2019 para o 15 de agosto

O 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Presentación de Estrelas de manteiga, de Isabel Porto Collazo, por Sar Alejandría.
19:00 h. Paula Mayor asina Coloreando a provincia de Lugo, na caseta de Cortizas.

O Día de Rosalía está aquí para ficar

DesdeCartel AELG Día de Rosalia de Castro 2016 Sermos Galiza:
“Un ano máis as redes sociais ferveron co #MobilizaRosalía e co #DíadeRosalía. Asociacións, centros escolares e desta vez tamén algunhas institucións implicáronse a fondo nunha xornada que medra cada ano desde abaixo. (…)
Desde hai uns anos o Día de Rosalía converteuse de facto nunha das datas culturais máis destacadas do ano. Sen grandes investimentos, coa forza que dá un movemento desde abaixo, porque Rosalía une. Ou como dixo Xurxo Lobato, “Rosalía é unha das poucas figuras que une as diferentes tribos galaicas”. Mesmo Google lle dedicou un ‘doodle’ o ano pasado.
Este ano as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo implicáronse a fondo, algunhas delas por primeira vez. A da Coruña, da man do seu departamento de Cultura, organizou un acto de homenaxe e “liberou” catro imaxes de Rosalía deseñadas por catro autoras: Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor. (…)
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, unha das principais promotoras desta celebración, tamén considera que é unha data consolidada. “Hai máis de 50 concellos que están a facer actos do Día de Rosalía, e iso que nós saibamos. E arredor de 100 centros escolares teñen actividades”.
Con respecto ás institucións, a Sánchez parécelle positivo que xa se inclúa no calendario cultural da Consellaría, pero sinala que “falta agora que a consellaría de Educación o inclúa como día lectivo dedicado a Rosalía, porque sería recoñecer institucionalmente a importancia da nosa poeta”.
A AELG segue apostando por unha data na que se agasalle un libro en galego e unha flor. “Sería importante porque a propia industria cultural o necesita”. E insiste en que o Día de Rosalía non compite co Día das Letras, senón que se complementa.
Para Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, esta xornada “está en camiño dunha clara consolidación”. “Non hai máis que mirar toda a cantidade de actos levados adiante por asociacións, concellos e mundo escolar. E abonda con ver as redes sociais para comprobar que ten un protagonismo cada vez maior”. (…)”