Marta Lemos gaña o IX Premio de Xornalismo Johán Carballeira

“O xurado do IX Premio de Xornalismo Johán Carballeira, que promove o Concello de Bueu, outorgou por unanimidade o galardón á reportaxe A Historia de Ons a través de Johán Carballeira, que publicou Marta Lemos Jorge no Faro de Vigo. “Valorouse que ese trate dunha reportaxe, xénero periodístico no que destacou Johán Carballeira, na que enlaza a situación actual do colonos da Illa de Ons coa súa historia, tal e como a recolleu o propio Johán Carballeira na súa obra”.” Vía Cultura Galega.

Bases do Premio de Xornalismo Johán Carballeira 2011

Achegamos as BASES do XV Premio de Poesía Johán Carballeira, convocado polo Concello de Bueu:

1. O certame está aberto a traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero periodístico, publicados con firma ou pseudónimo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011. Os traballos, que deberan ter sido publicados en medios impresos ou dixitais, estarán escritos en lingua galega.
2. Aceptaranse un só traballo por autor/a. Non poderán presentarse as persoas gañadoras das dúas últimas edicións do premio.
3. De cada traballo teñen que presentarse un orixinal e 3 copias da páxina ou páxinas completas da revista ou xornal que acolleu a súa publicación. Dos traballos publicados en medios dixitais deberán presentarse en calquera caso 3 copias impresas, non aceptándose aqueles traballos que se remitan por correo electrónico. Tanto nos orixinais coma nas copias debe figurar a data de publicación dos traballos.
4. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación IX PREMIO DE XORNALISMO JOHÁN CARBALLEIRA, no seguinte enderezo: CONCELLO DE BUEU, rúa Eduardo Vincenti, nº 8, 36930 Bueu (Pontevedra). No interior do sobre, ademais dos traballos, achegarase unha folla coa seguinte información: nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
5. O prazo límite para a recepción dos traballos que participen neste certame péchase o día 10 de xaneiro de 2012.
6. O premio terá unha dotación única de 1.500 euros, contía á que se lle aplicarán as retencións fiscais oportunas. O premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.
7. O Xurado estará composto por tres persoas vinculadas ao xornalismo galego, unha delas nomeada pola asociación colaboradora Amigos de Johán Carballeira, e máis un/ha secretario/a. Este xurado valorará positivamente aqueles traballos enmarcados nos xéneros da reportaxe e a entrevista, xéneros nos que desenvolveu maioritariamente o seu labor xornalístico Johán Carballeira.
8. A resolución do premio terá lugar a finais do mes de marzo de 2012. A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través dos medios de comunicación no transcurso da semana anterior á entrega do premio.
9. O Concello de Bueu resérvase o dereito de reprodución dos traballos premiados, así como de calquera outro presentado ó certame, na forma e o medio que estime máis conveniente, aínda que incluíndo sempre o nome de cada autor/a.
10. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.”

Moncho Paz gaña o premio de xornalismo Johán Carballeira

O xornalista Moncho Paz (Vilalba, 1970) foi distinguido co VIII premio de xornalismo Xohán Carballeira, organizado polo concello de Bueu (Pontevedra) polo traballo Entrei en Radio France porque falaba galego. O xurado, constituído por Carmen Novas Ferradás, Manuel Antón Mosteiro García e Óscar Iglesias Arauxo, reuniuse o sábado 19 de marzo de 2011 para resolver o dito premio, actuando como secretario e en representación do Concello de Bueu Xabier Framil Barreiro. O traballo gañador é unha entrevista ao xornalista e escritor Ramón Chao, que se caracteriza por fuxir dos tópicos e que demostra unha boa documentación previa por parte do autor, segundo a resolución do xurado, que se reuniu onte. Segundo esta resolución, o autor da entrevista logra, a partir dun tema de actualidade, a presentación da obra Prisciliano en Compostela, intercalar momentos do pasado e do presente de Ramón Chao e consegue conxugar a necesaria distancia xornalística e o achegamento ao personaxe.