VI Encontro de Escritores Galegos

«Terá lugar no Pazo de Mariñán, en Bergondo, a fin de semana do 20, 21 e 22 de novembro, e nel participarán unha vintena de autores, autoras, e profesionais da crítica literaria galega. […]
O encontro ‘A literatura e a proxección exterior’ reunirá seis comunicacións sobre os tres xéneros literarios: Manuel Lourenzo e Manuel F. Vieites falarán sobre teatro, na mañá do venres Ramón Nicolás e Rexina R. Vega sobre a narrativa, esa tarde, e Luis G. Tosar e María do Cebreiro, sobre a poesía, o sábado pola mañá. O poeta e crítico Arcadio López-Casanova pronunciará a conferencia inaugural.

Amais dos autores e autoras que participan nas mesas, estarán presentes Agustín Fernández Paz, Anxo Regueira, Cesáreo Sánchez Iglesias, Fernando Pinto do Amaral, Miro Villar, Fidel Vidal, Javier Gómez-Montero, Víctor Andrés Ferretti, Teresa Bermúdez, Eva Veiga, Emilio Coco, Rubén Ruibal e Vicente Araguas.» (A Nosa Terra)

Conclusións Galeusca 2008

ESCRITORES GALEGOS, BASCOS E CATALÁNS REFORZAN OS SEUS LAZOS NO TRANSCURSO DA CELEBRACIÓN DO GALEUSCA 2008

Constatan a evidencia de estarmos a vivir unha situación de involución que se manifesta en posicionamentos públicos como o “Manifiesto por la lengua común”.
(A Coruña, 9 novembro 2008).- Escritores galegos, bascos e cataláns reuníronse entre o 7 e o 9 de novembro en Valencia para celebrar a XXV edición do Galeusca, primeiro desde a constitución da Federación de Asociacións de Escritores Galeusca.

Organizada conxuntamente polas asociacións de escritores en lingua galega, basca e catalana, o tema central desta XXV edición xirou arredor da “Literatura e a paisaxe do eu”, co obxectivo de despregar e afondar na literatura como un espazo de construción do propio suxeito e as súas múltiples concrecións.

Para falar destes aspectos distribuironse o tema en tres sesións de traballo: Sobre paisaxes propias, onde os relatorios centraronse sobre a propia ficción, sobre a propia obra literaria, convertindoos nun espazo de reflexión autobiográfica persoal e colectiva / O dietarismo, unha forma de reflexión, centrada no xénero literario do dietario, baixo as distintas formas, persoal, cultural, literaria, de reflexión persoal e colectiva, e / Este experimento que se chama eu, na que se abordaron cuestións de constitución do individuo e da creación da propia subxectividade

A Asociación de Escritores en Lingua Galega estivo representada polos autores Marica Campo, Francisco Castro, Agustín Fernández Paz, Anxos Sumai, Marilar Aleixandre, Isidro Novo, Xerardo Méndez, Carlos Negro, Antía Otero, Mercedes Queixas, Elvira Riveiro Tobío, Xan Arias, Xavier Queipo e Cesáreo Sánchez Iglesias.

Conclusións do Galeusca 2008

As asociacións de escritores galegos, bascos e cataláns, reunidos en Valencia e Sueca entre os días 7 e 9 de novembro de 2008, concluiron que:

1. Cómpre continuarmos a traballar na procura da normalidade como creadores e creadoras, malia as nosas situacións sociolingüísticas, políticas e culturais seren adversas.
2. Afirmamos a evidencia de estarmos a vivir unha situación de involución que se manifesta en posicionamentos públicos belixerantes como o “Manifiesto por la lengua común”, entre outros, que xa nos fixeron responder conxuntamente o pasado mes de xullo.
3. Nesta liña, o 15 de xuño constituimos a Federación de Asociacións de Escritores Galeusca para articular accións comúns e dar resposta a actitudes belixerantes como a xa citada e avanzar nun grao de convivencia dentro da diversidade cultural.
4. Isto obríganos a que, logo de 25 anos, debamos reflexionar e reformular o modelo de relación e actuación conxunta. Nesta liña, os noso lazos veranse reforzados coa realización de máis actividades de distinto formato e unha esixencia común ante as diversas institucións implicadas.
5. De maneira especial traballaremos para reformular o marco que nos permita mellorar as condicións de profesionalización e o respecto aos dereitos de propiedade intelectual, e en especial en temas sensibeis como contratos de edición, formatos dixitais e os retos formulados polas novas tecnoloxías, así como o desenvolvemento da lexislación derivada de organismos europeos.
6. Concretando, temos iniciado xa formas de maior relación a través da incorporación de iniciativas como as casas de escritores e escritoras e residencias de creación. E tamén, a incorporación de escritores e escritoras das outras dúas linguas nas actividades propias de cada asociación. Neste sentido, lembramos o recentemente celebrado III Encontro de Novos Escritores, no Pazo de Mariñán (A Coruña), así como a posta en marcha a partir do próximo mes de xaneiro da Casa do Escritor Hugoenea, sita no concello de Pasaia, para uso dos escritores e escritoras das tres linguas. Asemade, a próxima celebración do Congreso de Literatura Infantil e Xuvenil en Mollerussa (Lleida) o vindeiro mes de maio de 2009, exemplos das novas formas de colaboración.

(Gabinete de Comunicación da AELG. Tel: 660 530 525. Correo-e: prensa@aelg.org)

A Coruña: Presentación do libro O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier Docampo e Xosé Cobas

Xabier P. DocampoO xoves 13 de novembro, ás 20:00 na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, terá lugar a presentación do libro O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier Docampo e Xosé Cobas. Tamén será inaugurada unha exposición coas ilustracións de Xosé Cobas. (Biblioteca Pública Nodal Miguel González Garcés)

A Coruña: homenaxe a Jenaro Marinhas del Valle

Actos de homenaxe no centenario do nacemento de Jenaro Marinhas del Valle

PROGRAMA

Día 11 de novembro de 2008
Na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña
12:00
“Apresentación dos actos previstos. Primeira aproximación a D. Jenaro Marinhas del Valle”. Interveñen: María Xosé Bravo, Mª Pilar García Negro, Pablo G. Mariñas, X. María Monterroso Devesa e Teresa López.

13:00
Perfil humano-literario de Jenaro Marinhas, por Henrique Rabuñal.

“Experiencias en dirección e escenificación de obras teatrais de Jenaro Marinhas”. Interveñen: Lino Braxe e Francisco Rodríguez.

Día 21 de novembro
Na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12)
18:00
“O feminino e a protesta na obra de teatro Ramo Cativo”. Interveñen: Kathleen March e Tareixa Campo.

19:00
Mesa redonda: Continuidade dos presupostos avangardistas no teatro de Jenaro Marinhas, por Laura Tato.
Claves expresivas do teatro de Jenaro Marinhas, por Cilha Lourenço
O público na constitución dun teatro nacional: o pensamento de Jenaro Marinhas, por Carlos Viscainho.

No Teatro Rosalía Castro
20:30
Representación: “A velada”. Teatro proscrito (Memorial Iván Toxeiro. Asociación Alexandre Bóveda)

Audiovisual “Jenaro Marinhas na lembranza”. Autores: Manolo Graña e Arturo Iglesias.

Exposición: “Jenaro Marinhas: drama e exemplo do século XX galego”. No mes de decembro a Casa Casares Quiroga acollerá unha exposición que pretende axudar a difundir a vida e a obra deste intelectual galeguista sempre comprometido coa dignificación da nosa cultura.