Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia; as obras gañadoras faranse públicas no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, presentada por Camilo Franco, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 14 de maio, segundo o seguinte horario:
– 18:30 h. Sesión de fotografías (fotocall) de lectoras-es e autores-as e sinatura de libros á entrada do Teatro.
– 19:30 h. Comezo da Gala (entrada libre até completar aforo).
– A partir das 21:30 h. Nova sesión de fotografías (fotocall) e sinatura de libros.
No fotocall as persoas asistentes á Gala poderán facer fotos cos/as seus/súas autores/as favoritos/as e mesmo levar libros para seren asinados.
Na Gala entregaranse as distincións nas seguintes categorías:
- Obra de ensaio
- Obra de narrativa
- Obra infantil e xuvenil
- Libro ilustrado
- Iniciativa bibliográfica
- Obra traducida
- Libro de poesía
- Libro de teatro
- Iniciativa cultural ou fomento da lectura
- Proxecto literario na rede
- Xornalismo cultural
- Escritor galego universal
- Premio honorífico á libraría
- Premio honorífico á editora
As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo, que nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.
O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, que xa decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer (pode consultarse aquí a súa axenda de actividades para os días 13 e 14), o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.
Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016
Ensaio
§ Carlos Maside. Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas, María Esther Rodríguez Losada (comp.) e Anxo Tarrío Varela (edic.). Alvarellos Editora–Consorcio de Santiago
§ Historia da literatura infantil e xuvenil galega, Blanca-Ana Roig (coordinadora). Xerais
§ No tempo de Follas Novas: unha viaxe pola literatura universal, María Pilar García Negro (edit.). Alvarellos Editora
§ Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario
Narrativa
§ Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello. Galaxia
§ Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Xerais
§ Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Xerais
§ …E os domingos, un croissant, de Úrsula Heinze. Alvarellos Editora
§ O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais
Literatura infantil e xuvenil
§ O home que sabía voar, de Xabier López López (ilustracións de Jacobo Muñiz). Tambre
§ O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia
§ Teño uns pés perfectos, de María Solar. Kalandraka
§ Todos os soños, de Xavier Estévez (ilustracións de Marcos Viso). Tambre
Libro ilustrado
§ Balea, de Federico Fernández e Germán González. Kalandraka
§ Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka
§ Lendo lendas, digo versos, de Xosé Cobas (texto de Antonio G. Teijeiro e A. Reigosa). Xerais
§ O home que sabía voar, de Jacobo Muñiz (texto de Xabier López López). Tambre
Iniciativa bibliográfica
§ Cociña II, de André Arzúa, (fotografía e deseño de Alberte Sánchez Regueiro). Servizos Hosteleiros Arzúa S.L.
§ Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais
Tradución
§ A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, tradución de Carlos Acevedo, Faktoría K
§ Astérix. O papiro do César, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais
§ Aventuras de Alicia no País das Marabillas (Lewis Carroll), en tradución de Xavier Queipo. El Patito Editorial
§ Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin
Poesía
§ 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Suso Díaz e Helena Villar Janeiro (coords.). Biblos Clube de Lectores
§ A boca da terra, de Manuel Rivas. Xerais
§ Abrindo fiestras en carne viva, de Carlos López. Alvarellos Editora
§ Dez anos na porta. Antoloxía poética 2005-2015, VV. AA. (A Porta Verde do Sétimo Andar). A Porta Verde do Sétimo Andar
§ oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais
§ Zonas de tránsito, de Ramón Neto. Sotelo Blanco
Teatro
§ Raclette, de Santiago Cortegoso. Xerais
§ Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama. Baía Edicións
§ Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
§ Fundación Manuel María de Estudos Galegos
§ Praza dos Libros – Concello de Carballo
Proxecto literario na rede
§ Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
§ Criticalia, de Armando Requeixo
§ Poétic@, de Fran Alonso
Xornalismo Cultural
- Escritores, Editores e Libreiros somos un sector estratéxico deste país. Así está recoñecido na lei de decembro de 2006 do libro e a lectura de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Nela o libro é recoñecido na súa dimensión de ben cultural, económico e social, e debe desenvolver o carácter estratéxico das letras galegas, entre outras achegas, polo seu papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. Isto está na lei, mais non aínda na realidade. É esta realidade que queremos axudar a mudar.
- Escritores, Editores e Libreiros creamos unha mesa estábel de traballo para a posta en común de propostas, coa intención de facer actividades de defensa do libro galego e das letras galegas no seu conxunto.
- Precisamos dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores, dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos dunha rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. E sen esquecermos todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas, como as bibliotecas, e centros de ensino, entre outros.
- Para poder conseguir estes fins precisamos da creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega; da existencia de plans anuais de lectura; a recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo a seguinte intervención na presentación pública da Gala do Libro:
Falando na representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, felicitármonos por este acto que suma capacidades e multiplica os froitos que ofrecer á sociedade. Construír, sumar esforzos, significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza.
Os escritores e escritoras damos contidos culturais a diversas industrias do noso país, mais somos tamén algo máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser colectivo cunha identidade imborrábel.
A nosa razón de ser é a literatura galega, da mao das nosas editoriais e máis do tecido de librerías que leva a todo o corpo social a saiva nutricia da nosa cultura.
Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe presentamos? A de engadir á necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo da cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.
Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, mais tamén facilita o coñecemento do ser colectivo que somos os galegos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen escritores que o soñan, editoras que publican e librarías que son lugares da comunicación entre o texto escrito e editado co lector, como ágora ou íntima praza pública.
Neste tempo no que se fala máis de marcas que de cultura, este acto é para nós a reivindicación da escrita literaria como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación dese ser colectivo que levamos dentro e do que nos orgullamos que se chama Galiza.