O 24 de xullo terá lugar en Laxe o “Solpor poético: recital poético e entrega dos premios do Certame de Poesía Antón Zapata”. Participará a poeta Lucía Aldao e será ás 10:30 na Praia dos Cristais.
Arquivos mensuais: Xullo 2007
Aprazada a rodaxe de ‘Memorias dun neno labrego’
Nº 18 da revista “Foeminas”
“Xa está a disposición dos lector@s o número 18 da revista Foeminas, que este mes cumpre un ano na rede. Foeminas é editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais. Para consultala, só é preciso entrar na web municipal ou en http://foeminas.lugo.es”. (Foeminas)
Barcelona: actos da Diada de Galiza
O programa pode consultarse en Rede.cat e en Espazo Galego dos Països Catalans.
Presentación en Compostela de “Xallas. Teoría da existencia”, de Lois Oreiro
O xoves 26 de xullo, ás 20:0 horas no Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña, 6-Baixo, Santiago de Compostela), terá lugar a presentación do libro Xallas. Teoría da existencia, de Lois Oreiro. No acto intervirán Manuel González González (secretario da Real Academia Galega), X. Amancio Liñares Giraut (director editorial de 3C3) e o propio autor.
Patricia Casas gaña o IIIº Premio Biblos-Pazos de Galicia
“Unha coruñesa de 24 anos, Patricia Casas Vázquez, é a gañadora do 3º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou no transcurso dunha cea literaria que se desenvolveu na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago, con asistencia dun cento de persoas representativas do mundo literario e cultural galego entre as que se atopaba o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará.
Licenciada en Dereito e estudante de Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña, a autora ofrécenos en «Vidas entrelazadas» (título provisional da obra galardoada) unha visión do transcorrer da existencia urbana, complexa, dinámica, ás veces caótica e sempre chea de xogos do azar, reflexo de indiferencias e do efémero da maioría das cousas. Son varias historias independentes que teñen en común o marco no que se desenvolven —a cidade da Coruña— e tamén a relación casual que constitúe a alma da propia cidade.
O xurado estivo integrado polo gañador do ano pasado, Alberto Ramos; o xornalista e escritor Camilo Franco; o director literario de Biblos, Tucho Calvo, e a escritora e profesora Helena Villar Janeiro, que ademais de actuar como secretaria será a titora de Patricia Casas no que queda para rematar a súa novela. Segundo pon de manifesto a acta de concesión do premio, o xurado considerou a importancia da «adecuación da novela aos ritmos urbanos e a vontade de atopar formas alternativas de narración que singularizan esta proposta».
O premio apórtalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar «Vidas entrelazadas» baixo a tutela de Helena Villar e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.
[…] Con Patricia Casas foron finalistas Cristina Ferreiro Real, de Lugo, tamén presente na cea, e Raquel Campos Pico, que aínda que é natural de Santiago reside actualmente en Madrid.” (Premio Biblos-Pazos de Galicia)
Vázquez-Figueroa publica o seu último libro na rede
“A partir de agora as miñas novelas editaranse simultaneamente en edición “cara”, das chamadas “de capa dura”, en edición de bolso a metade de prezo, poderán descargarse gratuitamente en “Internet” e todos os xornais ou revistas que o desexen están autorizados a publicalas ao estilo das antigas novelas por entregas coa diferenza que neste caso no terán obrigación de pagarme nada en concepto de dereitos de autor.” (Blogue de Alberto Vázquez-Figueroa)
Os fondos do centro Ramón Piñeiro poderán consultarse nunha biblioteca virtual
“A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire e a edición en facsímile de A gaita gallega son as primeiras obras que van formar parte desta iniciativa.” (Xornal.com)
Preséntase en Ferrol “A lingua galega na cidade do século XX”, de Gabriel Rei Doval
Na Galería Sargadelos de Ferrol terá lugar a presentación do libro A lingua galega na cidade do século XX (Xerais), de Gabriel Rei Doval. No acto intervirá, ademais do autor, Fernando Ramallo, da Universidade de Vigo. Será o venres 20 ás 20:00 horas.
Varios escritores entre os opositores á planta de Reganosa
“Os opositores á planta deron a coñecer nomes de persoeiros públicos que xa asinaron o manifesto: Manuel Rivas (escritor); Teresa Navaza (xornalista); Suso de Toro (escritor); Lino Braxe (poeta e actor); Xosé Manuel Beiras (catedrático); Luis González Tosar (escritor); Xesús Alonso Montero (catedrático); Laura Pérez Landeira (empresaria); Xan Duro (coordenador de Verdegaia); Adela Figueroa (presidenta de Adega); Miguel de Lira (actor); Antonio Carnero Pose (investigador); Manuel Lago Peñas (economista); Enrique Banet López (realizador); Mabel Rivera (actriz); Elina Luaces Ferreiro (actriz); José Naya Díaz (catedrático); Pedro Pomo García (escritor); Modesto Fraga Moure (escritor); Francisco M. López Martínez (escritor), e Xavier Castro Martínez (deseñador).” (Xornal.com)