Finalizan as emisións ao vivo das I Xornadas Virtuais de Literatura da AELG

«O mércores 28 finalizarán as emisións en directo das I Xornadas Virtuais de Literatura da AELG. Durante os últimos catro mércores de novembro os inscritos nas xornadas terán presenciado desde os seus computadores persoais novos contidos e novos enfoques sobre a obra de Xosé María Álvarez Blázquez e sobre Agustín Fernández Paz, ofrecidos por algúns dos maiores especialistas do país na materia:

XABIER P. DOCAMPO: tomando como punto de partida as posibilidades de utilización da narración oral nas aulas, ofreceunos un percorrido completo polas súas innúmeras experiencias como contador de contos e profesor, até o punto de ternos entregado unha reflexión profunda sobre a tradición oral perdida nos últimos anos e unha rotunda teorización sobre as consecuencias da perda deste valioso instrumento de interacción social e coñecemento persoal.

RAMÓN NICOLÁS: partindo dos seus vastos coñecementos sobre a obra de Agustín Fernández Paz, este crítico literario regalounos un percorrido exhaustivo por ampla e brillante obra deste autor de proxección internacional. Un documento descritivo e valorativo de profundo calado, e sen dúbida a máis actualizada.

XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO: desde a posición privilexiada dunha mente perspicaz e a relación filial con Xosé Mª Álvarez Blázquez, deu para goce público as súas consideracións mellores como analista literario, tanto dunha perspectiva histórica canto estética. Ao tempo, as súas experiencias desde a proximidade familiar forneceron datos imposíbeis desde outros puntos de vista máis afastados. Opinións algunhas veces baseadas no coñecemento da personalidade do escritor, mais sempre cun rigor de biógrafo consciente.

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ: foron un verdadeiro luxo as confesións que este autor nos fixo sobre a súa propia obra, sen dúbida unha das máis sobresaíntes do panorama literario galego dos últimos anos, e mesmo do estatal. De facto, desvelou as descoñecidas orixes dos seus argumentos literarios principais, mostrándonos con todo luxo de detalles os motivos máis significativos, inspiradores ou simplemente azarosos que deron pé para o inicio das súas novelas. E unha auténtica confesión dun mestre sobre o seu particular método de traballo.

VÍCTOR FREIXANES: apoiado nas súas ben coñecidas dotes de experimentado orador, tratou a figura de Xosé Mª Álvarez Blázquez como aquel que sabe ponderar os méritos dun activista cultural, e en particular os que a este autor lle corresponden do punto de vista do seu grande labor editorial. Así, as consideracións ofrecidas sobre Álvarez Blázquez sobre as estratexias de divulgación da literatura en ámbitos inhóspitos, case todos na realidade en certa época para o libro galego, demostraron coñecemento palpábel sobre os esforzos dunha persoa implicada até a medula cun mercado do libro que el mesmo axudou a nacer de modo determinante.

PEDRO SILVA: iniciou unha sección das xornadas caracterizada polas prácticas tecnolóxicas que hoxe resultan imprescindíbeis para a procura de contidos. Así, explicou as características básicas da Internet, definiu os blogues e explicou as características do Blogomillo como comunidade internacional dos blogues en galego. A continuación ofreceu datos sobre o tratamento da literatura no Blogomillo: procurada a cadea “literari” na comunidade de blogues en galego atópanse referencias en 10.000 entradas nos últimos tres meses, no ámbito particular duns mil blogues. Datos que falan eles sós da relevancia dos asuntos literarios na internet en galego.

OSCAR SÁNCHEZ: este mércores falará dos métodos máis útiles para atopar na Rede contidos sobre ambas as figuras tratadas nas xornadas: Xosé Mª Álvarez Blázquez e Agustín Fernández Paz. A súa recoñecida experiencia como persoa da Rede con interese polos contidos culturais fai del un guía de luxo para mergullarnos na procura de datos literarios.

MERCEDES QUEIXAS: esta profesora, investigadora e escritora ofreceranos unhas propostas metodolóxicas para o estudo da obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez, concluíndo así os materiais ofrecidos nestas xornadas cunha documentación específica que propiciará sen dúbida análises literarias ben orientadas desde o punto de vista da súa transmisión ou divulgación.

Para finalizar, queremos resaltar que se ben os contidos ofrecidos son específicos e orixinais polo punto de vista que os fai complementarios, non menos relevante será a partir de agora a AULA DE ESCRITORES na web da AELG, que todos acolle e que estarán disponíbeis nos próximos días para todo aquel que os queira consultar: conferencias, fotos e diversos materiais que crecerán nos próximos meses até converterse nun espazo referencial da Rede.» (Consello Directivo da AELG)

Xosé Mª Álvarez Cáccamo na Universidade de Vigo

No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade de Vigo (Facultade de Filoloxía e Tradución, Aula A4 – pavillón A, Aula 4), no Campus Universitario Lagoas-Marcosende, o 29 de novembro (12:00 horas) contarase coa presenza de Xosé Mª Álvarez Cáccamo.

Vitorino Pérez na Universidade da Coruña

No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.

Na Universidade da Coruña (Facultade de Filoloxía, Campus da Zapateira) o 28 de novembro (12:30 horas) contarase coa presenza de Vitorino Pérez.

Obradoiros literarios de Elvira Riveiro e Marta Dacosta

«A Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración co Servizo Galego de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, continúa mañá en Sanxenxo (Portonovo) e pasado mañá en Cuntis a nova quenda de cinco obradoiros de creación literaria que levaron e levarán durante o outono outras tantas escritoras a Padrón, Ribeira, Santa Comba, Sanxenxo e Cuntis e enfocados principalmente a colectivos de mulleres.
Esta serie de obradoiros dan continuidade a un proxecto que no que xa participaron as escritoras Marta Dacosta, Laura Caveiro, Estíbaliz Espinosa, María Xosé Queizán, María Reimóndez, María do Cebreiro e Concha Blanco.
Elvira Riveiro Tobío: Mañá, 23 de novembro, ás 19:00, no Edificio ultiusos de Portonovo do Concello de Sanxenxo.
Marta Dacosta: Sábado 24 de novembro, ás 20:00, na Sala de esparcemento a Oficina de información xuvenil, no Centro sociocultural José Raido Patelas do Concello de Cuntis.» (AELG)

III Simposio Internacional Letras na Raia

Os días 23 e 24 de novembro celebrarase o III Simposio Internacional Letras na Raia, que co lema “Cinema e Literatura”. Terá lugar no Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra.
«Estes encontros naceron para establecer relacións entre os novos/as creadores/as literarios/as das dúas culturas, para (re)coñecérense, compartiren puntos de vista e opinións, creando un diálogo positivo fronte os problemas e situacións comúns. Para iso contamos co patrocinio fundamental da D.X. de Xuventude e Solidariedade.
O simposio deste ano tratará as relacións entre cinema e literatura, cunha conferencia do escritor Xavier Queipo e unha serie de mesas redondas». Ver programa. (AELG)

Fran Alonso na Universidade de Vigo

No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade de Vigo (Facultade de Filoloxía e Tradución, Aula A4 – pavillón A, Aula 4), no Campus Universitario Lagoas-Marcosende, o 22 de novembro (11:00 horas) contarase coa presenza de Fran Alonso.

Xosé Manuel Martínez Oca na Universidade da Coruña

No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade da Coruña (Facultade de Filoloxía, Campus da Zapateira) o 21 de novembro (12:30 horas) contarase coa presenza de Xosé Manuel Martínez Oca.