#EuSonRosalía: Noelia Gómez Calvo

CoEuSonRosalia___(1) cancelo #EuSonRosalía a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón celebrar o Día de Rosalía de Castro 2015 convidando os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”
A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.
Envíanos o teu vídeo ou a ligazón ao mesmo a oficina@aelg.org!

Comezamos con este vídeo de Noelia Gómez Calvo.

Pontevedra: Escola de Escritores-as: Obradoiro de creación literaria A escrita é un ovo que rompe, con Ledicia Costas (cubertas as prazas ofertadas polo éxito da iniciativa)

AA escrita é un ovo que rompe Escola de Escritoras-es da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega promove este Obradoiro de creación literaria A escrita é un ovo que rompe, a cargo de Ledicia Costas, e unha clase maxistral de Pedro Feijoo.
Esta iniciativa conta coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio do Concello de Pontevedra.
Debido ao éxito desta iniciativa xa están cubertas as prazas do obradoiro, estando xa varias persoas en listaxe de espera, polo que xa non hai espazo para máis inscricións. Queremos manifestar a nosa satisfacción pola resposta da sociedade a este tipo de iniciativas.

ObradoiroAELG-LediciaCostas-ConcelloPontevedra-baixa96ppp

A Coruña: Obradoiro Literario Itinerante A Coruña e o Mar, a cargo de Xurxo Souto

OObradoiroAELG-XurxoSouto-GADIS-2014-banner Obradoiro Literario Itinerante A Coruña e o Mar, a cargo de Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, dentro da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, co patrocinio de Gadis, é un convite a desenvolver a creatividade literaria de cada un de nós.
Xurxo Souto insiste nos argumentos que lle son máis queridos: A Coruña e o Mar. Unha descuberta de dúas facianas desta cidade-barco, mediante dúas rutas ben diferentes cara o noso espazo interior:

A cidade é un libro que se le camiñando

Agustín Fernández Paz

Sábado, 13 de decembro
Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes, ou como a Cidade Vella e a Peixaría están inzadas de referencias náuticas que hoxe xa non sabemos ver.
Saída ás doce da mañá, dende o “Pórtico de San Andrés”.

Sábado, 20 de decembro
A toponimia das pedras percebeiras da península da Torre, ou o encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade.
Saída ás doce da mañá, dende o cargadoiro de pedra da Praia de Santo Amaro.

O obxectivo final deste obradoiro será realizar dentro dunhas semanas un recital ou lectura pública dos textos que xurdan tras destas dúas viaxes. Máis argumentos para seguir conformando (polo rego de Urbano Lugrís, Monterroso Devesa ou Luísa Villalta) a gran rapsodia da cidade-barco.

Cómpre acudir con papel e lapis, e en disposición de escribir e debuxar camiñando. En caso de que o mal tempo non permitise realizar estes paseos, as sesións do obradoiro desenvolveranse no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, 16)

Para persoas a partir de 16 anos.

Inscrición no 981 133 233 ou oficina@aelg.org

ObradoiroAELG-XurxoSouto-GADIS-2014-150ppp

“Na mesa de debate A crítica literaria en Galicia, no Culturgal 2014″, por Ramón Nicolás

Crónica1416902712731culturgal2014 de Ramón Nicolás arredor do encontro sobre A crítica literaria en Galicia, proposto pola Sección de Crítica Literaria da AELG, desde o blogue Caderno da crítica:
“Resultou, ao meu ver, moi interesante e suxestiva a mesa de debate que se celebrou onte sobre a crítica literaria en Galicia, nun espazo que Culturgal brindou á Sección de Crítica da AELG, organizadora do evento. Os adxectivos veñen ao fío de que o encontro, alén de cumprir co obxectivo de visibilizar a existencia da devandita sección, posibilitou un intercambio de opinións, de perspectivas e puntos de vista sobre parte da crítica que se fai en Galicia e, ademais, tal e como desde o Culturgal se sinalou, contribuíu a desvelar as caras da crítica, cando menos algunhas delas.
A intervención inicial, que correspondeu a Roberto Pascual, comezou facendo referencia ao feito de que a tarefa crítica non remata na lectura individual. Ao seu ver, a crítica, entendida como creación, posúe unha función que vai máis alá do factor puramente mediador e informativo, engadindo que no caso da crítica teatral posúe a especificidade dun ámbito receptor particular que, no caso das críticas a espectáculos, se estende ás compañías teatrais e mais ao ámbito pedagóxico. Non faltaron as referencias á marxinalidade da crítica teatral nos medios, salientando a relevancia do papel que desempeña neste ámbito unha publicación como é a Revista Galega de Teatro.
Montse Pena, que viña tamén de presentar a revista dixital Criaturas, dirixida por Ledicia Costas e Daniel Landesa, da que forma parte do consello da redacción e que recomendo vivamente visitar, articulou a súa intervención partindo dunha posible definición da práctica crítica, acreditando na persecución dun obxectivo como é o de realzar a función estética do que se escribe e comunica. Nucleou, asemade, o seu discuso no que atinxe á crítica da LIX, sendo consciente de que escribe para persoas mediadoras e non directamente para a infancia. Concluíu, tras a referencia cumprida de onde ler crítica de LIX en Galicia, abrazando a intención de se presentar como unha “incitadora a ler”, lectura que debe ser inoculada, claro é, coa sedución pois tal e como Pennac deixou dito: “o verbo ler, como o verbo amar, non soporta o imperativo”.
Mario Regueira, pola súa parte, centrou boa parte da súa intervención en compartir unha reflexión sobre a autonomía real da crítica en Galicia, aludindo á súa propia experiencia como crítico, con periodicidade semanal nos dous últimos anos desde as páxinas de Sermos Galiza, e o que isto conleva como a procura dunha representación paritaria no que se refire a xéneros literarios e non só. Ao tempo, insistiu na necesidade de realizar unha autocrítica desta ocupación, apelando á necesidade de obxectividade e argumentación no traballo crítico, algo ben difícil -sobre todo o primeiro- ao facelo nun país non que non é difícil atoparse, antes ou despois e indefectiblemente, a quen se critica.
Lara Rozados fixo un repaso pola filosofía de traballo da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, plataforma que abraza o feminismo como marco de traballo e perspectiva de análise. Rozados desvelou parte dos obxectivos que se perseguen colectivamente como son “okupar” o espazo crítico para encher invisibilizacións nun ámbito dominado polo patriarcado, intervir con actividades que xeren debate e poñer en cuestión temas e perspectivas.  Aludiu, asemade, á dinámica interna e colaborativa das publicacións da plataforma que pasan con anterioridade por un proceso horizontal de peneira, comentario e debate interno antes de saír á luz: un modelo que posibilita un proceso de aprendizaxe e debate para ir tecendo redes neste ámbito. Concluíu explicando o sentido de iniciativas como Día das Galegas nas Letras e os contidos que ata agora se deron coñecer na devandita plataforma.
Un diálogo, tamén enriquecedor, entre o público asistente e as persoas participantes pechou un acto que, de podermos desde a Sección de Crítica da AELG, repetiremos se se dá a ocasión. Grazas a todas e todos por compartir experiencias e reflexións.

Impugnar os binomios, liberar os discursos, crónica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os

Crónica2014 Programa Escritoras-es Novas-os 1 de Montse Dopico sobre o VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os en Magazine Cultural Galego:
“Poeta ou narradora. Clásica ou anovadora. Urbana ou rural. Literatura de muller ou non. Parte dunha unidade xeracional ou non. Galega ou internacional. Maioritaria ou marxinal. Riquiña ou irreverente. Son os binomios cos que, máis dunha vez, bateu a escritora Berta Dávila. Caixas pechadas nas que cadaquén se ve obrigado a escoller entre os dous termos opostos. Coa ameaza da condena dunha existencia de intrusa, sospeitosa, para quen non renuncia á dobre identidade. Para quen se atreve a impugnar o xogo das preguntas binarias.
Berta Dávila tratou esta cuestión na súa intervención no VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, celebrado pola AELG no espazo Normal da Universidade da Coruña arredor das ‘Propostas de diálogo para tempos mestizos’. Apuntou, así, ao xeito en que están a construírse en Galicia os discursos arredor da literatura. E non foi a única. Samuel Solleiro explicou como esas dicotomías que marcan os lindes dos debates -o experimental fronte ao popular, por exemplo-, serven para perpetuar “unha visión do mundo mítica”, na que non se quere admitir que “a realidade é fea, sucia e impura”. (…)
Hibridar xéneros pode ser, por outra banda, -engadiu [Roi Vidal]-, un xeito de romper. Mais tamén pode selo coller o camiño contrario e “mergullarse na esencia da teatralidade”, caso do teatro “minimalista” e Eva Ferreira, por exemplo. Afastouse, neste aspecto, da opinión de Rosalía Fernández Rial, quen avogou por “violar os xéneros”, desde unha “visión interdisciplinar”. Esta autora distinguiu, ademais, os autores que escriben teatro pensando en publicalo en formato libro dos que o conciben para a escena, postura que considerou máis “interesante”. Reivindicou, ao respecto, unha creación “arriscada, contemporánea e de vangarda”. Comentou tamén, por último, que “que unha peza esta en galego non xustifica a calidade artística”. Sobre o tema da lingua, Roi Vidal salientou, entre outras cuestións, que moitos docentes galegos da ESAD dan as aulas en castelán ou que profesionais do teatro fan un uso só “ritual” do galego, o cal entorpece o seu traballo, ao non sentírense “cómodos” de todo falando enriba do escenario unha lingua que non é a súa habitual.
No encontro participou tamén Samuel L. Paris, cuxa intervención foi presentada por Gonzalo Hermo, -da mesma maneira que Vanesa Sotelo presentara a Roi Vidal e Rosalía Fernández e Mario Regueira a Samuel Solleiro e Berta Dávila-. Samuel comentou que as letras das cancións poden ser tan literatura como un libro impreso. É máis, propuxo dedicarlle o Día das Letras da Hevi de Malandrómeda para desenferruxalo un pouco -o Día das Letras, non a Hevi-. Defendeu que os poetas tenten entender mellor o formato dixital e as súas posibilidades, como a autoedición. “A min o prestixio non me importa, impórtame máis que me lean”, retrucou ao comentario de Gonzalo Hermo sobre o maior prestixio da letra impresa. “Na rede”, -engadiu- “tamén se publica literatura mala”. Mais, igual que no caso do papel, a que vai acabar funcionando, -pensa-, “é a de calidade”, pois a “xente decide”. (…)”

Crónica videográfica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, recital poético

O1414582098758bannerwebaelg VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os tivo lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).

Esta é a crónica videográfica do recital poético co que finalizaron as mesas redondas da xornada, coa participación de Berta Dávila, Mario Regueira, Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial e Samuel L. París, presentados por Alicia Fernández:
Recital de Rosalía Fernández Rial.
Recital de Mario Regueira.
Recital de Gonzalo Hermo.
Recital de Berta Dávila.
Recital de Samuel L. París.

Crónica videográfica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, mesa redonda Máis alá! O futuro da poesía en tempos mestizos

O1414582098758bannerwebaelg VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os tivo lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).

Esta é a crónica videográfica da mesa redonda Máis alá! O futuro da poesía en tempos mestizos, con Samuel L. Paris, coordinado por Gonzalo Hermo, e o posterior coloquio:
Presentación da mesa redonda Máis alá! O futuro da poesía en tempos mestizos, con Gonzalo Hermo.
Coloquio da mesa redonda (I), con Gonzalo Hermo e Samuel L. París.
Coloquio da mesa redonda (II), con Gonzalo Hermo e Samuel L. París.
Coloquio da mesa redonda (III), con Gonzalo Hermo e Samuel L. París.
Coloquio da mesa redonda (IV), con Gonzalo Hermo e Samuel L. París.

Crónica videográfica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, mesa redonda As outras. Os outros

O1414582098758bannerwebaelg VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os tivo lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).

Esta é a crónica videográfica da mesa redonda As outras, os outros, con Berta Dávila e Samuel Solleiro, baixo a coordinación de Mario Regueira e o posterior coloquio:
Presentación da mesa redonda As outras, os outros, con Mario Regueira.
Intervención de Samuel Solleiro.
Intervención de Berta Dávila.
Coloquio posterior con Samuel Solleiro, Berta Dávila e Mario Regueira (I).
Coloquio posterior con Samuel Solleiro, Berta Dávila e Mario Regueira (II).

Crónica videográfica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, mesa redonda Dramaturxia e emerxencia

O1414582098758bannerwebaelg VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os tivo lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).

Esta é a crónica videográfica da mesa redonda Dramaturxia e emerxencia: propostas de diálogo para a próxima década, con Rosalía Fernández e Roi Vidal, baixo a coordinación de Vanesa Sotelo, e o posterior coloquio:
Presentación da mesa redonda Dramaturxia e emerxencia: propostas de diálogo para a próxima década, con Vanesa Sotelo.
Intervención de Rosalía Fernández Rial.
Intervención de Roi Vidal.
Coloquio posterior con Rosalía Fernández Rial, Roi Vidal e Vanesa Sotelo.

Galería de fotos do Paseo pola Coruña Literaria do 15 de novembro, con Xavier Seoane

Deixamos aquí parte das fotos do Paseo pola Coruña Literaria da man de Xavier Seoane, que tivo lugar o pasado 8 de novembro. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí.

1416213468446PaseoLiterarioCorunha-XavierSeoane-20141115-03

1416213469087PaseoLiterarioCorunha-XavierSeoane-20141115-04

1416213470037PaseoLiterarioCorunha-XavierSeoane-20141115-05

1416213472071PaseoLiterarioCorunha-XavierSeoane-20141115-08