O 1 de febreiro terá lugar a segunda parte da Homenaxe a Isidro Novo. Nesta actividade, a colaboración da AELG fíxose co patrocinio de Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO).
A AELG fai parte da comisión organizadora da homenaxe, que se retoma o 1 de febreiro, cando se lle vai dar o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presenta o libro que recolle as intervencións da xornada que se desenvolveu o 3 de novembro, da que se pode ver unha reportaxe gráfica aquí.
A presentación deste libro-homenaxe a Isidro Novo supón, por tanto, o colofón aos actos organizados na súa memoria. Está prevista para o 1 de febreiro e consistirá na descuberta do rótulo que asigna o seu nome á Biblioteca Municipal, sita no Parque da Milagrosa, e na presentación desta obra, que recolle os textos dos relatorios, recitados e imaxes da emotiva homenaxe que lle dedicaron o pasado 3 de novembro de 2018 un grande número de amigos e amigas no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo.
Venres, 1 de febreiro de 2019
HOMENAXE A ISIDRO NOVO (2ª parte)
19:00 h.
Lugar: Biblioteca Municipal
Parque da Milagrosa
Acto: Descuberta do rótulo que designa a Biblioteca Municipal de Lugo como BIBLIOTECA MUNICIPAL ISIDRO NOVO (Por acordo unánime do pleno municipal en sesión celebrada a finais de outubro de 2018).
MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo)
Parque da Milagrosa
Ao remate do acto precedente trasladarémonos ata o salón de actos do MIHL para a presentación do libro Isidro Novo (1951-2018).
Coordinador: J. Luis Calvo Vidal
Cuberta deseñada por Quique Bordell
Maqueta: Martiño Cabana e Darío Xohán Cabana
Imprime: La Voz de la Verdad
Edita: Concello de Lugo. Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua
ISBN: 978-84-92895-36-6
Depósito legal: LU 3-2019
261 páxinas.
Este volume recolle os textos dos relatorios, recitados e imaxes da emotiva homenaxe que lle dedicaron o pasado 3 de novembro de 2018 un grande número de amigos e amigas no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo.
A obra consta de varios capítulos, ademais do saúdo institucional a cargo da concelleira, Camen Basadre, e dun limiar. No capítulo denominado “Vida e escrita” inclúense estudos e análises en profundidade arredor da vida e das distintas facetas creativas de Isidro como narrador, poeta, dinamizador e xestor cultural.
En “Alén da escrita. O outro Isidro” trátanse aspectos máis persoais, desde a perspectiva da amizade. En “A coroa poética” “A coroa narrativa”, “A coroa plástica” e “Dúas epístolas” recóllense as creación literarias e artísticas, poemas, relatos, fotografías, ilustracións… de 65 persoas que homenaxean a Isidro coas súas creacións.
Unha detallada bibliografía sobre e de Isidro Novo, elaborada por J. Luis Calvo, retratos de diferentes fotógrafos e unha ampla reportaxe fotográfica de Xosé Reigosa dos actos do 3 de novembro pechan este volume que no seu conxunto constitúe un monográfico solvente, rigoroso e afectivo para quen foi un intelectual recoñecido, extraordinario escritor e excelente amigo.
O Concello de Lugo xunto coa comisión organizadora da homenaxe a Isidro Novo convidan á cidadanía a asistir a estes actos e expresan publicamente o seu agradecemento a institucións, agrupacións, asociación e persoas que participaron dunha maneira ou doutra na boa marcha desta merecida homenaxe.