Reedición de “long-sellers” da literatura galega

Nas últimas semanas foron anunciadas as reedicións dalgúns grandes éxitos da literatura galega, obras que seguen a gozar do fervor dos lectores moitos anos despois da súa saída ao mercado. É o caso de Que me queres, amor? de Manuel Rivas, da que Galaxia vén de sacar a edición número quince e que acumula 65 mil exemplares vendidos. Quince son tamén as edicións de Crime en Compostela de Carlos Reigosa, en Xerais, que tamén puxo nas librarías a vixésimo terceira edición das Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, un dos fitos do sistema editorial galego con perto de setenta mil exemplares vendidos.

A Coruña: presentación do libro Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar, de Victorino Pérez

O próximo 12 de febreiro, xoves, ás 20:00 no centro Fonseca dos xesuítas, terá a presentación do libro Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar, de Victorino Pérez, con Modesto Vázquez e Joaquín Garcia de Dios. Falarase tamén do libro anterior do mesmo autor Más allá de la fragmentación de la teología, el saber y la vida. Raimon Panikkar.

Oleiros (A Coruña): presentación do libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950))

O vindeiro venres día 23 de xaneiro, ás 20,00 horas, vaise presentar na Casa do Pobo de San Pedro de Nós (Oleiros-A Coruña) o libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950) (Editorial Trifolium), do que é autor o investigador e profesor na Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, Carlos F. Velasco Souto.

Estarán presentes no acto de presentación do libro Carlos F. Velasco Souto (autor, profesor de Historia Comtemporánea na Universidade da Coruña), Emilio Grandío (investigador, profesor no Departamento de Historia Contemporánea e de América na Universidade de Santiago de Compostel). (Editorial Trifolium)

O grupo poético De Amor e Desamor celebra os seus 25 años

«Durante este ano, os segundos martes de cada mes, a sede da asociación cultural Alexandre Bóveda, na Coruña, acollerá un recital poético para celebrar os 25 anos do grupo De Amor e Desamor. Esta xeración xurdía na cidade coruñesa en 1984 e reunía a poetas que van desde o falecido Lois Pereiro ata Monterroso Devesa, pasando por Xavier Seoane, Manuel Rivas, Lino Braxe, Pilar Pallarés, Miguel Mato e Salinas Portugal. Estes autores publicaron entón un poemario actualmente descatalogado.[…]» (La Voz de Galicia)

En Noia presentouse un conto inédito de Avilés de Taramancos

«O Concello de Noia presentou onte un conto inédito de Antón Avilés de Taramancos titulado O cabalo de vidro. Este texto foi escrito polo poeta noiés na década dos 50 durante a súa etapa na Coruña e foi achado hai uns anos no fondo dun baúl. En 2004 chegou a mans da profesora Aurora Marco, que foi a promotora da publicación. […]» (Galicia Hoxe)