Presentación de “Haikús da Costa da Morte”, de Alfonso Armada e Antón Patiño

O venres 1 de xuño terá lugar ás 20:30 horas a presentación por parte de Juan Manuel Bonet do cartafol de gravados e poemas Haikús da Costa da morte, de Alfonso Armada e Antón Patiño, na Galería Antonio Machón (C/ Conde de Xiquena, 8, Madrid). O acto coincide coa mostra actual de Antón Patiño “Memoria líquida”, que se exhibe na Galería Antonio Machón até o día 7 de xuño de 2007.

Presentación de “Saudar a vida”, de Xavier Seoane

O ensaio Saudar a vida. Unha defensa das humanidades na sociedade do coñecemento, de Xavier Seoane, será presentado o xoves 19 de abril, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos d’A Coruña (Rúa Real, 56). No acto, que contará coa participación de Manuel Gallego Jorreto, participarán tamén Cesáreo Sánchez Iglesias, Manuel Bragado (Edicións Xerais) e o propio autor.

Obradoiro de creación literaria na Fundación Granell

Nos meses de abril e maio a Fundación Eugenio Granell realizará un obradoiro de animación á lectura e á creación literaria. Será impartido por Antía Otero, quen tentará levar “a reflexión artística a un ámbito máis pedagóxico para achegalo a un público máis novo”. Para máis información: didactica@fundacion-granell.org. (Fundación Eugenio Granell)

Día mundial da poesía: presentación do cartaz “Poetas de Galiza”

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte a través da súa D. X. de Creación e Difusión Cultural, e cumprindo cun dos seus principais obxectivos (a visibilización da figura dos nosos escritores/as), desenvolveu a idea de elaborar unha serie de carteis que nos axuden a poñerlles imaxe aos/ás nosos/as Poetas, e cuxo primeiro froito agora presentamos, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Poesía este 21 de marzo.
Este cartaz, do que se imprimiron 20.000 exemplares, foi xa distribuído por todo o país. (Véxase en “Novidades” da web da AELG)

Valeriano Bozal na Fundación Luis Seoane

O crítico de arte e profesor Valeriano Bozal (Madrid, 1940) ofrecerá o 22 de marzo unha lección maxistral dentro do curso de iniciación á arte contemporánea da Fundación Luis Seoane. Baixo o título “O crítico ¿é o artista?”, Valeriano Bozal reflexionará sobre a relevancia do discurso teórico na arte contemporánea a partir dos anos 60. (Fundación Luis Seoane)