Compostela: presentación das Actas da I Xornada sobre a figura de don Juan Antonio Posse

O xoves 4 de decembro ás 20:00 terán lugar a presentación na Libraría Couceiro de Santiago as Actas da I Xornada sobre a figura de don Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento. Falarán: Ana Romero Masiá (catedrática IES Monte dos Postes-A Coruña), Pegerto Saavedra (catedrático Historia Moderna USC), Ramón Mariño Paz (profesor titular Filoloxía USC), Xosé Mª Méndez Doménech (membro do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte), Xosé Mª Lema Suárez (editor destas Actas) e Jacobo Llamas (director Ed. Toxosoutos de Noia).

Os autores de Vieiros en formato dixital

No lombo do atlántico é un libro en formato .pdf que recolle os doce relatos inéditos co mar como protagonista escritos este verán polos autores de Vieiros. Entre eles e elas figuran Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto, Rexina Vega, Xabier Paz, Francisco Fernández Naval, Xosé Vázquez Pintor, Agustín Fernández Paz e Suso de Toro.

O escritor anglosaxón Bali Rai percorrerá os institutos galegos ao longo da próxima semana

O escritor, que ten no seu haber preto dunha vintena de títulos, algúns de tanta repercusión coma Rani & Sukh ou The crew e prestixiosos premios coma o “Brandford Boase Award Shorlist” ou o “Angus Book Award”, percorrerá ao longo da próxima semana os centros educativos da Coruña, Sada, Arteixo, Silleda, Catoira, Boiro e Santiago de Compostela para partillar cos rapaces e rapazas a súa experiencia de fillo de emigrantes hindús -punxabis- e os seus problemas de integración dentro dunha cultura tan diferente como é a anglosaxona. Este diálogo cara a cara cos rapaces terá como punto de partida a presentación do seu libro Un casoiro ben mal amañado, editado recentemente por Sotelo Blanco. A obra, destinada a un público xuvenil, retrata, cunha linguaxe áxil e sen complexos, o conflito que representa para un rapaz adolescente desafiar as ríxidas estruturas patriarcais da cultura punxabi e forxarxe a si mesmo para procurar a propia identidade. (Sotelo Blanco Edicións)

A Coruña: presentación do poemario Nocturnidade do sal, de Alexandre Nerium

O día 21 de novembro, ás 19:00 na Real Academia Galega, terá lugar o acto de presentación do poemario Nocturnidade do sal, de Alexandre Nerium (Sotelo Blanco, Col. Edoy Leliadoura). Intervirán Xosé Luís Axeitos Agrelo, Francisco Fernández Rei, Salvador García Bodaño, Xosé María Dobarro Paz, Olegario Sotelo Blanco e o autor.

A Coruña: presentación do poemario Da carraxe e da paixón, Xosé Manuel Cairo Antelo

O 19 de novembro ás 20:00 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) terá lugar a presentación do poemario Da carraxe e da paixón, Xosé Manuel Cairo Antelo. Intervirán Xulio Valcárcel, Fidel Vidal, Miguel Anxo Fernán Vello e o autor.

Novos libros de Victorino Pérez

Comunicamos a aparición do novo libro Dios, Hombre, Mundo, de Victorino Pérez (Editorial Herder), que será presentado o próximo 10 de decembro en Barcelona, aínda que xa se pode adquirir. Lembramos que publicou este ano tamén Más allá de la fragmentación de la teología, el saber y la vida: Raimon Panikkar (Ed. Tirant lo Blanch), con prólogo do mesmo Raimon Panikkar.