Charo Lopes: “A representaçom ajuda ao autoconhecimento e ao empoderamento”

Entrevista de Montse Dopico a Charo Lopes en Nós Diario:
“Os limites do enquadramento. O que nom é representado. O que nom sae na foto. É o eixo em torno do qual gira o álbum, o novo livro de Charo Lopes, com o qual ganhou o Prêmio de Poesia Cidade de Ourense. A autora revelou-se como umha das vozes essenciais da recente poesia galega com De como acontece o fin do mundo. Este é um projeto diferente. Feito a partir do íntimo, o micro, o retrato de pessoas e afetos. Mas não menos político, menos de intervençom no coletivo. Fronte à saturaçom da imagem que esconde o que fica nas margens.
-Nós Diario (ND): Por quê o livro é como um álbum de fotos?
-Charo Lopes (CL): Trabalho como fotógrafa e esta condiçom fai-me refletir sobre o sentido da criaçom fotográfica, em que convivem hoje os novos usos -no sentido que define Joan Fontcuberta a posfotografia- com os velhos usos, da fotografia como memória e documento. Num contexto de imensa saturaçom de imagens, cumpre pensar quais representaçons abundam e quais faltam. Interessa-me também a relaçom da imagem com o texto, como se complementam e se pode jogar com a ambiguidade da imagem ancorando com as palavras.
– ND: De que jeito se relaciona album com a memória pessoal e coletiva?
– CL: É um logro do capitalismo que pensemos que o nosso potencial está no que nos diferença das outras, favorecendo o individualismo e a competitividade. As pessoas somos parecidas, partilhamos condiçons sociais, físicas, emocionais… e o potencial emancipatório fica em reconhecer-nos a nós próprias e identificar o que, e com quem, temos em comum. Aí surge a solidariedade e a cooperaçom. Ademais, a memória pessoal sempre tem um contexto, portanto sempre é coletiva. (…)”

María del Rosario López Sánchez gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense

Desde Sermos Galiza:
“A autora María del Rosario López Sánchez gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, que se reuniu na sexta feira 5 de xullo, elixiu o seu poemario como gañador de entre os 49 apresentador por participantes de toda a Galiza e Portugal.
O poemario de López Sánchez titúlase Álbum e foi enxalzado polas valoracións do xurado pola súa claridade nítida. A obra, engadiu, ofrece unha estética clara e coherente onde na súa lectura, a lectora ou lector vaise imaxinando as imaxes que recrea.
Sobre os temas tratados na obra, o xurado salientou o autocuestionamento moi sincero da propia vida e da ética.
A decisión foi unánime e ademais, as e os membros do xurado valoraron moi positivamente a calidade de todas as persoas participantes. Precisamente, o xurado estivo composto polo alaricán Carlos da Aira, gañador da pasada edición; Celia Pereira, activista cultural; Rochi Nóvoa, poeta ourensá, e Mónica F. Valencia, Técnica de Normalización Lingüística do concello de Ourense.
O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros e a publicación do libro. (…)”

Coleópteros, de Lorena Souto, acada o primeiro premio no VI Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Crónica3:
“O Concello de Mondoñedo fai público os gañadores do VI Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, concurso que vén de ser fallado. A obra Coleópteros, da autora Lorena Souto, natural de O Páramo, resultou gañadora deste certame. A galardoada obterá un premio de 1.500 euros, placa e diploma.
O segundo premio, dotado con 600 euros, placa e diploma, recaeu na obra Álbum da que é autor Emilio Salgado Freire de Betanzos. Pola súa banda, Xosé Ramón Sánchez Varela, de Carballo, acadou o terceiro premio, dotado con 300 euros, placa e diploma, coa obra Queiroas.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo, que se celebrará o sábado 25 de novembro, segundo o seguinte programa:
-12.00 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.
-12:15 horas; Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
-12:45 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.
O Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro chega a súa sexta edición tras nacer coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A sexta edición deste premio, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, estivo marcada polo gran número de participación de obras, con preto de 100 orixinais recibidos.”